Experiencias: “Recuperando o corpo en positivo. Unha sexualidade desde o pracer e para o Botrato”

Algunhas compañeiras que participaron nos meses de abril e maio pasados no obradoiro “Recuperando o corpo en positivo. Unha sexualidade desde o pracer e para o Botrato” comparten hoxe con nós algo do vivido.

Fano a través da palabra e dalgunha foto… Velaquí vai! A desfrutalo…

1

– “Lévome a pacificación e a reconciliación co meu corpo, que sexa un aliado. Marcho tamén con preguntas: por exemplo, como sobrevivir na vida cotiá desde o que traballamos aquí… E vou incorporar no a diario a sensibilización corporal global e xenital. Lévome a experiencia de sororidade, de seguridade no grupo; unha experiencia de botrato concreto” (Christina)

2

– “Lévome un montón de cousas, por exemplo, reverter a dor en pracer ao entender a teoría. E reverter a sexualidade, a sensualidade… reverter esa enerxía en nós mesmas. E tamén a ampliación do noso mapa erótico, que ao final depende de pequenas cousas. Como o vento, que xa é marabilloso… Aprendín que o pracer está en min e é meu, así que podo permitirmo, respiralo. Reconectei co chan pélvico, recuperei os sentidos… E as coidadoras, cos centros temáticos; esa figura das coidadoras, encántame. Todo o obradoiro, marabilloso!” (Tai)

– “Eu lévome esa sensualidade que está en min, podo desfrutala… Vivir cunha sexualidade nova e propia, e o divertido que pode ser… O gozo e a apertura do corpo… Conectar… Sentir o meu corpo desexable… Podo respirar o pracer. Foi moi divertido este obradoiro! A picardía de vestirnos con erotismo…” (Olalla)

4

– “A erótica do pracer triunfou definitivamente  sobre a erótica da dor,  tan metida no meu ADN. O lúdico, a sorpresa, a sensualidade, o erotismo e autoerotismo, o pracer, a liberdade… foron abríndose paso en min empoderándome, facéndome sentir ben habitando o meu propio corpo, reconciliándome con el tras moitos anos rexeitándoo, maltratándoo, ocultándoo… Tamén neste obradoiro descubrín o erotismo da sexualidade delicada unida ao botrato… e que estar en paz ao lado doutra persoa é totalmente erótico. Foi un obradoiro gratamente divertido, suxerente, creativo, respetuoso…. Sentínme moi a gusto no grupo e valoro moito todo o compartido entre nós e o botrato. Grazas a todas e a Tareixa por depregar unha vez mais a súa maxia” (Patricia)

IMG-20230529-WA0008

Xornada do Reencontro 2023 – Das relacións de poder ás relacións de igualdade. Construíndo Botrato desde o respecto ás diferenzas

Benquerides compañeires. De novo a convocatoria da Xornada do Reencontro de Primavera! Desta volta para o domingo 11 de xuño, de 10h30 a 18h en Compostela.

Este ano vai ser especial porque, por primeira vez, a convocatoria está pensada para ti que te defines como muller, para ti que te defines como home e para ti que te defines desde outra identidade.

XR Primavera 023 JPG

Se sentes que é un bo momento para ti para facer este camiño, reserva data na axenda e apúntate antes do xoves 1 de xuño, por was, correo-e ou chamando por teléfono ao 639 20 36 69. As prazas van ser limitadas.

Unha apertiña e moito Botrato para as vosas vidas!

Jogando ao prazer, unha invitación de Olga Romasanta

A compañeira Olga Romasanta preséntanos esta fermosa iniciativa… Unha invitación a xogar co noso pracer e a compartilo con ela para unha posterior divulgación…

Aí vos deixo da súa man, o seu convite con todas as explicacións… Pode ser sen máis un exercicio persoal… e tamén che pode apetecer despois compartilo (ou non…).

Anímate a xogar co teu pracer!!!

“Há uns quatro ou cinco anos -durante um curso da genial Tareixa Ledo- tivem o sonho de fazer algo arredor do prazer. Algo que me permitisse explorar a minha relaçom com este tema dum jeito transformador e prazenteiro (óbvio!), que me conectasse com outras pessoas e que apoiasse a gente que tenho perto pensasse também nisto. Para todas juntas irmos abrindo-lhe espaço ao prazer nas nossas vidas, e desde aí transformar a nossa relaçom com os corpos. E desde aí, transformá-lo todo.

Esse projecto ficou aí parado, como tantos tantas vezes, mas agora sinto o impulso de
retomá-lo de novo e fazer algo com ele: um fanzine com textos e ilustraçons sobre o
prazer, que verá a luz este verão. Umha mantinha cosida com os prazeres de muitas, na
que mirar-nos e desde a que crescer.


A minha ideia é juntar prazeres doutras, permitir-me entrar neles como se fossem meus, reimaginá-los, re-escreve-los. Se che presta participar tes umha guia na página seguinte que te pode apoiar em como faze-lo. Juntarei retalinhos até o 30 de junho, podes fazer-me chegar o teu como che vaia melhor:
– Por correio electrónico, a olgaromasanta@gmail.com
– Por correio postal: Olga Romasanta Iglesias. Praça de Ultramar, 1-2, 6º C, 15402
Ferrol.
– Por audio ou mensagem, no 679 799 481.
– …ou mesmo contando-mo em pessoa!

Este é um tempo para o prazer. Um tempo para ti. Toma-o como um agasalho, no que
conectar com espaços, pessoas e sensaçons que che fam bem.

Busca um espaço que seja prazenteiro para ti, prepara-o, pom-te cómoda. Respira fondo… Conecta com o teu corpo… E desde ai…


1. Conecta com um momento no que sentiras prazer. Grande ou pequeno, único ou
quotidiano, há muito tempo ou esta mesma manhá. Nom julgues, só colhe um
recordo no que che preste entrar

2. Entra na escena, como se fora um filme. Que há nela? Que passa? Como é o lugar? A
que ule? Que ves? Que sensaçons tes no corpo? Recria-te nela, com liberdade


3. Colhe papel e boli, computador, ou o que che seja mais cómodo, e volca ai a
descriçom da escena e as tuas sensaçons. Nom tem que estar bem escrito, só é um
jeito de recolher ideias. Mesmo pode ser um debuxo

4. Se che presta, fai-me chegar o teu momento de prazer. Se nom, fica com ele como
um presente para estes dias

O prazer é mui amplo, diverso. Segundo como nos fagamos esta pregunta podemos
acesso a uns recordos ou outros (todos eles igual de gorentosos!). Se queres seguir
jogando, podes fazer-te outras perguntas…

  • Um momento especialmente prazenteiro para os teus sentidos, para todos eles.
  • Um momento no que sentiras um prazer único, inesperado, que te surpreendeu.
  • Um momento de prazer erótico ti soa, ou com outra(s) pessoa(s).
  • Um momento de prazer na natureza.
  • Um momento de prazer quotidiano.
  • Um momento de prazer com amigas ou família.
  • Um momento de prazer no teu trabalho…
  • …e assim até onde queiras
    Boa viagem!”

Mente en silencio, mente feliz… e vida feliz! Nazareth Castellanos:

De novo con Nazareth Castellanos, física teórica, doutora en neurociencia, investigadora da relación entre cerebro e corpo… e marabillosa divulgadora.

Da súa man comprendemos como a maior causa de infelicidade é a nosa divagación mental: ese constante parloteo interno que non cesa, pensando en cousas do pasado e do futuro, dándolle á cabeza sen descanso… E como, a través do contacto corporal, podemos ir chegando a unha calma mental que nos proporcione benestar e paz interior

Verdade que nos resoa todo isto a quen coñecemos e traballamos a Terapia do Reencontro?

Invítote a escoitala neste video, facendo clic aquí.

Tamén podes visualizar nesta mesma páxina: “Como inflúe o teu corpo nas túas emocións” (editado o 03/11/2022) e “Como inflúen no cerebro a postura corporal e as expresións do rostro” (editado o 14/02/2023).

Mulleres labregas polo Botrato

Esta pasada fin de semana, labregas das diferentes comarcas do país celebraron o seu XVII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego ao redor do lema “Identificando as violencias e construíndo o bo trato“.  

      1679335086067         1679334959002

Tiven o privilexio de acompañar o domingo pola mañá o espazo de obradoiro “Maltrato e Botrato. Eu escollo o Botrato na miña vida“. Alí compartimos vivencias, algunhas ben dolorosas e outras coma ansias e camiños de botrato para as nosas vidas… Graciñas compañeiras!!!

Velaquí dous momentos do espazo…

16793363483591679336348371

E se queres saber algo maís, podes entrar na páxina da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego en http://sindicatolabrego.gal/index.php?s=3&i=2014

“Círculo de Mulleres. Inspira” para mulleres entre 18 e 25 anos…

Ana Seijo Cuba, psicóloga e terapeuta Gestalt formada en Musicoterapia, Videoterapia e Arteterapia, e participante en espazos de Terapia do Reencontro, envíanos esta prometedora convocatoria para a súa divulgación. Desde Alento e en colaboración con Mandala, ela e mais Beatriz Viñal González van facilitar o espazo “Círculo de Mulleres. Inspira“, un espazo de coidado para mulleres de 18 a 25 anos.

Será os sábados 29 de marzo, 29 de abril e 27 de maio, cun retiro de remate no mes de xullo. A inscrición ata o 17 de marzo… Podes acceder ao resto da información máis abaixo.

Moito éxito para este fermoso e tan necesario proxecto, Ana!!!

IMG-20230308-WA0033IMG-20230308-WA0034  IMG-20230308-WA0035

Obradoiro: Recuperando o corpo en positivo. Unha sexualidade desde o pracer e para o Botrato

Benqueridas compañeiras

Velaí esta invitación para un novo espazo de encontro desde o botrato: o obradoiro teórico-práctico para mulleres “Recuperando o corpo en positivo. Una sexualidade desde o pracer e para o Botratro”.

Imos parar a escoitar o noso corpo para deixar de vivilo como un lugar de dor, aprender a valoralo e vivilo en positivo. Precisamos escoitar o noso corpo para decidir as cousas da nosa vida desde nós mesmas… Calquera persoa podemos sentir pracer e benestar, e tamén dalo e recibilo… Iso é vivir o corpo desde o pracer, vivir en equilibrio e con saúde integral…

Traballaremos diferentes aspectos de autocoñecemento: a linguaxe corporal e a integración corporal, respiracións, os sentidos corporais e as fantasías eróticas, globalidade e xenitalidade, relaxacións, coidado e autocoidado, saúde integral

Faremos esta preciosa ruta en Compostela, os domingos 2, 16 e 30 de abril e 7 de maio, en horario de 10h30 a 18h.

Desta volta podes facer extensiva esta invitación a outras mulleres da túa vida: amigas, parella, irmás, fillas, colegas, veciñas…

Para apuntarte, chama ao 639 20 36 69 antes do luns 20 de marzo. Coma sempre, as prazas van ser limitadas.

Unha apertiña.

Recuperando o corpo JPEG

Unha nova oportunidade de autocoñecemento: a Lectura de Rexistros Akáshicos

Benquerida/o compañeira/o

Hoxe chego cunha proposta un pouquiño diferente, especialmente fermosa e transformadora.

Quero invitarte a unha Lectura de Rexistros Akáshicos, unha metodoloxía na que me formei no ano 2021 e da que levo facendo sucesivas prácticas, todas elas moi beneficiosas para as persoas que participaron nelas. Quero ofrecercha agora coma unha posibilidade máis no teu camiño de autocoñecemento.

RA Tarxeta JPG

Que é unha Lectura de Rexistros Akáshicos?

A Lectura de Rexistros Akáshicos faise nunha sesión única, ben en presencial, ben en liña.

A través dunha sesión individual axúdoche a chegar ao centro do teu ser  para que atopes respostas a preguntas da túa vida. A isto chámaselle Lectura de Rexistros Akáshicos (ou tamén Lectura do Libro da Vida ou Lectura do Libro da Alma).

Os Rexistros Akáshicos son un espazo enerxético onde se garda a memoria universal de todos os seres (como unha especie de “Internet Cósmico”). Neste campo de información predominan a enerxía positiva e un amor incondicional.

A Lectura de Rexistros Akáshicos é un xeito de entrar nese campo de información para acceder á nosa voz interior e confiar nela ao vela confirmada por unha persoa externa, ampliando así o noso autocoñecemento.

Permite unha apertura consciente á nosa sabedoría interna -sempre amorosa– que nos conecta coa alegría e a paz fondas que aniñan no noso adentro máis íntimo.  

Como se desenvolve unha sesión?

Ti fas unha serie de preguntas, abrimos o espazo dos teus Rexistros Akáshicos e lemos a información canalizándoa desde o corazón e expresándoa en voz alta. Podes facer preguntas relacionadas con calquera aspecto da túa vida: a familia, o traballo, a parella, a saúde, os teus animais…

Preguntas como: Que teño que aprender da situación X? Que crenzas ou guións de vida me limitan no tema X (traballo, diñeiro, amizade…)? Como podo mellorar a miña relación con X (nai, pai, parella, amiga/o…)? Cal é o propósito da miña vida? Por que teño esta sensación de soidade/ira/abandono/perigo… na miña vida e que podo facer para soltala? Que me quita tempo/vitalidade/alegría/enerxía… na miña vida? Como podo orientar a miña vida profesional/amorosa/familiar…?

As respostas son respostas desde o corazón e adoitan ser concretas e concisas. Axudan a comprender e tamén a tomar decisións desde o adentro, desde ti, con claridade. Con elas ordenamos o pasado e o presente, sandamos feridas, eliminamos bloqueos… facemos camiño de crecemento persoal.

Unha sesión posibilita a sanación a diferentes niveis e sempre ten por finalidade axudarnos a atopar paz interior e ser máis felices. Cando o corazón fala é para que poidamos sentir todo o amor e a plenitude que están en nós, e sobre todo hai claridade e seguridade para ampliar o poder da nosa vida con consciencia e eficacia.

Se algo resoa en ti ou queres facer calquera pregunta, podes poñerte en contacto comigo a través do was, do correo-e ou chamándome ao 639 20 36 69.

Dáme moita alegría poder compartir contigo esta nova ruta de autocoñecemento e botrato.

Apertiñas cálidas desde o corazón.

Como inflúen no cerebro a postura corporal e as expresións do rostro…

De sempre escoitamos que tiñamos cinco sentidos: o olfato, o oído, a vista, o tacto e o gusto…

A coñecida neurocientífica Nazareth Castellanos -da que temos recollido varios artigos e videos nesta páxina- fálanos de dous sentidos dos que empeza a falar a neurociencia. Son a interocepción e propiocepción.

A interocepción ten que que ver coa información do noso propio organismo, do que lles está a pasar aos nosos órganos; unha información que lle chega ao noso cerebro e que é prioritaria para el. En concreto, fálase da importancia do corazón, da respiración, do estómago e do intestino.

A propiocepción ten que ver coa información que lle chega ao cerebro de como está o noso corpo por fóra: a postura, os xestos, as sensacións… “Se teño unha cara enfadada, o cerebro activa mecanismos de enfado… cando o corpo ten unha postura propia de estar triste, o cerebro activa mecanismos neuronais de estar triste”.

Podes ler o artigo presionando aquí

Como inflúen no cerebro a postura corporal e as expresións do rostro, ou cal é o poder dun sorriso sabémolo ben quen nos iniciamos na Terapia do Reencontro e traballamos todo isto co corpo da dignidade, coa respiración polos pes e con moitas outras ferramentas…