As fillas bravas… Unha obra de teatro que fala sobre da sexualidade das mulleres…

A compañía Chévere segue a presentar un teatro con perspectiva de xénero: as Fillas Bravas fala sobre da sexualidade, sobre das relacións de xénero, e sobre os roles das mulleres na sociedade tradicional galega. E faino con liberdade, desenfado e grandes doses de humor, para desenmascarar mitos, escapar do rol de vítima e reafirmar modelos empoderados de mulleres.

As fillas bravas é un espectáculo para todos os públicos. A obra está protagonizada polas incríbles Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar, que dan vida a tres pandereteiras que tocan e cantan do cancioneiro tradicional o que lles peta como fixeron a súa nai e a nai da súa nai.  Estas tres señoras maiores que nos sorprenden, provocan empatía ofrecendo unha boa dose de autoestima e gargalladas.

A obra pódese representar en salóns de actos de calquera instituto para rapazas e rapaces de entre 14 e 18 anos, e mesmo se ofrece unha unidade didáctica para docentes que queiran traballar a igualdade, a educación afectivo-sexual e a prevención da violencia machista. Tamén se ofrece a posibilidade de realizar un obradoiro despois de ver a obra.

Pola sinxeleza da montaxe, a obra tamén se pode adaptar a centros cívicos ou  residencias e ofrece a posibilidade de realizar un coloquio moderado por persoal especializado ao rematar a función.