O traballo coas emocións, unha vía directa de empoderamento

Ana Belén comparte comigo estas descubertas e vivencias nos días seguintes de participar nun obradoiro sobre emocións. Estimeinas de tanto interese que lle pedín permiso para publicalas… Graciñas, Ana!

“Preciso compartir contigo, Tareixa… Seguindo coa miña comprensión emocionada de onte, e dende o corpo de que o “permiso” para as emocións segundo o xénero non é casual, senón que atende ao interese do patriarcado, daquela o traballo coas emocións para as mulleres é unha vía directa de empoderamento!

Hoxe vexo que as miñas emocións, por unha cuestión de xénero, son emocións do ámbito privado. Vexo e entendo que o meu crecemento é tamén unha cuestión política, porque algo teño que desactivar para saír ao público e poñerme no mundo. Sen ese traballo, toda a miña creatividade, talento e sabedoría, terán un impacto mínimo. Por outro lado, moitas das mulleres que triunfan no público, que adquiren poder, é coas claves e permisos do patriarcado, así que se fan defensoras do que hai… Como afecta esta comprensión á miña vida? Quedo con esta pregunta. Por sorte, moitas mulleres están e estamos cambiando o mundo.

Tareixa, que casualidade! aparecéuseme este libro, El corazón tiene sus razones. Conocer el lenguaje de las emociones, de Isabell Filliozat, que pon palabras a esa comprensión. Estouno lendo con perspectiva de xénero e atopando respostas que me ordenan por dentro.”

Ana Belén (setembro de 2015)