Hai uns días propúxenlle a Verónica a posibilidade de que relatara algo do seu proceso, realizado a través de diferentes obradoiros e sesións individuais. Este é o seu relato…
Mil grazas por pararte amablemente contigo, Verónica! Mil grazas por contarnos algo do teu camiño!
“Ola Tareixa!!
Estes días notei un avance no meu proceso interior que me fixo sentir con claridade a importancia do traballo que fixen contigo e que agora, rumiando, sigo facendo.
Comprendín e vivenciei a importancia de poñerlle voz aos meus sentimentos e aos meus recordos, de facerme eco deles como parte da miña historia e como forma de sandarme e de axudar a outras persoas a comprenderme e coñecerme mais auténtica, mais real…
É agora que podo comezar esta tarefa de contar os máis recentes pasos do meu camiño. Agora, Tareixa, xa sinto que é o momento… e que momentazo sentir!!!!
Póñome a pensar na miña vida… tamén no proceso que resultou do traballo persoal desde que comecei o primeiro obradoiro de Terapia de Reecontro facilitado por ti, o de Crises e loitos, en 2013.
Desde este outro lugar no que agora me atopo e até o que me acompañaches tan sabiamente, decátome en primeiro lugar do gran traballo que fixen disfrazando a miña nena ferida. Canto tempo e canto esforzo me levou a tarefa de taparme con coidado, de decorar recordos de moita dor e incomprensión na infancia e na adolescencia para non velos, disimulalos entre o resto de pensamentos para resistir o dano que me causaron. Por un lado, ben, resistín, non me afundín. Saín adiante! Pero por outro lado, mancábame. Porque para poder avanzar na vida sen aquela dor, a opción foi converterme na muller “mais forte”: na “Salvadora”. Non foi difícil, xa estaba escrito na raíz familiar das mulleres traballadoras, loitadoras, resistentesatodo e paradiantexamaiscaraatrás e contratodosefaifalla da miña familia… facéndome tan dura, medrando tan dura, que polo camiño empecei a deixar de sentir.
Durante todo este tempo de vida até ben entrados os trinta anos, tiven momentos nos que a miña “Salvadora” fraqueou. Eses momentos -véxoo agora- foron cada vez máis frecuentes. Neses momentos non vía con claridade e non era capaz de relacionar os feitos do meu pasado (o dano de nena, o meu proceso vital…) con esa dor sentida xa de adulta… Cría que a dor tiña que ver cunha ruptura sentimental, coa mala relación coa miña nai, con algún fracaso nos estudos ou no traballo, coa perda de amizades ou coa sociedade capitalista e patriarcal… E si, eran esas cousas as que me ferían pero, no fondo, eu presentía algo moito mais troncal. Como se eu fora así, “Triste”, e como se os feitos máis infelices da miña vida puideran desatar a esa muller danada que se quedaría alí para sempre… Incluso cando era feliz, intuía que “Triste” estaba aí, esperando saír: que feliz son, pero seguro que agora pasa algo malo… pensaba.
Cando presentía que “Triste” quería saír, tiña tanto medo a converterme nesa muller, que apertaba os puños e veña, para diante, e aí aparecía “Salvadora”, a muller que podecontodo, que me volvía rescatar do que eu cría sería caer nun pozo sen fondo. Véndoo agora, que medo tiña que ter! E así o círculo volvíase pechar e eu reforzada na aprendizaxe: pasar polos feitos máis duros da vida como se nada. Non hai dor. Muller sen dor.
Pero nin “Salvadora” me puido salvar da morte do meu compañeiro! Isto fixo falta para que, por fin, saíra “Triste” e ocupara o seu lugar. Acabei por caer no pozo ao que tanto medo tiña! Foi nese momento que te atopei, Tareixa, e fun quen de pedirche axuda. E crendo que só ía facer un obradoiro para o loito e o dó, atopeime coa miña historia que tamén era a historia doutras mulleres. Coa axuda dos obradoiros e das sesións individuais, fun quen de mirar con moito amor e compaixón ese lugar que me daba tanto medo, para comezar a sandar a ferida profunda. Ese foi o comezo do final deste labirinto.
Desde ese momento até agora foron tres anos de limpeza e posta en orde. Agora sei que teño cicatriz e teño que ter conta para que non se abra a ferida. E, se abre, quero acoller e atender a miña dor, que forma parte da miña vida, igual que a alegría. Agora sei que non son peor se recoñezo a miña vulnerabilidade e que podo pedir axuda. Sei que teño que controlar a miña fortaleza porque pode afogar a miña sensibilidade. Tamén comprendo que o persoal é político. E compréndoo desde min. E todas as ferramentas do feminismo cobran sentido, porque as podo usar para min: a importancia de dar voz aos sentimentos, a revolución dos coidados e das emocións, as redes de sororidade…
Agora xa non é duro mirarme. É un traballo a facer cada día e con pracer. Coñecéndome e recoñecéndome noutras. Entretéñome nesa tarefa de coidarme e até comezo a poder coidar, tamén. Con moito amor, con moito humor.
Sae o sol e vén a noite, hai verán e inverno. En todo hai luz e en todo hai sombra… a vida!
Grazas á vida! Grazas Tareixa!
Com prazer.”
Verónica (marzo de 2016)