A sexualidade en persoas con diversidade funcional – Por unha corporeidade postmoderna…Tres documentais e unha película

Tan só moi recentemente empezamos a falar da sexualidade das persoas con diversidade funcional, das súas vivencias e do que poden achegar á comprensión da sexualidade tal e como a fomos construíndo e comprendendo.

Presentamos aquí tres documentais e unha película que poden ampliar a nosa maneira de pensar os corpos e a sexualidade máis alá de cánones pechados e preestablecidos:

Yes, we fuck (Si, nós fodemos) é un documental que aborda a sexualidade en persoas con diversidade funcional. A través delas descubrimos e re-descubrimos o sexo como unha fonte de gozo, de interacción e de crecemento persoal que abre a porta á diversidade de corpos e de sexualidades… Máis abaixo, un trailer do documental.

O video Por unha corporeidad postmoderna no que Asun Pié Balaguer (autora do libro co mesmo nome) defende “outra maneira de abrir e pensar o ser humano na súa complexidade e pluralidade que non se pode pechar en ningunha definición… Abrir a sexualidade, desxenitalizada, facela explosionar… contribúe a unha idea plural de corpos… un exercicio de sexualidade aberta, sen estigmas, sen imposicións, sen estigmas heteronormativas…”.

Soledad Arnau (directora de “Acuéstate conmigo”) fala de que ela mesma, como persoa con diversidade funcional, pode ser un exemplo de corporeidade postmoderna: “as persoas que somos diferentes, incluida a diversidade funcional, temos a mesma cabida… Isto pode aportar en positivo incluír as sexualidades diferentes, disidentes, subversivas. Son tan boas e tan válidas coma calquera outra…”

Finalmente, Antonio Centeno (co-director de Yes, we fuck) fala da corporeidade postmoderna como “aquela que mira o corpo máis alá da realidade física do corpo… máis alá da razón cartesiana que se outorgou o poder de escribir o mundo dun xeito único… aporta unha ferramenta moi potente para disolver dous mitos que configuran a idea da discapacidade:  o mito da normalidade (pensar que hai algo que é normal) e o da autosuficiencia (pensar que hai individuos que poden organizar a súa existencia sen contar cos e coas demais)… A corporeidade postmoderna apela á diversidade e a interdependencia… ao corpo, ao sensible como lugar de encontro…”

E o video Asistencia sexual, una figura en construcción no que se aborda o contido da Xornada co mesmo título, realizada na Facultat de Dret (facultade de Dereito) da universidade de Barcelona o pasado 30 de xuño do 2015.

Con esta mesma temática, recomendamos a fermosa película norteamericana Las sesiones (do director Ben Lewin, 2012). Esta película, baseada en feitos reais, relata a relación entre unha substituta (ou asistenta) sexual e un home tetrapléxico e cun pulmón de aceiro que vai descubrindo o seu corpo e o pracer da sexualidade a través dela.