Hai unhas semanas rematamos o obradoiro Os cambios na vida, e unha compañeira quere facernos esta achega que reflicte algo do camiño que realizou. Mil grazas por compartir connosco con tanta xenerosidade!
“Para min o espazo do obradoiro de cambios foi unha aprendizaxe moi importante, axudoume a asimilar coñecementos dunha forma diferente, máis fonda e máis real. Na teoría xa coñecía algunha das propostas da Terapia do Reencontro, pero entendíaas desde a distancia, como unha lógica matemática, e até estando de acordo, non conectaba con iso, estaba como “des-centrada”.
Resultou fundamental ser un espazo de coidados e respeto, no que non me sentín xulgada, para identificar como é sanador afastarse do xuízo, do pre-xuízo e da culpa. Saber que espazos con estas características me aportan benestar, a pesar de non ser o meu imaxinario de referencia, motívame a arriscar, a facer o esforzo de desprazarme fóra da miña zona de confort, xa que é de confort por coñecida, non por agradábel.
O feito de poñer o corpo no proceso e de partillar as experiencias neste grupo seguro, confiábel, achegoume a identificar con máis claridade eixos da miña identidade. Os conceptos chaves que me están a axudar son:
Guión de vida (a conducta aprendida na que me coloco repetidamente ao longo de diferentes contextos na miña vida, o rol que xogo nos grupos) e descubrín, repasando os labirintos de distintas etapas vitais, que o meu guión pasa por tentar coñecer, sentir control e destacar. Facer o posíbel por me achegar ao papel de nena ideal, moza ideal, estudante ideal, muller ideal, etc. Obter o recoñecemento externo e estar no centro do cadro.
Crenza antiga (a idea inconsciente de min mesma na cal se sustenta o guión). Rebuscando na dinámica do meu guión e na miña historia familiar, encontreina: “non son importante”, eis a miña crenza. Ser unha ninguén -vaia substantivo perverso da nosa lingua para definir a alguén na negación-, pero coa porta aberta a “chegar a ser”, a través do esforzo e sacrificio.
Descubrir esta crenza axúdame a entender como construín a miña identidade, e todo un novelo que se desenvolve a partir diso: “teño que ser “importante” para que me queiran” ou, a concepción do amor e o recoñecemento baseado en condicións. Descubrín tamén como este mesmo criterio o emprego eu contra das outras persoas: hai quen merece admiración e bo trato, e hai quen non som(os) merecedoras, incluso hai quen merece(mos) o desprezo. Entre as que me coloco cando entendo que cometo un erro, polo cal sinto culpa e me castigo. Xulgo com rigidez e dureza, segundo un estricto baremo moral, o do meu mito (un terceiro conceito que estou a descubrir, como o conxunto de valores que para min definen o mundo), que por outra parte, nego nun nivel máis consciente e racional, xa que vai contra os meus principios ideolóxicos. Até que punto daquela son principios? Se os que están primeiro son case antagónicos, asimilados de forma inconsciente? Refírome a cuestións como a horizontalidade, a autoridade, a valia ou o deber.
Recoñecer esta contradición é un primeiro paso cara unha coherencia necesaria para min, entre o sentimento íntimo e o discurso no espazo do común. Desta contradición xa era consciente, pero sempre me xustificaba nunha serie de condicións e multicausalidade externa (sociedade, familia…) que me servía de escusa e de reafirmación no meu rol de “víctima” das circunstancias.
No obradoiro fornécense ferramentas que, recoñecendo a importancia fundamental das circunstancias na nosa propia construción, abren tamén a porta a intervir sobre a nosa forma de enfrentalas. Eu non son apenas “eu e as miñas circunstancias”, mais “eu, as miñas circunstancias e as miñas decisións”. Entendín, con dor, que ficar no lugar do resentimento e a impotencia era tamén unha escolla. E que estaba escollendo ficar nun lugar de confort (por coñecido), pero non nun lugar de benestar e pracer. Existe ou debera existir, o dereito ao pracer e a desfrutar a propia vida?
Descubrir o meu guión de vida foi, da man da crenza antiga en que se sustenta, moi esclarecedor. “Teño que ser importante”, ese rol, que sempre definín como “perfeccionismo e auto-esixencia” , destapou moito máis. Destapou unha inseguridade, un medo, unha negación: “non son merecedora”. Así, teño que lograr merecer, conseguir que as outras persoas me acepten, me valoren, me coloquen nun lugar de protagonismo que eu mesma me nego. Ser axustada ao criterio externo, o máis achegada posíbel ao 10, á perfección, ao desexábel. Verme recoñecida e respectada en todos os espellos, porque sempre está aí o risco de caer no lugar do desprezo, da mediocridade, de non ser boa suficiente. Isto vai de ter bos resultados académicos, a cumprir un canon estético hexemónico ou unha longa listaxe de características: ser simpática e á vez asertiva, ser atractiva e á vez intelixente, eficiente no traballo, atenta e interesante, activa e comprometida socialmente, humilde e triunfadora e que sexan as demais quen falen ben de min…
Fiando desde aqui, fun encontrándome tamén cos principais labirintos da miña vida, e vendo como se foi repetindo en todos un esquema similar, seguindo rixidamente o meu guión de vida; esa loita por “ser importante” que implica en realidade que as outras persoas me consideren “guai”. Até tal punto é este un guión ríxido que me alienou dos meus desexos innatos -se é que isto existe-; que faría eu se non pretendese facer o que creo que as outras persoas esperan de min? Cales serían, daquela, as miñas aspiracións ou intereses?
As novas ferramentas que a Terapia do Reencontro me deu están a ser potentes pero ao mesmo tempo dificiles de manexar. Implica ter que facer un desprazamento cara o descoñecido, un esforzo. Sair da miña identidade aprendida, da miña autopercepción. Síntome como a darlle unha puñalada ao meu ego: “Isto non é a inevitabilidade celestial, ti non es así, ti estás así. E poderías estar de outra forma”. Supoño que é como comezar a facer deporte despois dunha vida de sedentarismo.
A primeira ferramenta que estou xa empregando é a do bo trato. Enfrentarme a min mesma desde o respeto, non maltratarme, non negarme; permitirme, facerme aliada de min mesma foi algo do máis transformador: autoagasallarme, recoñecerme valiosa, defenderme, sentir compaixón de min, da que fun, da eu-nena, da eu-adolescente; perdoarme.
Moi relacionada con esta práctica do bo trato, está a ferramenta de ter unha “nova crenza”, en positivo, para combater a crenza antiga. Unha vez que teño a antiga identificada permíteme poder contrarrestar o seu efecto. Nos momento de fraqueza en que os pensamentos irracionais e negativos me invaden, recorrer a un bo “meigallo” contra o mal: repetir a crenza nova, incluso en voz alta: Son a protagonista da miña vida. Son a máis importante da miña vida. Son merecedora. Son merecedora. Son merecedora de amor e de recoñecemento. Sen condicións, sen ter que facer nada. Polo feito de ser, non polo que faga. Así, podo comezar a ofrecerme a min mesma ese amor e ese recoñecemento que me tiña negado. E tamén predisporme a recibilo cando outras persoas mo ofrecen, xa que identifiquei tamén que ante o recoñecemento externo, teño o costume de matizalo cara o negativo. Se alguén me parabeniza por algo, eu búscolle os “peros”, os erros, a influencia da “sorte”. Cando alguén me di algo positivo, parece que eu buscara contrarestar a miña “gloria”, como se non fose merecedora das gabanzas. Ser consciente dame a opción de respostar dunha forma nova, con alegría e gratitude, permitirme.
Outra ferramenta interesante que me está a ser de axuda é identificar nas diferentes situacións, que cousas, actividades ou persoas actúan como aliadas e cales como monstros, para me axudar a saír ou pola contra enredárenme máis nese conflicto específico ou labirinto. Identifiquei algunhas prácticas, como por exemplo saír a correr ou darme un baño, que me fan ben e que agora son “lugares de poder”, espazos onde me sinto segura e me axudan a liberar tensión e centrarme. Escoitar as miñas sensacións e o meu corpo.
Agora mesmo estou no proceso de ir aceptando que estou nun labirinto, que o labirinto ten de seu que dar voltas sobre si mesmo. Aproximarme a aceptar as curvas e os camiños en zig-zag. Ver o positivo e agradecer ese proceso. Asumir a vida como o traxecto e relaxarme, tentar desfrutar até dos imprevistos. Teño aínda moito camiño por percorrer, de ir construíndo autonomía e empoderamento, até ver unha saída do labirinto e saber despedirme. Aprender a pasar os loitos que sexan necesarios e reinventar os mitos, para vivir mellor.”
(Xaneiro, 2017)