“Mulleres que contan é un proxecto que forma parte do Programa para a promoción participativa das relacións saudables en igualdade entre homes e mulleres do Concello de Mondariz e a Deputación de Pontevedra.
Estamos construíndo un proxecto participativo e horizontal que pretende corrixir a ocultación sistemática do papel das mulleres na historia e no desenvolvemento da vida pública e privada de Mondariz. A violencia simbólica que nos priva de referentes positivos e invisibiliza o lugar que as mulleres ocupamos para o desenvolvemento da vida reforzan as estruturas que manteñen a desigualdade e a violencia.
Sabemos que as mulleres formaron e forman parte da vida política, social e comunitaria do pobo de Mondariz e queremos que elas mesmas o conten.”
Mar, unha das compañeiras que teñen participado nos obradoiros do Reencontro e que algunhas coñecedes, participa neste fermoso proxecto. Ela quere compartir con nós unhas das entrevistas realizadas a Purificación Faro Malvar -Porfica-, veciña do lugar de Pé do Muíño, que faleceu o pasado 26 de marzo.
“As persoas que formamos parte deste proxecto queremos agradecerlle a súa xenerosidade compartindo con nós a súa vida e ficamos contentas de poder manter esta homenaxe a todas as mulleres que, coma ela, contaron e contan na vida das nosas comunidades. Grazas, Porfica. “Escribir sobre a túa memoria é unha forma de tomar o control da túa vida” (Carmen G de la Cueva)”.
Se alguén quere participar con este proxecto ou ten material de interese pode contactar con mulleresquecontan@gmail.com