I Feira Feminista de Outono o sábado 28 de outrubro en Ribadeo

A nosa compañeira Mónica, de Ribadeo, envíanos esta información da I Feira Feminista de Outono, organizada en Ribadeo polo Observatorio da Mariña Pola Igualdade e o Concello de Ribadeo para o sábado 28 deste mes de outubro.

Segundo o Observatorio da Mariña pola Igualdade, “A xornada acollerá múltiples actividades do ámbito social, cultural e educativo que terán por escenario principal a Praza 8 de marzo.

Os obxectivos principais deste proxecto impulsado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade son, entre outros, visibilizar proxectos feministas que se están desenvolvendo en Galiza, poñer en común experiencias e persoas que comparten o feminismo como ferramenta para acadar a igualdade e implicar a diferentes colectivos, mulleres e institucións públicas na difusión da mensaxe da igualdade e do feminismo.

A I Feira Feminista de Outono en Ribadeo contará coa presenza dunha longa lista de entidades e organizacións que traballan con perspectiva de xénero no ámbito social, cultural e educativo en Galiza. Así, estarán nos postos da Praza 8 de marzo a Concellaría de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres do Concello de Ribadeo, a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, as revistas Revirada e Andaina, diferentes organizacións sindicais, a Marcha Mundial das Mulleres, a Plataforma Feminista Galega, o Comité Lila do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, o Festival Agrocuir da Ulloa etc.

Abrirá o programa, ás 12 da mañá, a realizadora e actriz Sonia Méndez cun pregón feminista amenizado polo grupo local de Falapandeireta Erikas e Peluxías e polo grupo de música tradicional A Subela e, ademais dunha degustación de vermús con versos feministas que terá lugar en varios locais da vila antes do xantar, haberá tempo para varios talleres sobre autocoñecemento e sexualidade con Martina González Veiga, na Oficina de Turismo, e para a música e o baile.

A partir das 21 horas gozaremos cunha Verbena feminista na que Touciño Blúes e as Punkiereteiras pecharán a xornada na Praza 8 de marzo.”

Que ben soa todo isto… A destacar a actividade “Quererme ben para querer mellor”, un obradoiro de autocoñecemento e sexualidade para mozas de 14 a 18 anos. Para participar compre escribir a observatorioigualdade@gmail.com (Tlfno. 646 00 33 43)

I Feira Feminista de Outono