Unha viaxe cara a dentro… Intuín a forza que hai en min, un poder para abrazar a liberdade de ser quen son

Hoxe é Lara quen quere compartir con nós algo da súa viaxe… Obradoiros, sesións individuais, vida… Graciñas por partillar a través das túas palabras…

“Quero pórlle palabras ao profundo, ao río baixo o río no que me somerxín da man da terapia do reencontro nos últimos tempos, e que foi emerxendo en cada sesión, cada vez con máis forza, con máis sentido. Pero como se pode falar do que non se coñece coa mente, coa razón, senón co corpo? Que linguaxe utilizar? Véñenme sensacións, ideas soltas… só momentos nos que a intensidade dunha emoción-recordo alteraba a orde da miña conciencia e algo, nalgún lugar, tronzaba unha cadea. Só instantes nos que unha confianza incondicional me envolvía cunha calidez extremecedora, imbuíndome unha calma que apenas coñecía e me permitía, tamén nalgún lugar, chegar a casa.

As veces sentinme afogada por toda a información que gardo dentro de min, no meu corpo, e que conforma o meu proceso de vida. Pór luz e conciencia na que son, foi como escalar unha montaña moi alta, por camiños empinados, descoñecidos, difíciles, esgotadores… Pero, a cada paso, a altitude impuña unha visión nova, panorámica, que alimentaba o impulso de chegar a min mesma. Descoñezo a cota á que cheguei, só sei que o proceso é longo, tanto como o sexa a vida, e que o camiño é o certo.

Estou orgullosa de ter atopado a forma de emprender unha viaxe cara dentro, cara a orixe, de ter baixado ao inferno propio que me habita e afrontar os meus demos íntimos para recoñecerme neles, para desmascaralos e abrir o paso ao que hai en min tamén de paraíso. Como heroína-nena mitolóxica (Innana, Perséfone) andaba na procura da deusa-nai, e agochada no escuro, nas sombras que nos chaman dende os soños, nos remuíños das emocións tecidas no corpo, atopei unha sabedoría que me é propia e allea ao mesmo tempo, que me atravesa pero non me pertence. Da súa man, atravesei a raiba, a dor, o medo, para chegar á ferida que me facía de espello, para vela, nomeala, sentila, e deixala ir. Din que a ferida é o oco polo que a luz entra, e así sentín que foi. Desfixen loitas e loitos, como quen tira do fío dunha madeixa enleada, até chegar ao nó do embigo no que o cordón umbilical debía ser outra vez cortado. Recoloquei á nai, ao pai… as e os que me anteceden, e parinme a min mesma.

Intuín a forza que hai en min, un poder san, que non fire e que non se deixa ferir, que me ensina a por o si e o non onde sinto que deben estar, sen medo a ser castigada ou abandonada no desamor, e abrazar a liberdade de ser a que son.

E estou agradecida por terte atopado, Tareixa, polo teu acompañamento, por ser guía, mestra, compañeira… Grazas polo espazo cálido e seguro que constrúes, por soster coa túa confianza o meu proceso e darme as ás para voar por min mesma.”

Lara (Novembro 2017)