Algúns homes falan da súa experiencia no obradoiro de Autocoñecemento para o cambio

Reproducimos aquí os relatos dalgúns dos dezanove compañeiros que participaron no obradoiro de Autocoñemento para o cambio celebrado en Compostela nos meses de novembro e decembro deste ano 2017.

Algúns compañeiros aparecen co nome, outros prefiren manter o anonimato e aparecen así cun nome inventado. A todos agradecemos de corazón a súa xenerosidade por partillar algunhas das súas vivencias…

Transcribimos aquí por orde de envío:

“Tareixa, gustoume moito o obradoiro. Para sintetizar, diría que aprendín iso de vivir con dereito (e con dereitos). Aprendín dignidade e autoaceptación. Un abraciño. Te-la miña plena confianza. Saúde e Revolución.”

(Xan Daniel)

“Cheguei a este obradoiro cheo de expectativas positivas. Sei que, aínda que estas  non son boas compañeiras de viaxe, cumpríronse con creces. Viña  por “ferramentas” e levo un carro cheo delas.

A través das dinámicas feitas, só podo dar grazas. Doúme conta que son un home afortunado.  Neste camiño de Autocoñecemento que emprendín hai pouco tempo  tiña moito percorrido, moito máis do que eu cría. Dou grazas aos meus pais; fixérono o mellor que poideron. Dou grazas aos meus irmáns e á familia biolóxica que me tocou, familia de mulleres fortes e homes bos. Dou grazas aos meus fillos, pola enerxía que me transmiten cada día. Dou grazas á miña saúde, á miña boa saúde… tanto abusar  dela e nen unha soa queixa. Prometo coidarme. Pero sobre todo, dou grazas á miña parella, sen ela, non daría atopado este Camiño. Estivo aí, todo o tempo, comigo, no meu pensamento. Dou grazas a toda esta “Tribu de Homes” que me rodean agora mentres escribo isto; sen eles, este Obradoiro non tería sido tan enriquecedor. Grazas. “

(Juan Mosteiro)

“Deste obradoiro lévome aprender a coidarme, respeitarme e dignificarme. Reafírmome en que para min é bó e necesario abrirme emocionalmente e sentir que podo ter vínculos con figuras masculinas e que iso quero e boto en falta na miña vida.

Tamén me sinto máis preparado para reclamar o meu benestar sen sentirme culpábel, porque o merezo. A partires de agora vou intentar priorizar os vínculos de calidade e non inverter tanto en vínculos de pouca intimidade e vínculo emocional. Marcho ca noción de que aínda falta moito de min por descubrir e por coñecerme”.

(Bernar)

“Foi unha experiencia compartida entre homes nun espazo seguro onde traballar por unha nova masculinidade, por medio da autoconsciencia corporal e afectiva. Doume azos e ferramentas para, como dixo un dos compañeiros, facerme cargo de min. Aprender a estar, respirar, escoitarse a un mesmo, ser conscientes do corpo e dos seus coidados, de posturas actitudinais, especialmente da chamada postura da dignidade, unha postura a traballar no día a día para o resto da vida.

Conseguín pequenas/grandes ferramentas grazas ao (terapia do) reencontro para seguir conseguindo que os bos tratos estean cada vez máis presentes na miña vida e no meu entorno. Bos tratos comigo mesmo, escoitando o meu corpo e parándome, apalpándome, dándolle o seu tempo diario, a soas con el. Bo trato comigo por medio dos autoagasallos, do tempo para min, fóra das esixencias autoimpostas ou externas, permitíndome o pracer polo pracer, gozar da miña compaña e das cousas que ás veces non me permito, facéndoo ademais sen culpa. Bos tratos tamén cos demais, coa familia afectiva, coa familia biolóxica, coa parella, etc, respectando os seus tempos, necesidades e motivacións, relacionándome desde a postura da dignidade e a escoita activa, dando sen a escravitude de esperar algo a cambio

Finalmente, renovei o compromiso comigo mesmo de traballar por ser un home dos bos, asumindo a responsabilidade que teño, como xénero masculino mais desde a miña individualidade, co cambio profundo que necesita a sociedade nas relacións entre as persos máis alá da gaiola do xénero.”

(Roberto)

– “Continuo o meu proceso de câmbio e construçom pessoal. Conhecendo mais homens que tenhem o interese por melhorar as suas vidas fora da gaiola do género. Homens diversos e também diversos no abano de posibilidades de experimertar coa vida. Sinto estar a desfazer-me dumha mentalidade limitante que nom permite a liberdade de ser e estar no mundo.

O trabalho realizado permite abrir os caminhos en contacto co meu corpo, atopando o meu espazo espiritual do adentro. Sou um ateio viageiro da galaxia. Sou um ácrata com fé. Iso diz o meu corpo. Nom me dam medo as palavras se expressam o que eu sinto. Se o verbo se faz carne é porque me estou encarnando.

O Bom Trato começa por mim mesmo, tal vez esteja maltratando a outr@s se  eu mesmo me maltrato. Os coidados começam por um mesmo, se coidas perdendo-te de vista enfermas. Construes relaçons enfermas. O Bom Trato som cousas pequenas da vida que nos custa permitir-nos.

 A vida que passa à velocidade do lóstrego pode aburrir-nos com farturas do passado ou de incertos futuros.

Ponhemos fim a esta experiência asinando um contrato polo bom trato, pois fazer maus tratos nunca foi um bom negócio.”

(Expo)

Cheguei jodido e aberto, co que me permitín mostrarme e ser recibido sen simulacros. A pouca expectativa polo nivel de afundimento foi compensada ca sorpresa de recontactar comigo doutro xeito, dun xeito novo con reminiscencias de vellos contactos case esquecidos, e así redescobrerme e reafirmarme nas minhas necesidades e feblezas, abríndome a ser eu e non só un ideal moi bonito, pero que non é o que son realmente.

Manifestarme dende o que son e compartir con cadaquén do grupo ata onde se poida, respetando iso sen forzar nunha tentativa de ser o que non é e agradecéndoo coma é.
Respetalo bloqueo coma punto de partida do desbloqueo e liberación, escoitándome e escoitando, coidando e deixándome coidar. Compartir honesto.

Voume cheo de ferramentas e claves pra vivirme e sentirme e ca pena do remate e as ganas de mais, de continuidade e de seguilo meu traballo e crecemento partillando tempos e experiencias.”

(César)

“Para min foi un obradoiro moi gratificante e instrutivo. Gratificante porque me sentín e sinto a gusto coas dinámicas propostas, e instrutivo porque me permitiu e permite achegarme ao coñecemento de min mesmo, do meu corpo, das miñas sensacións, das miñas emocións.

Aprendín ferramentas enormemente útiles para o meu autocoñecemento, para cuidarme, para ir dándome conta do que me fai ben e o que me fai mal.

No obradoiro evidenciáronse situacińs que xa eu percibía, pero non eran explícitas, como o pracer de dar e de recibir, o pracer de coidar e coidarse…

Remato coa sensación de que me atopo ao inicio dun longo camiño de autocoñecemento, e de que depende de min a decisión de camiñar por él ou abandonalo; pero teño o firme convencimento de que, xa que agora dispoño de valiosas ferramentas para camiñar por él, continuarei poreste camiño, pois resúltame moi pracenteiro e tranquilizador.

Xurden tamén moitos interrogantes… Quén sabe o que nel atoparei? Ou con quén me cruzarei? Ou se sairei del con ou sen retorno nalgún momento? Darase a ocasión de convidar a camiñar por un camiño semellante a outras persoas?…”

(Eladio)

“Nun principio o obradoiro deume medo e sentinme moi nervoso, pois sentíame coma si fose un bicho raro o cal ninguén comprende, e que teme atoparse con velhas feridas que me produciron tanto dano.

Pero, pouco a pouco, vendo que eu non son o único que ten medos e feridas,  xunto aos companheiros sentín a sua solidaridade e respeto, facendo que mentras os ía conhecendo a eles, poidese conhecerme un pouco mais a min, coma si me mirase nun espelho

Fun aprendendo  a respetarme e a coidarme, mentres intentaba coidar o resto do grupo deixándome coidar por todos eles, sentíndome un igual. Os meus medos foron desaparecendo e os prexuicios cara min e os demais foron evaporándose un pouco mais, convertíndose en ansias de seguir a trabalhar no respeto e no bo-trato a un mesmo  e os demais, sentindome mais forte e consciente, e ainda que removido polas minhas feridas mal curadas, atento e con ganas de sanalas.

 Grazas por todo, agradecido de ter vivido esta experiencia, con este obradoiro conseguín ser un pouco mais persoa, das persoas de verdade que fan cousas boas para o mundo e para un mesmo.

(V. Castro)

– “O que tirei do obradoiro? Decidim dar-me permissom para começar um processo do que ainda estou no início. Um processo de, sobretodo, conhecimento do corpo e das emoços. Ciente das carências da medicina nesse ámbito, e ciente das contradiçons que me provoca um caminho individual, mas disposto a caminhar com elas e procurar potencial para lhe devolver ao coletivo no futuro. Dar-me permissom para a experimentaçom e o erro, mesmo para procurar o prazer na aprendizagem através do erro (do método científico do ensaio-erro). Para passar da dinámica da obriga, da auto-exigência, da culpa e da autopuniçom à dinámica do desejo e do prazer.

Lembrei a importância, a necessidade do coletivo, do grupo de pares para estes processos. Da companhia, da escuita e do nom-juízo, das experiências partilhadas, ou resoantes ou totalmente desconhecidas, mas mui enriquecedoras. De politizar essas experiências e emoçons, e de fazer oco para elas na política, no coletivo.

Aprendim o importante de tomar decisons e compromissos com um próprio, verbalizá-los, concretizá-los. Dedicar-lhe também ao adentro as palavras, que tantas vezes se dedicam só ao afora.”

(Paulo)