Arquivo por meses: Xullo 2018

Mullerenaxe As Marías de Compostela. Mércores 18 xullo “ás dúas en punto”

 

A libraría de mulleres Lila de Lilith convócanos un ano máis a toda a cidadanía ao redor de As Marías, As dúas Marías ou As dúas en punto, nomes cos que se coñece en Compostela a Maruxa e Coralia Fandiño Ricart (falecidas respectivamente en 1983 e 1980).

“Na data do nefasto aniversario queremos poñer o foco na dignidade das que resistiron e se rebelaron“.

A convocatoria é para este vindeiro mércores 18 de xullo ás “dúas en punto” na Alameda de Compostela, con flores vermellas e lilas…

As irmás están representadas dende 1994 nunha escultura, no parque da Alameda, onde se vai desenvolver o acto co que se pretende “poñer o foco na dignidade das que resistiron e se rebelaron” durante a dictadura franquista.

Para saber máis sobre As Marías pincha aquí.

Lila de Lilith é a única libraría feminista do país. Está situada na rúa Travesa, 7 en Compostela e Patricia, a súa promotora, estará encantada de asesorarte cando queiras achegarte…

Tamén acolle actividades literarias e feministas de interese ao longo de todo o ano…

Podes acceder á súa páxina aquí ou tamén nas Ligazóns de interese deste blog.

 

 

 

 

Polifonía amorosa, un libro para este verán

Polifonía amorosa, escrito por Laura Latorre Hernando -unha muller feminista, educadora social e diplomada en terapia narrativa– é un libro espléndido para este verán…

O libro -editado no pasado 2017 por Edicions Bellaterra- narra experiencias amorosas diversas e reais, explorando prácticas amorosas creativas, vividas desde a liberdade de persoas que buscan afastarse da violencia do modelo patriarcal.

É un libro de ficción, mais baseado nas testemuñas de persoas reais, a partir de entrevistas realizadas pola autora en Madrid, México, O Salvador, Guatemala, Bogotá, Canadá e Bos Aires.

O resultado dunha escoita atenta de experiencias vitais ás que nos achegamos a través de historias escritas en xéneros literarios diversos: cartas, relatos, conversacións, monólogos…

Un libro diferente, innovador, ameno, de lectura doada. Un libro que abre perspectivas novas e amplía a nosa comprensión sobre o amor

No seguinte enlace podes ver unha entrevista realizada á autora por June Fernández, editora de Píkara Magazine, co gallo da súa presentación en Euskadi: Pincha aquí