Arquivo por meses: Setembro 2018

Logo do 8M, camiñamos: I Romaría Feminista en Barbadás. Sábado 29 setembro

O concello de Barbadás organiza para este sábado 29 de setembro, a I Romería Feminista: Logo do 8M, camiñamos. O programa conta con mesas de debate, poesía, teatro, postos na rúa, espazo infantil e para xantar, ademais da participación musical de Xestreu, Sés, The tetas van e De vacas.

Para acceder á convocatoria, pincha aquí

Se queres ver en video como a Concelleira de Igualdade de Barbadás anuncia o evento, podes pinchar aquí

 

 

E para este sábado 22… Canteira (Vilaboa) e Cantarelando (Compostela)

Dous espazos de lecer diferentes

Cantarelando, unha proposta de foliada aberta con Habelas Hainas, como “espazo feminista para cantarmos juntas“. Está organizado pola cooperativa Cantarela e envíanos a convocatoria a compañeira Mónica

E Canteira, un Festival que se vai celebrar en Vilaboa, e do que nos manda a convocatoria a compañeira Lucía

Noraboa ás dúas pola organización de ofertas tan apetecibles!

 

Facilitación de grupos desde o traballo de procesos: convocatoria para profesorado e outros profesionais

A nosa querida compañeira Olga, que forma parte da cooperativa Rexenerando, pídeme que divulgue a celebración de dous cursos que elas organizan, e fágoo con todo o meu cariño, confiada no interese das súas propostas…

Recollo parte do seu correo:

“Escrevo-che em relaçom a duas convocatórias que cordinamos desde Rexenerando, a cooperativa da que som parte, e que me parece que podem ser do interesse de muitas das mulheres que acodem aos teus obradoiros. As duas se enmarcam na facilitaçom de grupos desde o trabalho de processos, e as imparte gente que foi profe de muitas (Leti, Vero, Meri Rosendo, Mari Fidalgo, e demais companheiras).

A primeira chama-se “Do conflito ao soño. Ferramentas facilitadoras para a xestión da aula”. Está especialmente pensado para profes, e trata-se de explorar como se sentem como docentes, que passa com os conflitos que xordem na aula, e conectar com o sonho como educadoras.

A segunda é a formaçom do Grao Básico de Facilitaçom de Grupos do IIFACE, que se celebrará desde novembro 2018 até julho 2019.

Haverá mais informaçom estes dias em www.rexenerando.com

E tamén podes pinchar en Do conflito ao soño_dossier ou en CATALOGO_FACILICITACION_PANT

 

Encontro Nacional da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo

A asociación Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo organiza o seu 8º Encontro Nacional de Mulleres en Panxón este 14, 15 e 16 de setembro. Desta volta celebrando ademáis o seu 20º aniversario co lema Seguimos camiñando cara a igualdade. Noraboa por tantos anos de dedicación e empeño!

O sábado pola mañá falarán Lola Ferreiro Díaz e Rosa Arcos Caamaño ao redor da violencia de xénero.

E pola tarde, contaremos con tres obradoiros: Discriminación por raza no movemento feminista (Zinthia Álvarez e Artemisa Semedo), Como negociar na parella… e no resto das relacións (Tareixa Ledo Regal) e Danza libre e conciencia corporal (Iria Cacheiro Paradelo).

Para acceder ao programa completo e apuntarse, podes pinchar aquí.

 

Xornada do Reencontro 2018: Honrando ás que nos precederon

Ola mulleres do Reencontro!

Coma outros anos, este mes de setembro imos ter a nosa Xornada do Reencontro! Unha vez máis, quere ser unha oportunidade para o encontro con nós mesmas e para o reencontro con compañeiras coas que compartimos experiencia e proceso noutros obradoiros…

Queremos seguir creando redes afectivas entre nós, redes para o bo trato, para a saúde e a vida… para nós e para todos os seres do planeta… Nesta fermosa tarefa andamos todas, dun ou doutro xeito…

Este ano, a Xornada vai ser o sábado 29 de setembro… E dedicarémola a honrar as mulleres que nos precederon… Mulleres amadas e referentes da nosa vida, significativas e aliadas, que infundiron sentido á nosa existencia… Mulleres que partiron, que xa non están… Imos recuperar a súa memoria e recordalas con agradecemento e alegría. Porque cando recoñecemos ás nosas devanceiras, somos quen de recoñecernos a nós mesmas

Así que ide reservando data nas vosas axendas… e apuntádevos antes do sábado 22 de setembro

Apertiñas e… moito Botrato!!!