Tomando distancia das relacións sustentadas no poder e o maltrato

Co vistobo desta compañeira, reproduzo aquí o seu correo… Que nos sirva a todas/os para seguir coas nosas andainas persoais…

Moi boa noite, Tareixa!

Coñecerte e participar nos teus obradoiros para min foi e é un agasallo de vida, unha amiga-fadiña foi o fío condutor. Mulleres importantes na miña contorna teñen contacto coa Terapia do Reencontro a través das túas terapias e obradoiros, creándose unha integración-coñecemento-perspectiva que me nutren e me transforman e de seguro esa transformación se da na miña contorna.

Lembro hai anos, das primeiras veces que participei no obradoiro de “Autocoñecemento para o cambio” que facilitas, estaba daquela traballando con unha equipa de persoas no que se daban relacións moi xerárquicas, difíciles, con vínculos persoais rotos en algúns casos, dábanse suspicacias e as conductas bastante inmaturas eran habituais. Foi luz para min comprender como o mais habitual é que as nosas relacións estean sustentadas no poder e o maltrato, permitiume tomar distancia e observar dende o afora, identificando diferentes roles, sen sentirme atacada no persoal.

Esta cuestión permitiume permanecer neste grupo de traballo coidando da miña integridade e dignidade ata un punto aceptable para min mesma.

Cando me xurdiu a oportunidade mudei de espazo no laboral, atopei un lugar mais amable, con outro tipo de relacións non tan ríxidas e distantes. Non daba crédito ao meu sentir, canto máis fácil o día a día! E fun consciente de como anteriormente sobrevivira mais cun coste persoal e físico valorable. Fíxenme consciente dos muros de protección que xa non me eran necesarios, e co tempo sentín leveza.

Desexos de moitos espazos nos que poidas seguir a sentir e a construír tal como o expresaches nun dos derradeiros encontros: con “grandísimo pracer, vivir respirando e axudando a respirar”.

Grazas Tareixa, unha aperta cargada de respecto e admiración.”

(Xulia – Febreiro 2019)