Arquivo por meses: Marzo 2019

Fina Sanz na Galiza…

Benqueridiñas/os

Teño o pracer de comunicarvos que imos ter con nós a Fina Sanz Ramón, psicoterapeuta, sexóloga, pedagoga e creadora da metodoloxía da Terapia de Reencontro. Moitas/os de vós coñecedes directamente a Terapia de Reencontro por ter participado en obradoiros ou en sesións individuais e/ou de parella.

Fina vai presentar algo da súa traxectoria ata o seu último libro El Buentrato como proyecto de vida. E vaino facer en dous momentos:

– O luns 1 de abril, ás 20h en Vigo: no Auditorio Municipal do Areal (r/ Areal, esquina r/ Oporto). Será presentada por Chis Oliveira, autora do libro ám@me

– O martes 2 de abril, ás 20h en Compostela: na Libraría de Mulleres Lila de Lilith (r/Travesa, 7), onde a presentarei eu

Non perdades a oportunidade de coñecela e escoitala…

Apertiñas.

 

Os dereitos humanos. Os dereitos das mulleres. Faladoiro de Marcela Lagarde en Coruña

A Concellaría de Igualdade e Diversidade de A Coruña organizou o pasado xoves 14 de marzo un Faladoiro con Marcela Lagarde: “Os dereitos humanos. Os dereitos das mulleres. Desafíos nas loitas do século XXI”.

Se queres ver e escoitar a esta nosa querida compañeira feminista sempre lúcida, preme aquí.

Autocoñecemento. Confiando nas nosas emocións Obradoiro no CIM de Arcade

Benqueridas

Envíovos a convocatoria do obradoiro “Autocoñecemento. Confiando nas nosas emocións”, que se vai celebrar no CIM de Arcade (Soutomaior) desde o martes 2 de abril ata o martes 11 de xuño, en horario de 10h a 13h.

Vai ser un espazo para permitirnos sentir as nosas emocións: a tristura, o enfado, a rabia, o medo, a satisfacción, a culpa, o amor, a vergonza, a alegría, a dor… Mirar as nosas emocións con tenrura, recoñecelas con paz e transformalas para sentirnos ben na nosa vida. Esta é unha ruta de autocoñecemento desde a aceptación de como estamos en cada momento.

O obradoiro é de balde. Para apuntarse, cómpre chamar ao 986 70 12 27 antes do venres 22 de marzo. Coma sempre, as prazas van ser limitadas.

Por suposto, podedes facer extensiva esta invitación a outras mulleres da vosa vida que poidan estar interesadas.

 

Xornadas para a Igualdade en Allaríz e Biodanza en Ourense

Do 7 ao 21 de marzo celébranse en Allariz as XV Xornadas para a Igualdade: Por habitar e habitarnos dende o amable, amante, vivible e convivible. Unha chea de actividades diversas que podes consultar aquí

Ademais, Mari Fidalgo ofrécenos de novo un espazo de biodanza; neste caso o obradoiro “Danzar o bo trato, enraizar a autoestima”. Será do 12 de marzo ao 11 de xuño en Ourense