María Rosendo envíanos esta convocatoria a un obradoiro que se vai celebrar en Lugo os vindeiros 24 e 25 de maio.
Recollemos máis abaixo as súas palabras… Moito éxito para un traballo tan necesario!!!
“Formamos parte dunha sociedade na que reproducimos xestos, actitudes e discursos que fortalecen estruturas de poder e perpetúan desigualdades e exclusións. Moitas destas prácticas son habituais ata o punto de que nos resultan difíciles de detectar no día a día. No entanto, estes comportamentos teñen consecuencias na vida das persoas. Construír espazos despatriarcalizados pasa necesariamente por visibilizar e enfrontar individual e colectivamente estas formas de estar e de participar na sociedade.
O obradoiro «Xénero, poder e feminismo: transformando as relacións e os coidados nos grupos» articúlase como un convite, un espazo para reflexionar e tomar consciencia de como a construción diferencial de xénero inflúe no funcionamento dos grupos (asociativos, laborais, comunidades educativas, familiar, etc). Mediante unha metodoloxía teórico-práctica trataremos de partillar algunhas chaves para introducir a perspectiva feminista e dar resposta ás desigualdades, mellorando a saúde e o clima dos grupos nos que participamos.
Será o 24 e 25 de maio, por primeira vez en Lugo, e da man da S.Coop.Galega Bico de Grao.
O obradoiro ten unha duración de 12 horas repartidas en xornada e media. O custe é de 60€, tendo habilitadas 2 bolsas para que ningunha persoa fique sen acceso á formación por motivos económicos. Hai límite de prazas e as inscricións son ata o 19 de maio.
Para máis informacións e inscricións: feminismosparagrupos@tutamail.com // ou Bico de Grao, Ronda das Fontiñas 226, Lugo. Telf: 982 807 935.
Agradecemos que nos axudes a difundir esta proposta entre as persoas que pensas poidan estar interesadas.
Cos nosos cumprimentos, Mari Fidalgo, María Rosendo e Mar Cendón”