Arquivo por meses: Xuño 2019

A ilustración feminista de Raquel Riba Rossy: “Lola Vendetta y los hombres”

A través dos seus debuxos e do personaxe de Lola Vendetta, a ilustradora feminista Raquel Riba Rossy retrata e analiza a realidade con lucidez e crueza, cuestiona roles de xénero patriarcais e propón un planeta con relacións amables e xustas para todas e todos…

Acaba de publicar “Lola Vendetta y los hombres“, ilustración na que cuestiona o estereotipo dunha masculinidade na que os homes han de negarse a si mesmos, aparecendo sempre valentes -mesmo violentos, en ocasións-, ocultando a súa vulnerabilidade, a súa identidade sexual, as súas emocións, os seus medos… E aposta por eses outros xeitos posibles de ser homes, por esas outras masculinidades amables e pacíficas consigo mesmo e cos/as demais…

A autora tén publicado anteriormente: “Lola Vendetta. Más vale Lola que mal acompañada” (2017) e “Lola Vendetta. ¿Qué Pacha, Mama?” (2018). Pagan a pena!!!

Se queres coñecela un pouquiño máis, invitámoste a ver as seguintes entrevistas: Falando do seu último libro: “Lola Vendetta y los hombres”, preme aquí. Ou tamén, falando do propio corpo (preme aquí) ou da sexualidade (preme aquí)

Se queres achegarte a outras ilustradoras feministas, podes entrar aquí

Vigo – Xénero, poder e feminismo: transformando as relacións e os coidados nos grupos

Meri envíanos esta convocatoria para unha nova edición do obradoiro “Xénero, poder e feminismo: transformando as relacións e os coidados nos grupos”, que se vai celebrar, desta volta, en Vigo os vindeiros 22 e 23 de xuño:

“Boas! No vindouro mês de junho, estaremos em Vigo fazendo o obradoiro “Xénero, Poder e Feminismo: transformando as relacións e os coidados nos grupos” da mao da Asociaçom Ecologista Verdegaia. Para nós é um prazer poder colaborar com as compas e estamos mui ilussionadas por levar este obradoiro por vez primeira á cidade de Vigo. A seguir tendes toda a info. Aguardamos que seja do teu interesse e agradecemos que nos ajudes na sua difussom. Umha aperta grande, meri”

Para ver o cartaz da convocatoria, podes facer clic aquí

Polo seu interese, tamén reproducimos aquí a convocatoria que fai a mesma asociación ecoloxista Verdegaia:

“Na pasada asemblea anual de Verdegaia acordamos unha serie de liñas estratéxicas de traballo para este ano 2019. Unha delas é a dos feminismos. Para o colectivo a cuestión de xénero e os feminismos son algo presente dende o inicio da nosa actividade, quer como parte das nosa acción, quer como reflexión de fondo. Se cadra un dos momentos máis visíbeis nese sentido foi a organización en Compostela das xornadas ecofeministas “Repensando a vida”, aló polo ano 2012. Porén, como todo grupo humano inserido nunha sociedade patriarcal, non estamos libres de reproducir esquemas, roles, relacións, etc., que pertenzan ao tipo de prácticas que desexariamos superar. En xeral, esta situación acontece tamén no resto de colectivos que pertencen aos movementos sociais.

Por iso fainos especial ilusión facervos partícipes dunha proposta que ten chegado a asociación para adicar un tempo á formación interna en xénero. Trátase dun obradoiro teórico-práctico co título de Xénero, poder e feminismo: transformando as relacións e os coidados nos grupos”. As súas responsábeis, Mar Cendón, María Rosendo e Mari Fidalgo, son persoas con experiencia tanto nos feminismos como nos movementos sociais. Elas definen así a proposta: “articúlase como un convite, un espazo para reflexionar e tomar consciencia de como a construción diferencial de xénero inflúe no funcionamento dos grupos. Nesta primeira proposta imos partir da idea do xénero como unha categoría de opresión e, analizando de forma crítica as relacións de poder que establece (rangos, roles, toma de decisións, distribución de tarefas etc.), achegarnos ao feminismo”.

A duración do obradoiro é de 12h, e os seus contidos son os seguintes:

Bloque 1 Xénero, poder e privilexios

Bloque 2 Os coidados nos grupos

Bloque 3 Unha ollada feminista ao traballo con grupos

En Verdegaia decidimos aceptar o convite e trasladárvolo, abríndoo para alén da nosa asociación, co fin de conseguir xuntar un grupo de persoas suficiente que permita levar adiante o obradoiro. Tamén consideramos que acadar un grupo máis diverso pode ser enriquecedor.

O lugar de celebración sería Vigo, no C.S.A Revolta e, as datas o fin de semana do 22-23 de xuño ( sábado 22 de 10:00-14:00h e de 16:00-20:00h e domingo 23 de 10:00-14:00h).

A actividade de formación está pensada para un grupo máximo de 20 persoas. Para animar á participación independentemente da situación económica de cada quen, temos decidido que a cota será de 30 euros para as persoas non socias de Verdegaia. A nosa idea é combinar a necesidade de remunerar de maneira xusta o traballo das persoas que imparten o obradoiro, coas diversas situacións económicas das persoas interesadas. Por iso, no caso de que alguén non poida aportar esa cantidade, buscaremos fórmulas alternativas, xa que non queremos que neste mundo de precariedade que nos impoñen, a cuestión económica sexa a que determine que unha persoa poida ou non participar de actividades tan interesantes coma esta.

Se che interesa e/ou queres algo máis de información sobre o obradoiro podes escribir a info@verdegaia.org, ou chamar a este teléfono 685272751 (Sabela).

Para anotarte debes indicar nome e apelidos e un telefone de contacto. O número de conta da Asociación é ES48 2080 0300 8130 4014 5120.”