Experiencias de vida no obradoiro “Confiando nas nosas emocións”:

Do martes 9 de abril ao martes 25 de xuño 2019, celebramos no CIM de Arcade -Soutomaior- o obradoiro Confiando nas nosas emocións. Nel, 15 mulleres fixeron un proceso para conectar coas emocións, darlles espazo, permitirse sentilas e recoñecelas. Emocións como a tristura, o medo, o enfado, a satisfacción, o desamparo, a culpa, a rabia, a ansiedade, o amor, o abandono, a dor, a alegría… Tamén foi un espazo para adquirir ferramentas cara a transformar as emocións que mancan e aprender a colocarnos desde a alegría e o agradecemento, a confianza e a fortaleza… Todas elas, rutas para previr a enfermidade, vivir con saúde e enerxía. E, coma sempre, desde o bo trato e para o bo trato

Recollemos aquí as palabras dalgunhas das mulleres; palabras expresadas o último día de obradoiro:

– “Este obradoiro para min foi unha parte máis do camiño que levo percorrendo con outros obradoiros anteriores de Terapia de Reencontro, un seguir coñecéndome aínda que hai portas que non consigo abrir de momento. Foi un espazo de recoñecer as emocións e levar ferramentas poderosas para min, vivilas na pel máis que na cabeza: o poder da respiración, que integrei… poder relaxarme e durmir co exercicio da respiración polos pés… frear o enfadonon culparme de como educo ás miñas fillas e non culparme cando non dou… ensaiar novas rutas importantes coa miña parella, explorando… estar con xente nova nun proxecto que empecei, xente moi diferente a min e que me dá vertixe e medo, e son capaz de seguir aí, ben comigo, sen necesitar a aprobación do grupo… Todo isto son boas situacións para quererme. Neste obradoiro sentín máis ganas de estar comigo e menos ganas de estar coas demais compañeiras. Estou negociando comigo o tempo, os ritmos e as responsabilidades. Aprendín a non aconsellar ás miñas amigas: “ti deberías…” e aprendín a escoitar que cadaquén faga o seu camiño, tamén coas miñas fillas. Intentar non xulgar e non ter solución para todo e todas. Dinme conta que está ben como son! E quero aprender a poñer límites sen reaccionar, desde a calma, sobre todo coa miña nai, e buscar o pracer de vivir, non acomodarme a estar no malestar. Doume as grazas a min mesma por elixir vir aquí e por todo o que estou aprendendo”

(Lucía)

“Estou moi contenta e agradecida, aprendín moitas cousas e comprendín profundamente cousas como a dignidade persoal ou a igualdade. Axudoume a cambiar estruturas mentais, a deconstruír cousas e construír desde outro lugar. O sentirme enraizándome… sentinme traballando a posición na vida, os pés na terra. E iso cambia todo! Dinme conta que para coidar necesito tempo. E dinme conta que eu quero construír a miña familia. É un cambio radical de visión da vida, un xiro importante. Quédame por aprender o dos guións de vida, o da fusión e a separación, o da relación coa nai, o da visión de xénero… Son materias pendentes. Tamén houbo procesos que coñecía e iso tamén me gustou. O que máis me custou foron as propostas de traballo co corpo porque me atopaba mal con el. E deume pena non estar máis, non poder vir a algunhas sesións, por iso me sentín un pouco presente e un pouco ausente… E tamén vir coas compañeiras no coche, marchar con elas… foi moita vida… Unha bomba de profundidade!

(Celia)

“Para min foi unha terapia grupal, unha viaxe de encontro e reencontro comigo a partir de reconectarme coas demais. Ao sentir a confianza, a contención, sentinme segura, empaticei e aprendín ferramentas. Aprendín a aplicar teoría na miña vida, a poñer en práctica… Foi un camiño de sanación e quero seguir este camiño. Gustoume o ritmo de cada día, gustoume como fluíu cada sesión. Teño máis serenidade e paz mental. Axudoume moito e estou superagradecida…”

(Irene)

“Graciñas Tareixa e tamén grazas ao grupo! Eu quero facer terapia de grupo a nivel persoal e quero dedicarme a ela tamén no profesional. Son cousas sinxelas e potentes. Dinme conta de moitas cousas e fixen cambios. O ritmo gustoume e tamén que non houbera unha gran teoría”

(Martiña)

“Esta foi unha viaxe para min de sentirme escoitada, de escoitarme, de compartir, de atopar un espazo onde mulleres poderosas, compañeiras de camiño crecemos xuntas. Cheo de escoita sen xuízo. Con silencios. Benditos silencios e cheo de contención. O sentir de estar nun lugar seguro. De coidar e sentirme coidada. Da ilusión de chegar. Do meu espazo. De saír dos “debo” e “deberías” e soltar. Grazas a todas por esta viaxe que xa queda comigo no meu corazón. E agradézome a min mesma por comezar esta viaxe que xa non ten retorno…”

(Leire)

Este foi un camiño paralelo ao traballo persoal que estou facendo. A forma de traballar, de levalo, foi un descubrimento. Foi un espazo que permitiu expresar, escoitar sen que te xulguen. Gústame tamén a liberdade do espazo. É un espazo de seguridade e cercanía. Somos todas diferentes entre nós. Ratifiqueime en todo o camiño que teño que facer ata chegar a un punto de estar tranquila, porque vin moitas capas a ir sacando… Gustoume moito o bo trato e creo que son máis consciente do inconsciente que somos no día a día en relación a cousas que nos fan dano. Voume dando conta desas cousas e miro de escapar delas. Estiven conténdome e iso foi parte do meu traballo aquí. Sinto que non aproveitei todo ao 100%, pero estivo xenial. Voume cunha sensación bonita, agradable. Moitas grazas!”

(Berta)