A Sheela-Na-Gig… tamén na Galiza!


Concha, compañeira de obradoiros e amiga, acaba de reenviarme a referencia dun artigo titulado Conas insubmisas e Sheelas, editado en Luzes este pasado mes de outubro con motivo da denuncia interposta pola Asociación Española de Avogados Cristiáns a un grupo de feministas sevillanas por levar de xeito reivindicativo a imaxe dunha grande vulva de látex en procesión polas rúas da cidade. Logo de celebrarse o xuízo, as feministas sevillanas foron finalmente absoltas.

Con este motivo, o artigo aproveita para dar a coñecer a figura das Sheela-Na-Gig (podes consultar o artigo facendo click aquí).

Como apunta unha das investigadoras de cultos celtas, Edain McCoy, no seu libro A muller celta. Espírito e misterio, “a figura da Sheela-na-Gig é a imaxe dunha muller que abre a súa vulva en forma de triángulo… O deseño triangular da vulva evoca o número tres sagrado da triple deusa: a virxe, a nai e a vella, representando o ciclo completo de nacemento, morte e rexeneración”.

Edain McCoy fala de que é “unha imaxe que se atopou gravada nos limiares de pedra, normalmente en lugares sagrados… Moitas destas tallas foron usadas polas monxas para decorar as portadas dos conventos irlandeses e posteriormente destruídas polos homes de igrexa ao atopalas aí. A finais do século XIX un arqueólogo atopou un lote delas enterradas preto das ruínas dun vello convento irlandés…”

Na Galiza asomou unha Sheela-Na-Gig en Coirós (A Coruña), coa figura da Moura de Pena Furada que, como non, paga a pena ir ver!!!

Algunhas outras imaxes coñecidas da Sheela-Na-Gig son as de Kilpeck (Inglaterra), de Rahara (Irlanda) ou da Igrexa Sainte Radegonde de Poitiers (Francia) (máis abaixo e por orde):