Liberar as arterias, de Sés… na véspera do Día Internacional das Mulleres…

Queremos traer aquí unha entrevista á nosa admirada Sés, realizada con motivo da presentación do seu novo disco Liberar as arterias, un traballo que conclúe co tema A bala vendida, que dedica “a todas as loitadoras, a todas as mulleres”. Se queres ler a entrevista, sinxela e potente, preme aquí. E se queres escoitala en directo, tamén a podes escoitar facendo clic aquí.

As loitadoras, as mulleres… convertemos a Verín na capital do feminismo galego o pasado 1 de marzo, cunha gran mobilización nacional convocada por Galegas8M unha plataforma que integra agora mesmo a 55 organizacións feministas de todo o país.

Na véspera do Día Internacional das Mulleres, e nunha nova xornada de loita e reivindicación baixo o lema deste ano 2020: “Sen coidados non hai vida, mudando o sistema, derrubando o patriarcado”, Galegas 8M quere recordar que “O patriarcado é un instrumento fundamental para o sistema capitalista. Asignándonos ás mulleres as tarefas de coidado e xerando un mundo público masculino desvinculado dos tempos biolóxicos e ecolóxicos, onde os horarios laborais non importan porque estamos nós na casa para ocupármonos dos coidados da terra e da familia… A economía capitalista non quere retribuír o traballo que realizamos de xeito gratuíto, nen respeitar a natureza. Na súa explotación é onde reside a maior parte do seu lucro. O sistema capitalista oculta o feito de que se mantén espoliando e colonizando. Espoliándonos e colonizando as mulleres e os nosos corpos. Espoliando e colonizando pobos e territorios. Espoliando e colonizando a natureza…”. Se queres ler o Manifesto de Galegas8M, preme aquí.

A celebrar o 8 de marzo!!!