Algunhas experiencias do obradoiro Autocoidado para o Botrato (Soutomaior)

Con todas as dificultades que supón soster espazos presenciais no momento presente e buscando moito o coidado para todas nós, puidemos celebrar en Arcade (Soutomaior), o obradoiro de “Autocoidado para o Botrato en tempos de coronavirus”. Organizouno e convocouno o CIM para o mes de setembro. Queremos compartir aquí algo do que nos levamos para as nosas vidas, para as nosas casas…

Este obradoiro foi un espazo de afrontar cousas difíciles dun xeito tranquilo, con clama, de verbalizar as cousas que eu sinto. Dinme conta que ás veces estou metida nun labirinto e dou voltas, pero podo ir encontrando un camiño. Hai pasos pequenos que me van permitir pechar moitas cousas: o botrato, deixar o “teño que”, vivir ben as despedidas… Quero  darvos as grazas a todas porque foi unha experiencia supergratificante…” (Isabel)

Aprendín o dos autoagasallos, facelos presentes… Comezar a dicir “non” e dicilo tranquila… Móvense cousas grandes. Gustáronme os coidados, a música, o grupo…” (Eli)

Somos mulleres de diferentes idades, con diferentes historias e traxectorias… apréndese moitísimo! O obradoiro foi moi rico e intenso e xera moito benestar. Vexo que necesito ter conta dos meus enredos mentais, que se converten en enredos vitais. Gustáronme moito os momentos de bailar que foron superbonitos. E voume cunha pregunta clave: Que necesito? Que quero? E tamén coa importancia do amor en todo…” (Irene)

Este obradoiro foi curto, eu levo feito varios obradoiros con Tareixa nestes cinco anos, o primeiro en Pontevedra. Éste serviume para recordar cousas esquecidas e darme conta do que foi cambiando na miña vida: estaba nun labirinto onde todo se estaba derrumbando e axudoume moito o grupo aquel primeiro no que estiven. Estaba nun “tío vivo” emocional e foi aprender a estar ben comigo mesma… Aquí reafirmei iso. Aprendin a vivir soa e a desfrutar diso. Vivir ben! Viva a vida! Espero volvernos reencontrar noutros obradoiros. Non hai mellor aprendizaxe que escoitarnos, porque aquí fálase desde o corazón.” (Alba)

A miña viaxe co grupo foi maravillosa, o que me deu moita pena foi non poder iniciala e rematala coma debera, xa que estaba topando algo moi lindo dentro de min. Alégrame moito terte coñecido Tareixa, e o resto de compañeiras. Espero volver a verte. Unha aperta moi, moi forte, e grazas por todo.” (Gely)