Arquivo por meses: Maio 2022

E da Xornada do Reencontro de Primavera 2002

Unha fotiña, compañeiras, para anclar na nosa memoria persoal e colectiva canto vivimos na Xornada do Reencontro de Primavera 2022 na que nos xuntamos 13 mulleres a explorar, fantasear, crear… na que nos escoitamos, nos sentimos, nos comprendemos, nos valoramos no que somos…

Graciñas, porque xuntas fixemos posible que o Botrato se fixera realidade unha vez máis!!!

04. Foto

Relacións afectivas e vínculos amorosos para o Botrato: algunhas experiencias…

Recollemos aquí as palabras dalgunhas das compañeiras que participaron no obradoiro de Relacións afectivas e vínculos amorosos para o Botrato, que celebramos en Compostela nos meses de marzo e abril pasados…

Canto aprendemos xuntas! Graciñas!!!

“Impactoume todo o que falamos sobre as negociacións. Noto que teño que aprender a facer negociacións reais, que non sexan un monólogo meu e que o outro asinta. Cando traballamos a fusión e a separación,  dinme conta de que me custa a separación. Teño que dicir que me gustou como organizamos a sala para nós… as telas que trouxemos, todas no chan, todas xuntas…”

(Ana)

“Eu dinme conta de que teño moi mal xestionada a miña vida interior, está desfasada. No obradoiro todo me axudou, todo foi unha explosión, algo raro, forte, que me sorprende.”

(María)

“Aprendín a darme importancia e a tratarme ben. Se a comunicación funciona é o básico. Que fácil se pode romper unha comunicación sa! Necesito seguir aprendendo para mellorar no día a día coa parella, co meu fillo, coas outras persoas. E gustoume compartir experiencias con todas as compañeiras, escoitándoas axudoume a comprenderme mellor.”

(Montse)

“Decateime de que me escoito… Aprendín a respectar os meus momentos de separación sen xuízo, respirando, cando decidín non vir a dúas sesións do obradoiro. E despois sentín moito o respecto de todas, un respecto absoluto, e moita xenerosidade, moito amor e coidados por marchar e poder voltar. A negociación pon en valor a unha mesma: é poñer consciencia nas cousas particulares do día a día. Escoitarme, respectar a separación sen culpa, respirar… Notei que os exercicios non son agresivos, todo flúe de maneira natural. Ter en conta a dimensión social, relacional e interna axúdame para ordenar. Ao escoitar ás outras decátaste de cousas propias e ves que o que me pasa a min tamén lles pasa a outras.”

(Cristina)

“Para min foi importante facer conscientes os meus desexos: que quero, que me gustaría… e de aí a negociación. O espazo persoal é algo que quero traballar moito e dinme conta de que vai moi ligado á miña capacidade de estar na separación.  obradoiro axudoume a recuperar hábitos de saír, de andar, que ten que ver co Contrato de Botrato que fixen para min. Tamén facer cousas soa: recuperar iso. E vin o importante que é a escoita corporal e emocional, non ser tan mental. Nese sentido escoitar ás compañeiras deume pistas. O que me custou foi moverme coa música, aí sentinme incómoda…”

(Sabela)

“Neste espazo comprendín que ser parella é un contrato e que, ademais de querernos, ten que facernos ben estar xuntas e necesitamos negociar para evitar conflitos e axudarnos a ser felices. Comprendín que necesito escoitarme para poder negociar ben. E escoitar ás outras persoas está ben, pero sen facerme cargo das súas emocións. Quero un espazo persoal de calidade e un espazo compartido de calidade. Neste espazo tamén tomei conciencia de que teño un montón de proxectos de amor. E agora sei que o amor universal me acompaña sempre. Aprendín o importante que é na miña vida dar pasiños pequenos.”

 (Ana María)

” Tocoume bastante o dos modelos de relación e o espazo persoal. Vinme centrada no meu espazo persoal dunha maneira inconsciente. E ademais, vin que non tiña conciencia de min mesma no espazo compartido; necesito empezar a darme conta como son, como actúo… É un camiño que empecei hai pouco, e quero ver como é sentirme nun espazo compartido, terme en conta e como se pode xestionar. Aprendín moito da escoita, de escoitarvos os vosos sentires, as vosas emocións, que non é algo moi habitual. Parar e escoitar á outra persoa e a min.”

(Sara)

Sobre maternidades e culpas…

Hoxe recollo un artigo de Ana Requena Aguilar aparecido este pasado 1 de maio en elDiario.es: “Es el Día de la Madre, pero podría ser el Día de la Culpa“.

Un artigo sobre maternidades, mitos e mandatos… que comeza así: “Se hai unha experiencia atravesada pola culpa é a maternidade, a dúbida sobre o que fas e como o fas, a angustia porque o que sentes non se corresponde co que se supón que deberías sentir, a certeza de que coidas como podes pero non como che gustaría…Todo deriva en culpa.”

No artigo, ademais, cítanse as obras de diferentes autoras que escribiron sobre unha realidade moi precisada de achegas fóra da perspectiva patriarcal:  “El nudo materno” de Jane Lazarre, “Maternidades precarias” de Diana Olivar, “Palabra de madre” de Ibone Olza ou “Mamá desobediente” de Esther Vivas.

Para ler o artigo, podes facer clic aquí