Relacións afectivas e vínculos amorosos para o Botrato: algunhas experiencias…

Recollemos aquí as palabras dalgunhas das compañeiras que participaron no obradoiro de Relacións afectivas e vínculos amorosos para o Botrato, que celebramos en Compostela nos meses de marzo e abril pasados…

Canto aprendemos xuntas! Graciñas!!!

“Impactoume todo o que falamos sobre as negociacións. Noto que teño que aprender a facer negociacións reais, que non sexan un monólogo meu e que o outro asinta. Cando traballamos a fusión e a separación,  dinme conta de que me custa a separación. Teño que dicir que me gustou como organizamos a sala para nós… as telas que trouxemos, todas no chan, todas xuntas…”

(Ana)

“Eu dinme conta de que teño moi mal xestionada a miña vida interior, está desfasada. No obradoiro todo me axudou, todo foi unha explosión, algo raro, forte, que me sorprende.”

(María)

“Aprendín a darme importancia e a tratarme ben. Se a comunicación funciona é o básico. Que fácil se pode romper unha comunicación sa! Necesito seguir aprendendo para mellorar no día a día coa parella, co meu fillo, coas outras persoas. E gustoume compartir experiencias con todas as compañeiras, escoitándoas axudoume a comprenderme mellor.”

(Montse)

“Decateime de que me escoito… Aprendín a respectar os meus momentos de separación sen xuízo, respirando, cando decidín non vir a dúas sesións do obradoiro. E despois sentín moito o respecto de todas, un respecto absoluto, e moita xenerosidade, moito amor e coidados por marchar e poder voltar. A negociación pon en valor a unha mesma: é poñer consciencia nas cousas particulares do día a día. Escoitarme, respectar a separación sen culpa, respirar… Notei que os exercicios non son agresivos, todo flúe de maneira natural. Ter en conta a dimensión social, relacional e interna axúdame para ordenar. Ao escoitar ás outras decátaste de cousas propias e ves que o que me pasa a min tamén lles pasa a outras.”

(Cristina)

“Para min foi importante facer conscientes os meus desexos: que quero, que me gustaría… e de aí a negociación. O espazo persoal é algo que quero traballar moito e dinme conta de que vai moi ligado á miña capacidade de estar na separación.  obradoiro axudoume a recuperar hábitos de saír, de andar, que ten que ver co Contrato de Botrato que fixen para min. Tamén facer cousas soa: recuperar iso. E vin o importante que é a escoita corporal e emocional, non ser tan mental. Nese sentido escoitar ás compañeiras deume pistas. O que me custou foi moverme coa música, aí sentinme incómoda…”

(Sabela)

“Neste espazo comprendín que ser parella é un contrato e que, ademais de querernos, ten que facernos ben estar xuntas e necesitamos negociar para evitar conflitos e axudarnos a ser felices. Comprendín que necesito escoitarme para poder negociar ben. E escoitar ás outras persoas está ben, pero sen facerme cargo das súas emocións. Quero un espazo persoal de calidade e un espazo compartido de calidade. Neste espazo tamén tomei conciencia de que teño un montón de proxectos de amor. E agora sei que o amor universal me acompaña sempre. Aprendín o importante que é na miña vida dar pasiños pequenos.”

 (Ana María)

” Tocoume bastante o dos modelos de relación e o espazo persoal. Vinme centrada no meu espazo persoal dunha maneira inconsciente. E ademais, vin que non tiña conciencia de min mesma no espazo compartido; necesito empezar a darme conta como son, como actúo… É un camiño que empecei hai pouco, e quero ver como é sentirme nun espazo compartido, terme en conta e como se pode xestionar. Aprendín moito da escoita, de escoitarvos os vosos sentires, as vosas emocións, que non é algo moi habitual. Parar e escoitar á outra persoa e a min.”

(Sara)