A Pega Rabela, un Conto de Sabedoría para a Resiliencia

Os Contos de Sabedoría levan a contactar co propio, descubríndonos mensaxes resilientes que falan da nosa capacidade de saír adiante en situacións adversas. Na medida en que aprendemos dos retos que nos pon a vida, dos traumas, do sufrimento, imos desenvolvendo a nosa capacidade de resiliencia e saimos fortalecidas

Isto é o que nos regala Ana: o seu conto de sabedoría creado no contexo do obradoiro e que nos fala das súas feridas, das súas aprendizaxes, da súa resiliencia…

Graciñas Ana!!! Velaí vai…

A PEGA RABELA

Era unha tarde de marzo. Levaba semanas sen chover e o niño estaba enxoito. Naceu a última pega rebordá da rolada. No niño xa había moitas pegas.

A Pega Rabela naceu miúda e medosa. Tiña moito meco e sempre tiña medo. Medo ao raposo, medo aos gatos, medo aos cans… eses eran medos compartidos por toda a rolada… Pero ao que máis medo lle tiña a Pega Rabela era ao corvo!

O corvo era o paxaro máis admirado da sebe de loureiros onde vivía. Cada vez que o corvo baixaba do alto eucalipto todos os paxaros da sebe se poñían ao seu servizo. Se o corvo contaba un chiste había que rir, se o corvo mandaba piar, piábase; se o corvo mandaba calar, calábase… Todas as aves celebraban a chegada do corvo, aínda que a paz desaparecía coa súa presenza. A Pega Rabela tíñalle medo. O corvo abusaba, berraba e picaba e ninguén o frenaba.

Cando a pega medrou tivo que marchar da sebe de loureiros onde se criou; pouco sabía do que había no outro lado da Serra, pero voou e voou tal e como se lle mandou. Habitou moitas sebes, ía cambiando de loureiro a loureiro, de vez en cando pousaba nalgún salgueiro, pero sempre, ou case sempre, en cada sebe, en cada árbore, en cada póla… aparecía un corvo. Sempre un corvo ao que admirar ou seguir… e a pega querendo escapar do corvo sempre se acababa achegando.

Fixo ao longo dos tempos moitas amigas pegas, algunha rula, pombas, merlas… Unha chea de paxariñas piadoras que a acompañaban a cada paso, pero ela non atopaba acougo.

Un día, chegou a un salgueiro vello onde moraba unha merla moi diferente a ela. A merla nin temía nin admiraba ao corvo!! Era marabilloso!! Había aves que vivían ignorando ao corvo!! A Pega sabía qe vivía confundida, sabía que facía cousas que sabía a ían mancar, sabía que estaba esgotada… e sempre fuxía…

A merla abriulle o seu niño e doulle tamén unha nova receita de herbas para facer un niño novo, ensinoulle novas pólas onde sentarse, novos regatos onde beber, novas sementes que comer, novos ceos que mirar, e novos aires que respirar…

Co peteiro cheo de cousas novas, a pega puido volver para a súa sebe de loureiros a vivir en paz.

O corvo segue voando pero a pega vaino arredando…”

Advertisement