FACILITADORA

Tareixa Ledo Regal

Nacín na vila de Chantada (Lugo) no verán de 1961. Aos cinco anos marchei vivir á banlieu parisiense, onde me criei con outras nenas e nenos inmigrantes coma min: nenas polacas, alxerinas, marroquís, portuguesas… Alí puiden experimentar en carne propia o desenraizamento que provoca a emigración; alí souben o que significa vivir na periferia, orfa de terra e con referencias culturais múltiples. De París herdei espírito republicano e de esquerdas, do que non podo máis que dar grazas.

Máis tarde, xa en Euskadi, onde me licenciei en Ciencias Políticas e Socioloxía (Universidade de Deusto, 1985), aprendín a importancia de formar parte dun pobo con cultura e lingua propias.

Os tempos na aldea da miña Chantada natal nos veráns da nenez fixeron xurdir en min unha atracción vertebradora -case que fundante- polo mundo labrego; unha atracción que me levou, rematada a licenciatura, á decisión de asentarme na aldea de Romariz (Abadín) onde vivín durante 15 anos.

A miña dedicación profesional centrouse, nese momento, no traballo comunitario coa xente labrega, alimentando unha afinidade cun mundo e cunha cosmovisión ás que sempre me acheguei con cordialidade. Máis adiante compaxinei esta dedicación co traballo de intervención con familias desestruturadas desde o Colectivo Galego do Menor e a Fundación Meniños (1994-2001).

As varias estadías intermitentes en Centro América alimentaron esa cordialidade inicial co mundo labrego, coa terra; un amor que non fixo máis que acrecentarse na convivencia coa xente indíxena q´eqchí de Cahabón, en Altaverapaz (Guatemala).

O mundo indíxena remitiume ao sentido fondo da existencia, e a unha espiritualidade da vida e da terra, redimensionando de raíz o xa descuberto e vivido na Galiza. Unha busca espiritual que me levou a cursar o III Seminario de Acompañamento Espiritual en Salamanca, nos anos 1998 e 1999.

Desde o ano 2002, desenvolvín a actividade profesional no Sindicato Labrego Galego, primeiro en tarefas de dinamización comarcal e despois en tarefas de formación, dinamización e organización interna a nivel nacional; un traballo que culminou coa publicación do libro: Lidia Senra Rodríguez. A historia dun liderado entrañable (2010), do que sinto un profundo orgullo e agradecemento.

Para min foron, todas estas, experiencias laborais e vitais gratificantes das que saquei aprendizaxes e amizades. En todas elas aniñou, desde sempre, unha ansia orixinaria, unha ansia espiritual: a de colaborar co meu tempo, cos meus saberes e toda a miña enerxía amorosa, na transformación social e na pacificación da dimensión interna das persoas.

Con esa pretensión de fondo e co obxectivo de dispoñer de máis ferramentas eficaces, decidín formarme posteriormente en Estudos de Xénero, na Universidade de Vigo (Posgrao, 2008). E en Terapia do Reencontro, con Fina Sanz, na Universidade de Alcalá de Henares (Máster en Autocoñecemento, sexualidade e relacións humanas, 2008-2009).

Despois de ter experimentado a Terapia de Reencontro como algo potente e transformador para o meu crecemento persoal, o meu desexo foi ofrecer esta posibilidade a outras persoas na Galiza e para iso inicei unha nova formación como Experta en Coordinación de Grupos Comunitarios para a Saúde (2010) e co Máster de Educación Sexual para a Saúde Comunitaria e Terapia Sexual (2011-2012).

É en marzo do 2009 cando convoco unha primeira edición do obradoiro Autocoñecemento para o cambio. Despois desa primeira convocatoria, seguen moitas outras por toda a xeografía galega e finalmente, a partir do ano 2013, decido centrar a miña actividade profesional na facilitación de procesos grupais, persoais e de parella, desde o enfoque terapéutico da Terapia do Reencontro.

Para apoiar este traballo participo trimestralmente desde ese ano no grupo de Formación Continuada e Supervisión en Terapia de Reencontro, facilitado por Fina Sanz en Madrid e Valencia. E do ano 2018 ao 2020, participo tamén no Máster de Autocoñecemento, Sexualidade e Relacións Humanas (Madrid, 2018-2020) en calidade de observadora e titora.

Ademais,  desde hai uns dez anos e como mebro do Instituto de Terapia do Reencontro, son membro da Sociedad Española de Entidades de Sexología (FESS) e da Sociedade Mundial de Saúde Sexual (WAS).

Busco complementar tamén a miña formación ampliando experiencia e coñecementos en Terapia Familiar Sistémica (Bert Hellinger), na que realizo unha formación ao redor de “As raíces do amor”: un primeiro nivel no ano 2015 (“Sandando as raíces”) e un segundo nivel no ano 2016 (“Apoiando o amor”). Ambas formacións en Tarragona, da man do terapeuta alemán Svagito Liebermeister, formado directamente por Hellinger.

No ano 2021 realizo o curso de Lectura do Libro da Vida -nivel I e II- (máis coñecido como Lectura de Rexistros Akáshicos) coa terapeuta Noemí Lázaro Torres, facilitadora do programa.

Na actualidade, ademais de seguir facilitando obradoiros , así como espazos de acompañamento individual e de parellas desde a metodoloxía da Terapia do Reencontro, formo parte do Equipo de Formación do Instituto de Terapia de Reencontro,  como titora no Expertas internacional 1 “La Terapia de Reencuentro como herramienta de autoconocimiento y cambio para el buentrato” (2021),  no Expertas internacional 2 “Los procesos laberínticos, los duelos, como herramientas de autoconocimiento y transformación” (2021-2022), no Expertas internacional 3  “La escucha como herramienta de autoconocimiento y resiliencia” (2022) e no actual Expertas internacional 4  “El psicoerotismo femenino y masculino: proceso de integración y construcción de vínculos de Buentrato” (2022-2023).

Para min está sendo un regalo poder acompañar o crecemento vital, espiritual, de homes e mulleres empeñadas nunha vida feliz e de Botrato.

Eu tamén me sinto nese mesmo empeño… Unha muller en camiño, habitada polo desexo de emancipación persoal e colectiva, que aposta por construír Botrato no seu vivir cotián… Unha muller feminista que soña con eses outros mundos posibles e quere contribuír a que se vaian facendo realidade na sociedade, nas relacións e tamén na intimidade do fogar e da cama… Unha muller basicamente en paz e feliz, que está aprendendo a gozar e a compartir toda esa abundancia regalada.