Arquivo da categoría: Experiencias

A Pega Rabela, un Conto de Sabedoría para a Resiliencia

Os Contos de Sabedoría levan a contactar co propio, descubríndonos mensaxes resilientes que falan da nosa capacidade de saír adiante en situacións adversas. Na medida en que aprendemos dos retos que nos pon a vida, dos traumas, do sufrimento, imos desenvolvendo a nosa capacidade de resiliencia e saimos fortalecidas

Isto é o que nos regala Ana: o seu conto de sabedoría creado no contexo do obradoiro e que nos fala das súas feridas, das súas aprendizaxes, da súa resiliencia…

Graciñas Ana!!! Velaí vai…

A PEGA RABELA

Era unha tarde de marzo. Levaba semanas sen chover e o niño estaba enxoito. Naceu a última pega rebordá da rolada. No niño xa había moitas pegas.

A Pega Rabela naceu miúda e medosa. Tiña moito meco e sempre tiña medo. Medo ao raposo, medo aos gatos, medo aos cans… eses eran medos compartidos por toda a rolada… Pero ao que máis medo lle tiña a Pega Rabela era ao corvo!

O corvo era o paxaro máis admirado da sebe de loureiros onde vivía. Cada vez que o corvo baixaba do alto eucalipto todos os paxaros da sebe se poñían ao seu servizo. Se o corvo contaba un chiste había que rir, se o corvo mandaba piar, piábase; se o corvo mandaba calar, calábase… Todas as aves celebraban a chegada do corvo, aínda que a paz desaparecía coa súa presenza. A Pega Rabela tíñalle medo. O corvo abusaba, berraba e picaba e ninguén o frenaba.

Cando a pega medrou tivo que marchar da sebe de loureiros onde se criou; pouco sabía do que había no outro lado da Serra, pero voou e voou tal e como se lle mandou. Habitou moitas sebes, ía cambiando de loureiro a loureiro, de vez en cando pousaba nalgún salgueiro, pero sempre, ou case sempre, en cada sebe, en cada árbore, en cada póla… aparecía un corvo. Sempre un corvo ao que admirar ou seguir… e a pega querendo escapar do corvo sempre se acababa achegando.

Fixo ao longo dos tempos moitas amigas pegas, algunha rula, pombas, merlas… Unha chea de paxariñas piadoras que a acompañaban a cada paso, pero ela non atopaba acougo.

Un día, chegou a un salgueiro vello onde moraba unha merla moi diferente a ela. A merla nin temía nin admiraba ao corvo!! Era marabilloso!! Había aves que vivían ignorando ao corvo!! A Pega sabía qe vivía confundida, sabía que facía cousas que sabía a ían mancar, sabía que estaba esgotada… e sempre fuxía…

A merla abriulle o seu niño e doulle tamén unha nova receita de herbas para facer un niño novo, ensinoulle novas pólas onde sentarse, novos regatos onde beber, novas sementes que comer, novos ceos que mirar, e novos aires que respirar…

Co peteiro cheo de cousas novas, a pega puido volver para a súa sebe de loureiros a vivir en paz.

O corvo segue voando pero a pega vaino arredando…”

Contos de Sabedoría para a Resiliencia… Partillando a nosa creatividade

Que compartir deste obradoiro? Que foi máxico! diría Ana…

Neste espazo comprendemos un pouquiño máis os nosos procesos co que nos contou a Aguia que buscaba o seu corazón e Matza, a araña… Atopamos algunhas claves para comprender como é iso de ser resilientes na nosa vida…

Rimos moito, bailamos un montón e tamén puxemos a nosa creatividade en xogo, mesmo creando contos propios que recolleron o noso proceso de vida e que retranscribimos na seguinte entrada para que poidades aproveitar a súa fonda sabedoría e resiliencia.

Queremos partilhar tamén aquí con vós algunhas das obras de plastilina creadas a partir do conto de “Matza, a araña e a súa arañeira”.

IMG_20220703_142057_1

IMG_20220703_142414_1

IMG_20220703_142125

E tamén as flores que fixeron algo máis fermosa a mesa e a xornada…

IMG_20220703_161645_1

Velaí vai… Desfrutádeo moito!

Relacións afectivas e vínculos amorosos para o Botrato: algunhas experiencias…

Recollemos aquí as palabras dalgunhas das compañeiras que participaron no obradoiro de Relacións afectivas e vínculos amorosos para o Botrato, que celebramos en Compostela nos meses de marzo e abril pasados…

Canto aprendemos xuntas! Graciñas!!!

“Impactoume todo o que falamos sobre as negociacións. Noto que teño que aprender a facer negociacións reais, que non sexan un monólogo meu e que o outro asinta. Cando traballamos a fusión e a separación,  dinme conta de que me custa a separación. Teño que dicir que me gustou como organizamos a sala para nós… as telas que trouxemos, todas no chan, todas xuntas…”

(Ana)

“Eu dinme conta de que teño moi mal xestionada a miña vida interior, está desfasada. No obradoiro todo me axudou, todo foi unha explosión, algo raro, forte, que me sorprende.”

(María)

“Aprendín a darme importancia e a tratarme ben. Se a comunicación funciona é o básico. Que fácil se pode romper unha comunicación sa! Necesito seguir aprendendo para mellorar no día a día coa parella, co meu fillo, coas outras persoas. E gustoume compartir experiencias con todas as compañeiras, escoitándoas axudoume a comprenderme mellor.”

(Montse)

“Decateime de que me escoito… Aprendín a respectar os meus momentos de separación sen xuízo, respirando, cando decidín non vir a dúas sesións do obradoiro. E despois sentín moito o respecto de todas, un respecto absoluto, e moita xenerosidade, moito amor e coidados por marchar e poder voltar. A negociación pon en valor a unha mesma: é poñer consciencia nas cousas particulares do día a día. Escoitarme, respectar a separación sen culpa, respirar… Notei que os exercicios non son agresivos, todo flúe de maneira natural. Ter en conta a dimensión social, relacional e interna axúdame para ordenar. Ao escoitar ás outras decátaste de cousas propias e ves que o que me pasa a min tamén lles pasa a outras.”

(Cristina)

“Para min foi importante facer conscientes os meus desexos: que quero, que me gustaría… e de aí a negociación. O espazo persoal é algo que quero traballar moito e dinme conta de que vai moi ligado á miña capacidade de estar na separación.  obradoiro axudoume a recuperar hábitos de saír, de andar, que ten que ver co Contrato de Botrato que fixen para min. Tamén facer cousas soa: recuperar iso. E vin o importante que é a escoita corporal e emocional, non ser tan mental. Nese sentido escoitar ás compañeiras deume pistas. O que me custou foi moverme coa música, aí sentinme incómoda…”

(Sabela)

“Neste espazo comprendín que ser parella é un contrato e que, ademais de querernos, ten que facernos ben estar xuntas e necesitamos negociar para evitar conflitos e axudarnos a ser felices. Comprendín que necesito escoitarme para poder negociar ben. E escoitar ás outras persoas está ben, pero sen facerme cargo das súas emocións. Quero un espazo persoal de calidade e un espazo compartido de calidade. Neste espazo tamén tomei conciencia de que teño un montón de proxectos de amor. E agora sei que o amor universal me acompaña sempre. Aprendín o importante que é na miña vida dar pasiños pequenos.”

 (Ana María)

” Tocoume bastante o dos modelos de relación e o espazo persoal. Vinme centrada no meu espazo persoal dunha maneira inconsciente. E ademais, vin que non tiña conciencia de min mesma no espazo compartido; necesito empezar a darme conta como son, como actúo… É un camiño que empecei hai pouco, e quero ver como é sentirme nun espazo compartido, terme en conta e como se pode xestionar. Aprendín moito da escoita, de escoitarvos os vosos sentires, as vosas emocións, que non é algo moi habitual. Parar e escoitar á outra persoa e a min.”

(Sara)

Como se volvera a min mesma

Con esta sesión de obradoiro decateime de que todas somos similares, que nos pasan a todas cousas moi parecidas. Decateime que verdadeiramente non teño nada diferente que me impida nada.

A sensación cando saín do obradoiro foi como se por fin, da ferida que me atravesaba, que levaba tanto tempo aí, que me condicionaba e levaba todas as atencións… de súpeto a súa costra caese soa porque xa curou por dentro, sen que me dera conta e volvera o foco, de novo, a min mesma.

Marabilloso! Síntome ter superado moito xunto cunha moi grande liberación. Non me parece pouca cousa. Supoño que é o que tiña que aprender e é o que me levo. 

Quería darche as grazas enormemente polo traballo bonito e necesario que fas. Agradézoche moito o camiñar que fixemos, de verdade. Así que, grazas de novo por toda esta etapa acompañando.

(Cristina)

Experiencias do obradoiro Autocoñecemento para o botrato en Ponte Caldelas

“Autocoñecemento para o Botrato en tempos de coronavirus” foi o que nos convocou a dous grupos de mulleres en Ponte Caldelas.

Foron oganizados e convocados polo CIM, con todas as medidas de seguridade precisas para soster un espazo presencial desde o coidado e o botrato para todas nós…

Todas necesitabamos vernos, contarnos, compartir…

Queremos partillar aquí algo da experiencia de varias compañeiras:

Síntome menos pesada, máis lixeira. Coa visualización de cando era nena, sentín o clic de non xulgar, como que caín na conta de que non necesitaba xulgar. E non me sinto tan culpable, estaba metida nun lío con iso. E agora sinto que a solución é ter máis calma na miña vida. Non necesito facer tantas cousas e non necesito tampouco que sexan tan perfectas. Poden pasar sen xulgalas…

(Lucía)

O obradoiro foi para min unha viaxe de introspección imprevista que me valeu para decatarme de fortalezas que pensaba que non tiña e cerrar, de todo, contas pendentes co pasado. Foron días máxicos para min e moi enriquecedores. Grazas por todo, de corazón.

(Alicia)

Que aprendín? Aprendín a escoitar o meu corpo, a poder ver as miñas feridas, a darme conta. Aprendín a aceptarme, a darlle valor ao autocoidado. Foi unha oportunidade poder asistir ao obradoiro de Tareixa, e grazas a unha entorna de seguridade con outras compañeiras. Fíxome avanzar na miña busca interna. Aprendín a identifcar moitas cousas, ás que antes non dera a importancia que realmente teñen, visualizar todas esas ferramentas para telas dispoñíbeis, foi un dos agasallos que me ofreceu este espazo de crecemento, que sinto que agora podo acompañame no meu camiñar. Moitas grazas Tareixa e a vós compañeiras tamén.

(Teresa)

Algunhas experiencias do obradoiro Autocoidado para o Botrato (Soutomaior)

Con todas as dificultades que supón soster espazos presenciais no momento presente e buscando moito o coidado para todas nós, puidemos celebrar en Arcade (Soutomaior), o obradoiro de “Autocoidado para o Botrato en tempos de coronavirus”. Organizouno e convocouno o CIM para o mes de setembro. Queremos compartir aquí algo do que nos levamos para as nosas vidas, para as nosas casas…

Este obradoiro foi un espazo de afrontar cousas difíciles dun xeito tranquilo, con clama, de verbalizar as cousas que eu sinto. Dinme conta que ás veces estou metida nun labirinto e dou voltas, pero podo ir encontrando un camiño. Hai pasos pequenos que me van permitir pechar moitas cousas: o botrato, deixar o “teño que”, vivir ben as despedidas… Quero  darvos as grazas a todas porque foi unha experiencia supergratificante…” (Isabel)

Aprendín o dos autoagasallos, facelos presentes… Comezar a dicir “non” e dicilo tranquila… Móvense cousas grandes. Gustáronme os coidados, a música, o grupo…” (Eli)

Somos mulleres de diferentes idades, con diferentes historias e traxectorias… apréndese moitísimo! O obradoiro foi moi rico e intenso e xera moito benestar. Vexo que necesito ter conta dos meus enredos mentais, que se converten en enredos vitais. Gustáronme moito os momentos de bailar que foron superbonitos. E voume cunha pregunta clave: Que necesito? Que quero? E tamén coa importancia do amor en todo…” (Irene)

Este obradoiro foi curto, eu levo feito varios obradoiros con Tareixa nestes cinco anos, o primeiro en Pontevedra. Éste serviume para recordar cousas esquecidas e darme conta do que foi cambiando na miña vida: estaba nun labirinto onde todo se estaba derrumbando e axudoume moito o grupo aquel primeiro no que estiven. Estaba nun “tío vivo” emocional e foi aprender a estar ben comigo mesma… Aquí reafirmei iso. Aprendin a vivir soa e a desfrutar diso. Vivir ben! Viva a vida! Espero volvernos reencontrar noutros obradoiros. Non hai mellor aprendizaxe que escoitarnos, porque aquí fálase desde o corazón.” (Alba)

A miña viaxe co grupo foi maravillosa, o que me deu moita pena foi non poder iniciala e rematala coma debera, xa que estaba topando algo moi lindo dentro de min. Alégrame moito terte coñecido Tareixa, e o resto de compañeiras. Espero volver a verte. Unha aperta moi, moi forte, e grazas por todo.” (Gely)

Carta aberta con ocasión do coronavirus

Benqueridiñas/os compañeiras/os

Como estades? Como están as vosas familias, a vosa xente máis achegada e querida? Eu, polo de agora, con boa saúde, nunha situación verdadeiramente de luxo, con finca e árbores ao redor, preto da terra e con todo o preciso. Tamén está ben a miña xentiña máis próxima… Non está sendo así, penosamente, para moita outra xente que está a pasar momentos verdadeiramente difíciles, con perdas dolorosas de seres queridos, de saúde, de traballo…

A verdade é que desde que comezou este confinamento forzoso estiven con ganas de mandarvos unha apertiña, un “estamos aquí” a “familia” de Terapia de Reencontro… Precisei toda esta semana para parar comigo, escoitar todo iso que se move inevitablemente no adentro e acollelo con comprensión e cariño, para recolocarme minimamente na serenidade e na paz interior… Uf!!! Cantas sensacións no corpo! Cantas emocións e pensamentos!

Toda esta situación, sen contalo -e queirámolo ou non-, meteunos a todas/os nun gran labirinto. A vida, ás veces, colócanos en situacións de crise que nos desorientan, nos xeran confusión e mesmo nos desbordan por momentos, e esta pode ser unha delas. E nós sabemos que para atravesar o labirinto, necesitamos acompañarnos buscándonos aliadas/os (Los alberintos de la vida cotidiana, de Fina Sanz e obradoiro Os cambios na vida…).

Entramos nun labirinto na dimensión social por como estamos abordando, como sociedade, esta chamada “pandemia“ do coronavirus: a cantidade de xente afectada e a falta de recursos sanitarios para atendela (froito, en grande medida, do desmantelamento e privatización do sistema sanitario público), o concepto de saúde e de enfermidade hipermedicalizadas, o decreto de estado de alarma, a aparición “normalizada” do exército e da súa linguaxe nas rúas e nos medios de comunicación, a perda de miles de postos de traballo, a diminución de ingresos, a alta mortalidade nos centros da terceira idade, a campaña dos medios de comunicación provocando medo colectivo, os intereses escuros das industrias farmacéuticas e da Organización Mundial da Saúde condicionada por capitais privados… Son moitos labirintos e, a un tempo, un grande labirinto social para os países ricos do norte que vemos mover ese chan aparentemente seguro no que pensabamos estar. As situacións que se poden chegar a vivir en países do sur ou en campos de refuxiadas/os poden ser dramáticas, e agora empezamos a caer na conta desas outras múltiples “pandemias” que levan padecendo desde hai anos coa indiferenza cómplice das nosas sociedades ricas: falta de recursos básicos como a auga, fames endémicas, enfermidades como o évola…

Con todo isto, entramos tamén nun labirinto na dimensión relacional: para algúns/has de nós, a reclusión forzosa nas nosas casas lévanos a non poder manter relación e comunicación directa coa nosa xente, a non poder valerlles a nais/pais maiores e soas, a desenvolver o tele-traballo, a non poder reunirnos nas nosas asociacións e colectivos…Para outras/os, a aceleración do ritmo de traballo e os riscos que corren estaos levando a enfermar (persoal sanitario, profesionais da limpeza, transportistas,  traballadoras/es de supermercados…).

E entramos tamén nun labirinto no persoal, na dimensión interna: aparece a incerteza e a inseguridade ante a situación, e tamén os medos… Vívense situacións de perda e de dor… Déixanse ver pantasmas antigas ao redor da enfermidade e da morte… Faltan apertas da xente querida e maniféstanse sensacións de illamento e soidade… Xorde o aburrimento, a inactividade, a impotencia, a sensación de perigo… Cuestionamos certezas vitais, aparece o sen sentido…

Si, sen dúbida, para atravesar estes labirintos necesitamos acompañarnos activamente: precisamos buscarnos aliadas/os e, sobre todo, necesitamos colocarnos cada un/ha de nós como aliada de si propia.

A xente estamos sendo moi intelixentes neste sentido: moi espontaneamente estamos colocándonos como aliadas/os uns/has para outras/os. Mantemos a comunicación entre nós con mensaxes, chamadas e vídeos… Brindámonos a facerlle a compra á persoa maior que temos pretiño… Agudizamos o sentido do humor polas redes sociais… Aplaudimos cada día ás 20h para agradecer a implicación das/os profesionais da saúde e así, a un tempo, sentímonos comunidade de barrio… Saímos ao balcón a tocar instrumentos e cantar… Asociacións e institucións diversas promoven iniciativas para atender necesidades básicas… Empresas reorientan a súa produción fabricando máscaras e outros produtos urxentes… Tanta humanidade! Está sendo este un tempo magnífico para recuperar a nosa capacidade de coidar e deixarnos coidar, e saborear o pracer dese dinamismo amoroso.

Unhas e outros estamos a descubrir e valorar aliadas/os que nos pasaban desapercibidos e que agora identificamos, precisamente por non telos nestes momentos, ou tamén por desfrutalos estes días  recoñecendo o luxo que iso supón: a sensación gustosa do aire e do sol na cara,  o agradable dun paseo polo eido, a oportunidade de tocar a terra na horta e o agasallo dos seus produtos, o cálido espertar da primavera cos seus mil e un rechouchíos, o pracer do deporte ao aire libre, a importancia das rutinas diarias, o valor dos xantares compartidos e das longas sobremesas en compaña, a bondade duns servizos públicos ben articulados, a alegría do encontro coa xente amiga, o significado da actividade laboral e a importancia das/os compañeiras/os de traballo…

Todo iso estamos a vivir nestes días… Por iso é tan importante que, unha vez máis, nos coloquemos cada un/ha de nós de aliada/o de si propia/o. O confinamento nas casas está sendo un momento propicio para parar. Moitas/os estabamos desexando unha oportunidade para facelo e, sen contalo, a vida ofrécenos esta “parada obrigada”. Non sentimos a presión de “facer e facer”, mesmo parece que nos “deran permiso” para deixar de facer!

É real que o coronavirus enferma e mata, un síntoma máis dun modelo social que nos está a sacar saúde a todas/os. Pero o que nos pode enfermar aínda máis é toda a situación creada a raíz do coronavirus. Moito desta situación non está nas nosas mans, evidentemente; pero o que si está nas nosas mans é como nos colocamos cadaquén ante a situación para que todo isto non nos manque. Trátase de non enfermar máis, de non repetir unha vez máis este macro-guión de vida colectivo, social. Trátase de percorrer o labirinto para  atopar o “tesouro”: atopar iso que precisamos aprender para nós mesmas/os, para a nosa vida persoal, para as nosas relacións, para nós como sociedade… Do que se trata é de saír desta situación con máis integración persoal, con relacións máis equilibradas, con máis saúde colectiva e social. Trátase de emerxer mellor reconectadas/os coa enerxía vital, coas demais persoas, coa terra, co goce de vivir, coa Vida…

Este é un momento adecuado para parar. Para parar e escoitarnos. Para parar e acompañarnos con delicadeza. Un tempo axeitado para parar e practicar autocoidados: facendo un xantar saboroso, coloreando un mandala, tocando ese instrumento esquecido, descubrindo unha nova afección, lendo un libro ou escribindo un poema, escoitando música, sachando na horta ou recreándonos en descansar, en non facer nada, descubrindo e atravesando o aburrimento, abríndonos á creatividade… Iso si, deixando a un lado as vellas culpabilidades e colocándonos no botrato, no desfrute espontáneo e contaxioso, divertíndonos coa Vida. Temos tempo á nosa disposición. Unha oportunidade única!

Pode ser un bo momento para recordar ferramentas da Terapia do Reencontro: respirar acompañándonos, estiramentos taoístas, autosensibilización corporal, auto-agasallos, respirar polos pés para relaxarnos e durmir ben, bailar, coidar e deixarnos coidar, enraizamento, respiracións completas, lugar de poder, familia afectiva, respirar polos chakras, contrato de botrato, espazo persoal propio e compartido… Igual nos apetece retomar os cadernos dos obradoiros ou contactar con algunha compañeira de obradoiro que pode ser nestes momentos unha boa aliada para o camiño… Igual é bo momento para ler ou reler algúns dos libros de Fina Sanz…

Todo o que cada un/ha aprendamos estes días para nós mesmas/os, na dimensión interna, vai transformar inevitablemente as nosas relacións sandándoas, e vai repercutir na dimensión social humanizando o planeta…

Compañeiras/os, en toda esta situación que estamos a vivir, de fondo son os coidados os que están en xogo! Os coidados estiveron como discurso central e reivindicación dos colectivos feministas este pasado 8 de marzo, e a sociedade está empezando a falar deles. Toda esta situación está poñendo en tea de xuízo a lexitimidade do modelo social neoliberal patriarcal baseado no maltrato e na violencia, un modelo que xera enfermidades e coronavirus diversos.

A vida e a morte, tan pretiño de nós estes días a grande escada,  ábrennos a porta a mirar desde o corazón a colectivos vulnerables que xa estaban aí: persoas sen teito da nosa contorna, velliñas/os sós/as, mulleres en situación de maltrato no fogar, persoas con problemas mentais ou necesidades especiais, mulleres e homes no cárcere, xente que malvive en campos de refuxiadas/os… E decatámonos ademais de que nós como sociedade e tamén calquera de nós, en calquera momento, podemos chegar a ser vulnerables. Esta situación é un reto persoal e colectivo a acoller a nosa vulnerabilidade e a aprender a vivir desde ela.

Necesitamos revisar moitas prioridades actuais, tanto persoais como colectivas. Como sociedade estamos a comprender a necesidade dun sistema público de saúde, a importancia de redes locais de produción de alimentos, a urxencia de reducir os ritmos capitalistas que nos esgotan, nos oprimen e entolecen…

Toda esta situación -unha vez máis- está poñendo de relevo a necesidade de colocar no centro os coidados e o coidado da Vida! Estamos redimensionando moitos aspectos da nosa vida, decatándonos do básico e do superfluo. Comprobando que podemos vivir sen consumir tanto, que é posible reducir a contaminación no planeta… Cada vez somos máis quen poñemos o noso desexo en termos tempo tranquilo para estar coas nosas familias, para brincar coas nosas crianzas, para atender á nosa xente, para desfrutar das nosas amizades, para coidar dos nosos animais e das nosas plantas… Tempo de vagar para o lecer… Tempo para a participación activa nos colectivos… Tempo para facer o amor lentamente… Tempo para o cultivo da espiritualidade… Tempo para perder o tempo polos sendeiros, desfrutando da natureza… Tempo para nós mesmas/os, sen présas… Desde o sosego e a quietude. Desde esa paz interior e esa harmonía que sabemos aí, no noso adentro, e arelamos con nostalxia.

Obrigáronnos a parar e posiblemente todas/os nós e o planeta precisabamos desta parada.

Cando todo isto pase, necesitaremos de seguro seguir parando. Precisaremos moita escoita persoal, moita conversa entre nós, moita análise colectiva para dixerir, pechar, medrar, cambiar…

E tamén precisaremos moita reflexión desde nós mulleres, desde o feminismo. Para analizar desde nós o que sucedeu e vivimos. Para comprender que estivo en xogo. Para seguir tecendo redes. Para seguir tendo impulso transformador e continuar apostando con intelixencia por un modelo económico-social alternativo a este sistema que se esfarela, un modelo que asegure o coidado da Vida, un modelo que cada día se está a facer máis necesario e urxente.

Ben, pois graciñas compañeiras/os por escoitar a miña palabra… Está escrita desde o corazón e co desexo de seguir “enredándonos”: de seguir facendo rede de apoio entre nós, de sentirnos nunha alianza fonda de soños compartidos de botrato para as nosas vidas e a de todo o planeta.

Apertiñas sandadoras e brincadeiras.

   Tareixa.

Pontecaldelas, 26 de marzo do 2020.

Os cambios na vida. Experiencias dunha viaxe…

E para comezar o 2020… que mellor que escoitar as palabras dalgunhas das mulleres que participaron no obradoiro “Os cambios na vida”, celebrado en Compostela de outubro a decembro pasados… Palabras que enchen de esperanza

Si, o cambio é posible e está nas nosas mans, podemos facelo real nas nosas vidas!!! Escoitemos a estas compañeiras que nos agasallan coas súas experiencias:

“Vexo que isto é un regalo na miña vida, nun momento en que estou en tránsito de moitas cousas. Teño luces e tamén vexo que hai cousas que non podo resolver soa por estar bloqueada e igual non teño a madurez ou a consciencia que preciso. Vin con moita claridade que precisaba un acompañamento neste momento e a verdade é que é un agasallo. Creo que vou recoller moitos máis froitos deste espazo, quédanme moitas preguntas… Axudoume moitísimo a experiencia en grupo, a enerxía tan bonita, moi atrevida, moi valente que se creou entre nós… Xerouse un espazo de liberdade e de confianza que me axudou un montón. Todo foi redondo… Lévome un montón de ferramentas para a miña vida. Axudoume moito o dos autoagasallos, o da crenza, creo que é un cambio no meu guión de vida moi importante, moito máis do que penso, creo que é moi potente… Gustáronme moito os rituais, o traballo no simbólico… Moitas grazas a todas, a ti Tareixa… Creo que non me custa despedirme porque xa vos levo no corazón, xa sodes parte da miña vida…” (Marisa)

“Este foi o meu primeiro obradoiro, viña con moitas reticencias porque pensaba que non ía ser capaz de falar e está sendo unha das mellores experiencias que lembro. Este obradoiro, para min, supón un antes e un despois en todos os aspectos; cada exercicio que faciamos era un descubrir algo e incorporalo na miña vida… chegaba a casa e dábame conta: hostia! agora estoume machacando, agora estou facendo tal… e é como ter ferramentas sinxelas. Cada exercicio era impresionante, abríate á xente… Descubrir que hai persoas que senten coma min, que teñen os mesmos “rayes” ca min foi moi potente. Grazas a cada abrazo nada máis pasar esa porta, grazas a cada mirada, grazas a cada cambio que notei en min pero que notei en cada unha de vós era: aquí hai unha nova Alba, unha nova Mer… esa é a sensación que eu teño. Logo tamén levo unha sensación de aprendizaxe brutal de tantas experiencias de cada unha de nós, con esa xenerosidade que tivemos. Estou aprendendo a acompañarme a min mesma, e noto que esa forza que fixemos como grupo e como mulleres, aínda que a vida nos leve para acá ou para alá, esa forza vai estar. E logo, axudáronme as mantas de cores; arroupáronme en cada sesión. E o exercicio das coidadoras é marabilloso; o toque que lle demos cada unha foi como un descubrir moito desa diversidade nosa: como que o mesmo pode expresarse de moitos xeitos. Quero agradecervos a cada unha porque grazas á vosa xenerosidade estou volvendo á miña esencia; noto que é así e que vai ser todo máis sinxelo dentro de que a vida é a vida…” (Alba)

“Eu levo anos traballando en min… Nunca participara nun grupo non mixto e de botrato. A min non me gustan moito os traballos en grupo pero esta foi unha experiencia superbonita. Saíronme moitas cousas que sen acompañamento non sairían… Estou conectando con medos moi profundos, moi irracionais e quitei algúns deses medos. Foi unha viaxe suave, como estar no medio dun temporal e chegas aquí e hai menos ondas, así que grazas a todas…” (Ana)

“Recuerdo el primer día que venía tan bloqueada, allí en aquella esquina, y pensaba: non me conocen, soy super rara, soy super impulsiva, soy borde… Que voy a hacer con estas mujeres aquí? Y fue empezar y… No sé, para mi significáis muchísimo ahora, aprendí muchísimo, y una de las cosas que aprendí es que no soy tan rara, que sentís como yo, es una pasada porque yo venía como el patito feo. Y me sentí super acompañada, libre y yo no suelo hablar, no profundizo en mis cosas y me vi débil, frágil, me encantó todo. La química que hai, la energía, los abrazos… Yo soy un toxo para los abrazos… La música, ser cuidadora, las muestras de cariño…” (María)

“Para min é o primeiro obradoiro, estou super feliz da experiencia e non teño palabras porque foi bestial. Eu partía da incredulidade… Tareixa dicíame: “é algo que fai avanzar máis” e eu supuña que si, pero… e agora podo dicilo: é bestial, pódese tocar! Eu xa tiña iniciado un proceso de sesións individuais con Tareixa hai meses, por atoparme nun momento persoal de cambio, de querer deixar de ser a persoa que estaba sendo, que non me gustaba nada, estaba instalada no maltrato. E a verdade que o avance co obradoiro foi espectacular: tiña sensación de que ía empurrando unha pedra e co obradoiro foi o momento do parto, en que expulsas xa. Agora si empezo a crer que podo cambiar moitas cousas mal aprendidas… Agradezo moito esta experiencia grupal, flípame escoitarvos, a experiencia de escoitar está sendo incrible. Ao mesmo tempo a experiencia de falar, de ser capaz de expresar o que sinto, que axuda moitísimo. Teño a sensación de que estou dando os primeiros pasos en firme, pero hai cousas que seguen aí, e como a cabra tira ao monte, eu necesitaría máis tempo de obradoiro! Hai un ano non me vería como estou agora, nin de broma. Son cousas intensísimas… Incluso me sorprendo a min mesma. E penso que a axuda é absolutamente necesaria, non creo que tivera conseguido todo isto eu soa… Isto péchase, pero ábrense moitas cousas novas… Fantástico! É un comezo realmente! (Mer)

“Pois eu lévome ese traballo exponencial que sae cando estamos en grupo; que me encanta porque aprendemos todas un montón de todas, que nos axuda a facer máis camiño, a ver máis cousas… Gustoume todo o traballo dos labirintos, entender que hai que ir ás diferentes etapas da nosa vida para pechar o que necesito pechar…  Quedoume tamén moi gravado o de aliados e monstros, saber recoñecelos na miña vida, para min é unha clave… E entender que podemos poñernos no centro da nosa vida! (Aida)

“Creo que o máis importante para min e o que me levo, sen dúbida, é saber de onde veñen algunhas das inseguridades que teño na miña vida de adulta; nunca antes me parara a pensar de onde procedían eses sentimentos que en moitos momentos me dificultan a vida. Conseguín, co traballo dos labirintos localizalos no pasado, na infancia, e visualizar que me foron transmitidas de forma non consciente. Entendo que nesas idades atópaste totalmente espida para loitar contra palabras erróneas que te danan, non posúes as ferramentas axeitadas que xa consegues ter de adulta para poder loitar con elas e que non che afecten situacións e comportamentos… O ter visualizado iso para min é algo moi potente, poido intentar desterrar a crenza que me creaba esa inseguridade e situar no seu lugar unha nova crenza que me fortaleza, así consigo que perdan forza esas inseguridades que levo arrastrando dende nena. Agora sei como colocarme desde a miña fortaleza e esa é unha responsabilidade miña como adulta. A maiores tamén descubrín que non sei pechar os meus dos, o que pode facer que isto quede enquistado e perdure nos anos. Polo tanto aprendín a necesidade de pechalos. Por outra banda, aprendín tanto neste obradoiro coma no anterior a importancia de traballar o corpo e a mente o mesmo tempo, visualicei sobradamente que non lle dou importancia ao meu corpo, non o escoito, só poño a miña atención en traballar o meu intelecto, algo que intento remediar, pero resúltame bastante difícil. Ademais visualicei que sempre antepoño as responsabilidades da miña vida, sexan laborais, familiares etc, ao meu coidado e benestar. Son consciente de que non é gratuíto, senón que na sociedade patriarcal na que vivimos somos ensinadas primeiro a coidar @s demais, a non prestarnos atención, a nosa felicidade realmente non é importante. Quero aprender a colocarme doutra maneira na miña vida, acompañarme, coidarme, pensar en estar en harmonía conmigo mesma. Vir aos obradoiros axúdame a localizar e concretar cousas que consideraba intrínsecas e non o son, senón que son impostas. Poder localizalas e levar ferramentas e pautas para traballar polo meu benestar fai que os obradoiros sexan unha experiencia moi enriquecedora á que resulta doado asistir por ser un espazo seguro de dunha gran xenerosidade.” (Carme)

Eu cheguei sen demasiadas expectativas, apunteime ao obradoiro para despedirme de meu pai que morreu hai un ano e o que máis aprendín foi a pechar etapas, volver a vista atrás e despedirme, e perdoar e dar grazas por aquilo que vivín. Incorporei á miña vida a respiración polos pés e a tomar conciencia de coidar o meu corpo, de mimalo, de atendelo. Gustoume especialmente a ronda do principio para contarnos, e compartir os labirintos das compañeiras en pequenos grupos e tirar conclusións desde esa empatía que había entre nós… Resalto os momentos de lecer, as mesas postas con tanto mimo e tanta fermosura, a decoración da sala… E logo en canto a contidos, as pistas, ferramentas e guías para o noso día a día, para afrontar os cambios. Eu xa veño dunha traxectoria de varios obradoiros, pero neste momento da miña vida axudoume moito a recoñecer, a ver con paz, a lembrar quen son, a recuperar a autoestima. E tamén me axudou facer o da nova crenza, partillala, tela presente e escoitar as das outras compañeiras… Xa se falou tamén da sinerxía, da enerxía que flúe entre nós… Temos na nosa man a posibilidade de poder atoparnos…” (Bea)

 

Experiencias de vida no obradoiro “Confiando nas nosas emocións”:

Do martes 9 de abril ao martes 25 de xuño 2019, celebramos no CIM de Arcade -Soutomaior- o obradoiro Confiando nas nosas emocións. Nel, 15 mulleres fixeron un proceso para conectar coas emocións, darlles espazo, permitirse sentilas e recoñecelas. Emocións como a tristura, o medo, o enfado, a satisfacción, o desamparo, a culpa, a rabia, a ansiedade, o amor, o abandono, a dor, a alegría… Tamén foi un espazo para adquirir ferramentas cara a transformar as emocións que mancan e aprender a colocarnos desde a alegría e o agradecemento, a confianza e a fortaleza… Todas elas, rutas para previr a enfermidade, vivir con saúde e enerxía. E, coma sempre, desde o bo trato e para o bo trato

Recollemos aquí as palabras dalgunhas das mulleres; palabras expresadas o último día de obradoiro:

– “Este obradoiro para min foi unha parte máis do camiño que levo percorrendo con outros obradoiros anteriores de Terapia de Reencontro, un seguir coñecéndome aínda que hai portas que non consigo abrir de momento. Foi un espazo de recoñecer as emocións e levar ferramentas poderosas para min, vivilas na pel máis que na cabeza: o poder da respiración, que integrei… poder relaxarme e durmir co exercicio da respiración polos pés… frear o enfadonon culparme de como educo ás miñas fillas e non culparme cando non dou… ensaiar novas rutas importantes coa miña parella, explorando… estar con xente nova nun proxecto que empecei, xente moi diferente a min e que me dá vertixe e medo, e son capaz de seguir aí, ben comigo, sen necesitar a aprobación do grupo… Todo isto son boas situacións para quererme. Neste obradoiro sentín máis ganas de estar comigo e menos ganas de estar coas demais compañeiras. Estou negociando comigo o tempo, os ritmos e as responsabilidades. Aprendín a non aconsellar ás miñas amigas: “ti deberías…” e aprendín a escoitar que cadaquén faga o seu camiño, tamén coas miñas fillas. Intentar non xulgar e non ter solución para todo e todas. Dinme conta que está ben como son! E quero aprender a poñer límites sen reaccionar, desde a calma, sobre todo coa miña nai, e buscar o pracer de vivir, non acomodarme a estar no malestar. Doume as grazas a min mesma por elixir vir aquí e por todo o que estou aprendendo”

(Lucía)

“Estou moi contenta e agradecida, aprendín moitas cousas e comprendín profundamente cousas como a dignidade persoal ou a igualdade. Axudoume a cambiar estruturas mentais, a deconstruír cousas e construír desde outro lugar. O sentirme enraizándome… sentinme traballando a posición na vida, os pés na terra. E iso cambia todo! Dinme conta que para coidar necesito tempo. E dinme conta que eu quero construír a miña familia. É un cambio radical de visión da vida, un xiro importante. Quédame por aprender o dos guións de vida, o da fusión e a separación, o da relación coa nai, o da visión de xénero… Son materias pendentes. Tamén houbo procesos que coñecía e iso tamén me gustou. O que máis me custou foron as propostas de traballo co corpo porque me atopaba mal con el. E deume pena non estar máis, non poder vir a algunhas sesións, por iso me sentín un pouco presente e un pouco ausente… E tamén vir coas compañeiras no coche, marchar con elas… foi moita vida… Unha bomba de profundidade!

(Celia)

“Para min foi unha terapia grupal, unha viaxe de encontro e reencontro comigo a partir de reconectarme coas demais. Ao sentir a confianza, a contención, sentinme segura, empaticei e aprendín ferramentas. Aprendín a aplicar teoría na miña vida, a poñer en práctica… Foi un camiño de sanación e quero seguir este camiño. Gustoume o ritmo de cada día, gustoume como fluíu cada sesión. Teño máis serenidade e paz mental. Axudoume moito e estou superagradecida…”

(Irene)

“Graciñas Tareixa e tamén grazas ao grupo! Eu quero facer terapia de grupo a nivel persoal e quero dedicarme a ela tamén no profesional. Son cousas sinxelas e potentes. Dinme conta de moitas cousas e fixen cambios. O ritmo gustoume e tamén que non houbera unha gran teoría”

(Martiña)

“Esta foi unha viaxe para min de sentirme escoitada, de escoitarme, de compartir, de atopar un espazo onde mulleres poderosas, compañeiras de camiño crecemos xuntas. Cheo de escoita sen xuízo. Con silencios. Benditos silencios e cheo de contención. O sentir de estar nun lugar seguro. De coidar e sentirme coidada. Da ilusión de chegar. Do meu espazo. De saír dos “debo” e “deberías” e soltar. Grazas a todas por esta viaxe que xa queda comigo no meu corazón. E agradézome a min mesma por comezar esta viaxe que xa non ten retorno…”

(Leire)

Este foi un camiño paralelo ao traballo persoal que estou facendo. A forma de traballar, de levalo, foi un descubrimento. Foi un espazo que permitiu expresar, escoitar sen que te xulguen. Gústame tamén a liberdade do espazo. É un espazo de seguridade e cercanía. Somos todas diferentes entre nós. Ratifiqueime en todo o camiño que teño que facer ata chegar a un punto de estar tranquila, porque vin moitas capas a ir sacando… Gustoume moito o bo trato e creo que son máis consciente do inconsciente que somos no día a día en relación a cousas que nos fan dano. Voume dando conta desas cousas e miro de escapar delas. Estiven conténdome e iso foi parte do meu traballo aquí. Sinto que non aproveitei todo ao 100%, pero estivo xenial. Voume cunha sensación bonita, agradable. Moitas grazas!”

(Berta)

 

Tomando distancia das relacións sustentadas no poder e o maltrato

Co vistobo desta compañeira, reproduzo aquí o seu correo… Que nos sirva a todas/os para seguir coas nosas andainas persoais…

Moi boa noite, Tareixa!

Coñecerte e participar nos teus obradoiros para min foi e é un agasallo de vida, unha amiga-fadiña foi o fío condutor. Mulleres importantes na miña contorna teñen contacto coa Terapia do Reencontro a través das túas terapias e obradoiros, creándose unha integración-coñecemento-perspectiva que me nutren e me transforman e de seguro esa transformación se da na miña contorna.

Lembro hai anos, das primeiras veces que participei no obradoiro de “Autocoñecemento para o cambio” que facilitas, estaba daquela traballando con unha equipa de persoas no que se daban relacións moi xerárquicas, difíciles, con vínculos persoais rotos en algúns casos, dábanse suspicacias e as conductas bastante inmaturas eran habituais. Foi luz para min comprender como o mais habitual é que as nosas relacións estean sustentadas no poder e o maltrato, permitiume tomar distancia e observar dende o afora, identificando diferentes roles, sen sentirme atacada no persoal.

Esta cuestión permitiume permanecer neste grupo de traballo coidando da miña integridade e dignidade ata un punto aceptable para min mesma.

Cando me xurdiu a oportunidade mudei de espazo no laboral, atopei un lugar mais amable, con outro tipo de relacións non tan ríxidas e distantes. Non daba crédito ao meu sentir, canto máis fácil o día a día! E fun consciente de como anteriormente sobrevivira mais cun coste persoal e físico valorable. Fíxenme consciente dos muros de protección que xa non me eran necesarios, e co tempo sentín leveza.

Desexos de moitos espazos nos que poidas seguir a sentir e a construír tal como o expresaches nun dos derradeiros encontros: con “grandísimo pracer, vivir respirando e axudando a respirar”.

Grazas Tareixa, unha aperta cargada de respecto e admiración.”

(Xulia – Febreiro 2019)