Arquivo da categoría: Obradoiros

Mulleres labregas polo Botrato

Esta pasada fin de semana, labregas das diferentes comarcas do país celebraron o seu XVII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego ao redor do lema “Identificando as violencias e construíndo o bo trato“.        1679335086067         1679334959002

Tiven o privilexio de acompañar o domingo pola mañá o espazo de obradoiro “Maltrato e Botrato. Eu escollo o Botrato na miña vida“. Alí compartimos vivencias, algunhas ben dolorosas e outras coma ansias e camiños de botrato para as nosas vidas… Graciñas compañeiras!!!

Velaquí dous momentos do espazo…

16793363483591679336348371

Obradoiro: Recuperando o corpo en positivo. Unha sexualidade desde o pracer e para o Botrato

Benqueridas compañeiras

Velaí esta invitación para un novo espazo de encontro desde o botrato: o obradoiro teórico-práctico para mulleres “Recuperando o corpo en positivo. Una sexualidade desde o pracer e para o Botratro”.

Imos parar a escoitar o noso corpo para deixar de vivilo como un lugar de dor, aprender a valoralo e vivilo en positivo. Precisamos escoitar o noso corpo para decidir as cousas da nosa vida desde nós mesmas… Calquera persoa podemos sentir pracer e benestar, e tamén dalo e recibilo… Iso é vivir o corpo desde o pracer, vivir en equilibrio e con saúde integral…

Traballaremos diferentes aspectos de autocoñecemento: a linguaxe corporal e a integración corporal, respiracións, os sentidos corporais e as fantasías eróticas, globalidade e xenitalidade, relaxacións, coidado e autocoidado, saúde integral

Faremos esta preciosa ruta en Compostela, os domingos 2, 16 e 30 de abril e 7 de maio, en horario de 10h30 a 18h.

Desta volta podes facer extensiva esta invitación a outras mulleres da túa vida: amigas, parella, irmás, fillas, colegas, veciñas…

Para apuntarte, chama ao 639 20 36 69 antes do luns 20 de marzo. Coma sempre, as prazas van ser limitadas.

Unha apertiña.

Recuperando o corpo JPEG

Unha nova oportunidade de autocoñecemento: a Lectura de Rexistros Akáshicos

Benquerida/o compañeira/o

Hoxe chego cunha proposta un pouquiño diferente, pero especialmente fermosa e transformadora.

Quero invitarte a unha Lectura de Rexistros Akáshicos, unha metodoloxía na que me formei no ano 2021 e da que levo facendo sucesivas prácticas, todas elas moi beneficiosas para as persoas que participaron nelas. Quero ofrecercha agora coma unha posibilidade máis no teu camiño de autocoñecemento.

RA Tarxeta JPG

Que é unha Lectura de Rexistros Akáshicos?

A través dunha sesión individual axúdoche a chegar ao centro do teu ser  para que atopes respostas a preguntas da túa vida. A isto chámaselle Lectura de Rexistros Akáshicos (ou tasmén Lectura do Libro da Vida ou Lectura do Libro da Alma).

Os Rexistros Akáshicos son un espazo enerxético onde se garda a memoria universal de todos os seres (como unha especie de “Internet Cósmico”). Neste campo de información predominan a enerxía positiva e un amor incondicional.

A Lectura de Rexistros Akáshicos é un xeito de entrar nese campo de información para acceder á nosa voz interior e confiar nela ao vela confirmada por unha persoa externa, ampliando así o noso autocoñecemento.

Permite unha apertura consciente á nosa sabedoría interna -sempre amorosa– que nos conecta coa alegría e a paz fondas que aniñan no noso adentro máis íntimo.  

Como se desenvolve unha sesión?

Ti fas unha serie de preguntas, abrimos o espazo dos teus Rexistros Akáshicos e lemos a información canalizándoa desde o corazón e expresándoa en voz alta. Podes facer preguntas relacionadas con calquera aspecto da túa vida: a familia, o traballo, a parella, a saúde, os teus animais…

Preguntas como: Que teño que aprender da situación X? Que crenzas ou guións de vida me limitan no tema X (traballo, diñeiro, amizade…)? Como podo mellorar a miña relación con X (nai, pai, parella, amiga/o…)? Cal é o propósito da miña vida? Por que teño esta sensación de soidade/ira/abandono/perigo… na miña vida e que podo facer para soltala? Que me quita tempo/vitalidade/alegría/enerxía… na miña vida? Como podo orientar a miña vida profesional/amorosa/familiar…?

As respostas son respostas desde o corazón e adoitan ser concretas e concisas. Axudan a comprender e tamén a tomar decisións desde o adentro, desde ti, con claridade. Con elas ordenamos o pasado e o presente, sandamos feridas, eliminamos bloqueos… facemos camiño de crecemento persoal.

Unha sesión posibilita a sanación a diferentes niveis e sempre ten por finalidade axudarnos a atopar paz interior e ser máis felices. Cando o corazón fala é para que poidamos sentir todo o amor e a plenitude que están en nós, e sobre todo hai claridade e seguridade para ampliar o poder da nosa vida con consciencia e eficacia.

Se algo resoa en ti ou queres facer calquera pregunta, podes poñerte en contacto comigo a través do was, do correo-e ou chamándome ao 639 20 36 69.

Dáme moita alegría poder compartir contigo esta nova ruta de autocoñecemento e botrato.

Apertiñas cálidas desde o corazón.

Autocoñecemento para o cambio – Xaneiro 2023

E para empezar o ano… un obradoiro para mulleres:  Autocoñecemento para o cambio. Será en Compostela, os domingos 29 de xaneiro, 12 e 26 de febreiro, e 12 de marzo 2023, en horario de 10h30 a 18h.

Un tempo para min, un tempo para parar, un tempo para escoitarme. Imos ver que nos gusta e que non nos gusta da nosa vida e adquirir ferramentas de transformación. Imos aprender a estar no noso corpo e a sentirnos ben na nosa pel… Imos ver como vivir desde o Botrato, re-conectadas coa nosa enerxía vital.

Para todo iso, traballaremos a nosa linguaxe corporal: autopercepción corporal e integración corporal, respiracións e relaxacións… Traballaremos o corpo da dignidade, os auto-agasallos, coidar e deixarme coidar, a familia afectiva

Queremos facer un camiño para ser donas da nosa vida… Un camiño para vivir felices e en paz coa nosa vida. Un camiño cara a unha saúde integral.

Se todo isto che resoa, se queres máis información ou queres apuntarte, chama ao 639 20 36 69 antes do xoves 19 de xaneiro.

Podes facer extensiva esta invitación a outras mulleres da túa vida: amigas, parellas, irmás, fillas, colegas, veciñas…

Para facilitar a participación de todas, contaremos coma sempre con tres tipos de matrícula:  a normal (190€), a reducida para compañeiras en paro (a negociar con antelación) e a solidaria (unha matrícula voluntaria para as que queirades compartir con outras compañeiras).

Moita luz, moito botrato, moita vida para este ano que comeza… Unha apertiña.      

AutoC 023 JPG

Manexando as emocións – Obradoiro para homes

Benqueridos compañeiros

Algúns de vós levádesme pedindo desde hai tempo un espazo de obradoiro… Velaquí vai a proposta, coma un agasallo desde min para vós, e sobre todo como unha invitación a agasallarvos a vós mesmos este espazo de autocoñecemento, este tempo para vós…

O obradoiro vai ser o domingo 15 de xaneiro do vindeiro 2023, en Compostela, en horario de 10h30 a 18h e baixo o título: Manexando as nosas emocións (podes mirar máis abaixo a convocatoria con toda a información)

Vai ser un espazo para conectar coas emocións e recoñecelas: a tristura, o enfado e a rabia, o medo, a culpa, a satisfacción, a soidade, o amor, a vergonza, a alegría, a dor, o abandono… Un espazo de autocoñecemento para aprender a manexar as emocións e adquirir ferramentas para transformar as que nos mancan. Un espazo para aprender a colocarnos na nosa vida desde a alegría e a confianza, desde a bondade e a fortaleza… e construír relacións de botrato para nós e para a xente coa que convivimos.

Por suposto, podedes facer extensiva esta invitación a outros homes que poidan estar interesados: amigos, irmáns, parellas, compañeiros, veciños…

Para apuntarse, cómpre chamar ao 639 20 36 69 antes do venres 6 de xaneiro. Coma sempre, as prazas van ser limitadas.

Unha apertiña de botrato para acompañar estas datas de festas.

   Tareixa.

01. Convocatoria JPG

Soltando Guións de Vida que nos mancan – Obradoiro

Benqueridas compañeiras

Velaí esta invitación para un novo espazo de encontro desde o botrato: o obradoiro teórico-práctico SOLTANDO OS GUIÓNS DE VIDA QUE NOS MANCAN.

Un guión de vida é algo que repetimos inconscientemente unha e outra vez, un xeito de facer, unha maneira de ver o mundo. Imos parar a identificar eses guións de vida vellos que nos limitan e nos mancan, que nos producen minusvaloración e dor. E imos aprender tamén como percorrer novas rutas que nos gusten e emocionen, que nos dean enerxía e ganas de vivir.

Vai ser en Compostela, os domingos 16 e 30 de outubro, e 20 e 27 de novembro, en horario de 10h30 a 18h.

Desta volta podes facer extensiva esta invitación a outras mulleres da túa vida: amigas, parellas, irmás, fillas, colegas, veciñas…

Tés máis información na convocatoria máis abaixo.

Apertiña.

JPG

Xornada do Reencontro de Verán/Outono 2022

Ola, ola, compañeiras

Xa case rematado o verán, estou a pensar na vindeira Xornada do Reencontro Verán/Outono 2022! Vai ser o domingo 18 de setembro en Compostela, de 10h30 a 18h. De seguro que nos vai encantar a todas escoitarnos, arrouparnos, dármonos mimos e compartir  esperanza…  En definitiva, aproveitar esta nova oportunidade –unha máis!- para vernos, estar, acompañarnos…

Desta volta a invitación é a introducirnos na Meditación Corporal do Reencontro, que algunhas de vós xa coñecedes… A Meditación Corporal é un método que fun creando a partir das ferramentas da Terapia de Reencontro e da miña propia experiencia; un xeito sinxelo de parar con nós mesmas e conectar coas nosas partes máis saudables para colocarnos desde aí na nosa vida…

Ben, pois ide reservando data nas vosas axendas… A data límite para apuntarse é o venres 9 de setembro.

Coma sempre, a achega económica vai ser voluntaria, poñeremos un peto alí na sala. Tedes toda a información nas convocatorias que aparecen en Anexo.

Recordade que a Xornada do Reencontro é para mulleres que teñades participado nalgún obradoiro anteriormente así que, neste caso, non reenviedes a convocatoria.

Apertiñas cálidas. Dáme moita alegría compartir esta invitación con todas vós.

XR 022 - JPG

E da Xornada do Reencontro de Primavera 2002

Unha fotiña, compañeiras, para anclar na nosa memoria persoal e colectiva canto vivimos na Xornada do Reencontro de Primavera 2022 na que nos xuntamos 13 mulleres a explorar, fantasear, crear… na que nos escoitamos, nos sentimos, nos comprendemos, nos valoramos no que somos…

Graciñas, porque xuntas fixemos posible que o Botrato se fixera realidade unha vez máis!!!

04. Foto