Arquivo da categoría: Obradoiros

Obradoiro de Meditación Corporal do Reencontro

Mándoche a convocatoria dun obradoiro para min especial. Un obradoiro que vai constar de 3 sesións, os sábados 3, 17 e 24 de novembro, en xornada completa. Un obradoiro que ofrece ferramentas para introducirse na práctica da Meditación Corporal do Reencontro (MCR).

A Meditación Corporal do Reencontro é un xeito moi sinxelo de meditación que facilita conectar coas nosas zonas máis sanas do adentro, para poder colocarnos desde elas na nosa vida… Un “método” accesible para calquera, creado a partir das ferramentas da Terapia de Reencontro e da miña experiencia persoal en meditación e crecemento persoal. Un xeito que fun ensaiando e experimentando durante anos e que agora estou en disposición de compartir con outras persoas.

Con este obradoiro, ademais de adquirir ferramentas persoais de meditación corporal, tamén abre a posibilidade -se ti o desexas- de incorporarte ao espazo de Meditación Corporal do Reencontro.

O espazo de Meditación Corporal do Reencontro xurdiu a partir do primeiro obradoiro de MCR, convocado a comezos de xaneiro pasado. Un espazo no que unhas 10 mulleres nos vimos xuntando cada mes ou mes e medio, para facer práctica de meditación en grupo. É un espazo periódico, que moitas tedes demandado en diversos momentos e que nos facilita a cada unha ir sostendo e vivindo na nosa vida as claves da Terapia de Reencontro (bo trato, corpo da dignidade…).

Podo contarche algo máis, se me chamas ao 639 20 36 69

A data límite para apuntarte ao obradoiro é o sábado 27 de novembro. Coma sempre, escoitándote, escoitando se este é o teu momento… De calquera xeito, dáme moita alegría poder compartir de novo contigo esta invitación.

Neste caso, a convocatoria é para mulleres que xa tendes participado nalgún obradoiro previamente.

Apertiñas cálidas neste comezo de outono…

Xornada do Reencontro 2018: Honrando ás que nos precederon

Ola mulleres do Reencontro!

Coma outros anos, este mes de setembro imos ter a nosa Xornada do Reencontro! Unha vez máis, quere ser unha oportunidade para o encontro con nós mesmas e para o reencontro con compañeiras coas que compartimos experiencia e proceso noutros obradoiros…

Queremos seguir creando redes afectivas entre nós, redes para o bo trato, para a saúde e a vida… para nós e para todos os seres do planeta… Nesta fermosa tarefa andamos todas, dun ou doutro xeito…

Este ano, a Xornada vai ser o sábado 29 de setembro… E dedicarémola a honrar as mulleres que nos precederon… Mulleres amadas e referentes da nosa vida, significativas e aliadas, que infundiron sentido á nosa existencia… Mulleres que partiron, que xa non están… Imos recuperar a súa memoria e recordalas con agradecemento e alegría. Porque cando recoñecemos ás nosas devanceiras, somos quen de recoñecernos a nós mesmas

Así que ide reservando data nas vosas axendas… e apuntádevos antes do sábado 22 de setembro

Apertiñas e… moito Botrato!!!

 

A relación coa nai – Obradoiro en Compostela

Benqueridiñas

Sabedes que o obradoiro A RELACIÓN COA NAI é un espazo que levo anos querendo convocar… e á fin é posible para min facelo! E facelo desde o corazón e coa ilusión de facilitar o camiño que cada unha queirades percorrer.

Sabedes que o vínculo coa nai é un vínculo que ás veces non é doado… Falámolo en moitas ocasións nos obradoiros… Coa nai aprendemos a vincularnos no resto das nosas relacións. Tamén na relación coas nosas fillas e fillos.

Estea viva ou xa falecida, precisamos revisar ese pacto inconsciente que establecemos coa nosa nai. Precisamos recolocarnos na relación con ela, para poder estar en paz con nós mesmas. Para aceptarnos coma completamente valiososas, capaces de amar e de ser amadas. Para poder recoñecer e honrar ás nosas ancestras, e crear alianzas con outras mulleres. Para facer as maternaxes que decidamos na nosa vida e vivir os vínculos desde o pracer e o Botrato.

Esta é unha viaxe cara á nosa autonomía emocional, para vivir como as mulleres adultas que somos. Desde nós mesmas. Facéndonos cargo da nosa vida. En liberdade!

É unha fermosa viaxe que faremos desde o corazón, escoitándonos, con amabilidade e respecto ao noso ritmo. Unha fermosa viaxe cara a nós mesmas…

Por suposto, podes facer extensiva esta invitación a outras mulleres que poidan estar interesadas: amigas, irmás, tías, madriñas, nais ou fillas, parellas, colegas, veciñas…

Máis abaixo aparece toda a información sobre datas… Unha apertiña.

Vínculos afectivos e relacións amorosas para o Bo Trato – Arcade (Soutomaior)

Reenvíovos a convocatoria do obradoiro de Vínculos afectivos e relacións amorosas para o Bo Trato, que se vai realizar en Arcade (Soutomaior – Pontevedra).

O curso, con ritmo semanal e en horario de 10h a 13h da mañá, vai comezar o martes 13 de marzo e remata o 5 de xuño .

É un espazo organizado polo concello de Soutomaior, desde o Centro de Información á Muller (CIM).

O curso é gratuíto e as prazas limitadas.

Quen estea interesada ha de chamar canto antes ao CIM (986 70 12 27).

Obradoiro de Meditación Corporal do Reencontro

Benqueridiña

Desexo que o comezo de ano che fora traendo xa moita alegría… E espero que esta invitación poida ser unha alegría máis para a túa vida… Esa é, polo menos, a miña intención… Cóntoche…

Se cadra nalgún momento me escoitaches falar do proxecto de convocar un espazo periódico do Reencontro… Escoitando o meu corazón e coa práctica de varios anos, este espazo foi callando nun fermoso proxecto: a Meditación Corporal do Reencontro.

A Meditación Corporal do Reencontro é un “método” que fun creando a partir das ferramentas da Terapia de Reencontro e da miña experiencia persoal en meditación e crecemento persoal. Un xeito que fun ensaiando e experimentando durante anos e que agora estou en disposición de compartir con outras persoas. É un xeito sinxelo de conectar coas nosas zonas interiores máis saudables e colocarnos desde aí na nosa vida…

A idea é convocar este espazo inicial introdutorio de tres sesións en clave de obradoiro, aberto a calquer muller que teña participado en obradoiros do Reencontro. Sería os sábados 27 de xaneiro, e 3 e 17 de febreiro.

Se ves que che pode interesar dalgún xeito, apúntate antes do luns 22 de xaneiro!

Se queres máis información, toma contacto comigo para contarche algo máis…

Coma sempre, escoitándote, escoitando se este é o teu momento… De calquera xeito, dáme moita, moita alegría poder compartir esta invitación contigo agora…

Feliz 2018!!!

Queridiñxs

Síntome afortunada por poder acompañar os vosos camiños cara ao bo trato, e acompañándoos sinto que tamén vós estades a acompañar o meu. Graciñas de corazón por esta fermosa Casa do Reencontro que imos facendo entre todas e todos!

Que vaiamos construíndo para o ano 2018 moitos proxectos amorosos para as nosas vidas!!! De seguida vos conto algúns dos que están a agromar en min…

Mentres tanto todo o meu agarimo, cheo de admiración e agradecemento.

Reflexionando sobre o amor romántico e a violencia de xénero. Xornada e obradoiro en Vigo, martes 14 de novembro

A Asociación Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo organiza, en colaboración coa Concellería de Participación Cidadá e Voluntario do Concello de Vigo, unha nova Xornada, neste caso baixo o suxestivo título Reflexionando sobre o amor romántico e a violencia de xénero.

Pola mañá vai falar Sobre o amor romántico, Laura Latorre Hernando, autora do libro Polifonía amorosa.

Pola tarde, podedes escoller entre tres obradoiros, nos que teño o pracer de participar como facilitadora dun deles: Cambios, crises, desamor, rupturas… Acompañándonos para abrir novas etapas, apostando polo Bo Trato.

A matrícula é gratuíta, ata o venres 10 de novembro.

Mirar máis abaixo para ver a totalidade do programa e apuntarse.

Obradoiro para homes: Autocoñecemento para o Cambio

Desta volta, damos información dun obradoiro de Autocoñecemento para o cambio para homes. En palabras dos compañeiros de Micromachinhos que o organizan:

“O grupo de homes de Compostela ‘Micromachinhos’ organizamos, coa colaboración da Concellaría de Igualdade do Concello de Santiago, un novo obradoiro. Nesta ocasión contaremos coa sabedoría de Tareixa Ledo Regal, formada en autocoñecemento, sexualidade e relacións humanas en Terapia de Reencontro, quen nos guiará no obradoiro “Autocoñecemento para o cambio. Obradoiro vivencial teórico-práctico para homes“.

Como en anteriores cursos, as prazas son limitadas e é necesario realizar inscrición previa enviando un correo para micromachinhos@gmail.com

Os días, horarios e local son:

  • Dias 24, 25 e 26 de novembro e 15, 16 e 17 de decembro de 2017
  • Sextas feiras de 17h a 21h, sábados de 10h a 20h e domingos de 10h a 14h
  • Local: Casa do Matadoiro (Compostela)

Animádevos!”

Vínculos afectivos e relacións amorosas para o BoTrato Obradoiro en Compostela

Benquerida compañeira

Mándoche esta invitación para o obradoiro de VÍNCULOS AFECTIVOS E RELACIÓNS AMOROSAS PARA O BO TRATO que comeza en Compostela a finais deste mes de outubro.

Un espazo para ver como me coloco nas miñas relacións afectivas… Constrúo relacións que me desgastan e me sacan enerxías? Ou constrúo vínculos que me fan ben e me nutren?

Imos comprender os dinamismos dos procesos amorosos: a sedución e o namoramento, da fusión e a separación, dos guións de vida, dos negociables e dos innegociables… Miraremos como construír espazo persoal e espazo compartido desde os diferentes modelos de relación. Achegarémonos aos procesos de desamor para ver como atravesar as rupturas e as despedidas.

Queremos colocarnos en relacións de bo trato, conectando coa nosa creatividade, para construír múltiples e fermosos proxectos amorosos para as nosas vidas.

Máis abaixo aparecen as datas das sesións e outras informacións de interese.

Por suposto, podes facer extensiva esta invitación a outras mulleres que poidan estar interesadas: amigas, irmás, tías, madriñas, nais ou fillas, parellas, colegas, veciñas…

O prazo para apuntarse é o mércores 18 de outubro. Coma sempre, as prazas van ser limitadas.

Para apuntarte e para calquera outra cuestión podes chamarme ao 639 20 36 69.

Unha apertiña.

Obradoiro: Como profesionais, tamén sentimos…

Nesta ocasión, teño o gusto de facilitar o obradoiro COMO PROFESIONAIS, TAMÉN SENTIMOS… organizado en Compostela polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, para o vindeiro sábado 7 de outubro.

Un obradoiro para calquer profesional que desenvolva o seu traballo con persoas, moitas veces en situación de vulnerabilidade: traballadoras/es sociais, mestras/es, persoal sanitario… e, evidentemente, educadoras/es sociais.

Contextos profesionais que nos enfrontan a diario a retos… Como conectar emocionalmente para escoitar ben e escoitarme contando comigo, co meu corpo, co que sinto? Que facer co que sinto? Como soster persoas e situacións mantendo a distancia adecuada para non esgotarme? Como colocarme para poder gozar co que fago?

Este obradoiro axuda a escoitar as emocións e sensacións corporais, saber recoñecelas e confiar nelas. É un espazo para aprender a soltar e/ou transformar todo iso que nos provoca malestar (estres, cansanzo, indiferenza, enfado, depresión, apatía, distanciamento, tristura…). E aprender a integrar aquilo que nos produce benestar (alegría, interese, vitalidade, entusiasmo, creatividade, satisfacción, felicidade, implicación, tranquilidade, confianza… para asentarnos nese chan de bo trato.

O prazo de inscrición é ata o 1 de outubro.

Para máis información e para inscribirse, preme aquí.