Manexando as emocións – Obradoiro para homes

Benqueridos compañeiros

Algúns de vós levádesme pedindo desde hai tempo un espazo de obradoiro… Velaquí vai a proposta, coma un agasallo desde min para vós, e sobre todo como unha invitación a agasallarvos a vós mesmos este espazo de autocoñecemento, este tempo para vós…

O obradoiro vai ser o domingo 15 de xaneiro do vindeiro 2023, en Compostela, en horario de 10h30 a 18h e baixo o título: Manexando as nosas emocións (podes mirar máis abaixo a convocatoria con toda a información)

Vai ser un espazo para conectar coas emocións e recoñecelas: a tristura, o enfado e a rabia, o medo, a culpa, a satisfacción, a soidade, o amor, a vergonza, a alegría, a dor, o abandono… Un espazo de autocoñecemento para aprender a manexar as emocións e adquirir ferramentas para transformar as que nos mancan. Un espazo para aprender a colocarnos na nosa vida desde a alegría e a confianza, desde a bondade e a fortaleza… e construír relacións de botrato para nós e para a xente coa que convivimos.

Por suposto, podedes facer extensiva esta invitación a outros homes que poidan estar interesados: amigos, irmáns, parellas, compañeiros, veciños…

Para apuntarse, cómpre chamar ao 639 20 36 69 antes do venres 6 de xaneiro. Coma sempre, as prazas van ser limitadas.

Unha apertiña de botrato para acompañar estas datas de festas.

   Tareixa.

01. Convocatoria JPG

Como inflúe o teu corpo nas túas emocións… Cóntanolo a neurocientífica Nazareth Castellanos

Este é un video que fala de como o noso corpo inflúe nas nosas emocións, algo que traballamos de diversas maneiras como uha ferramenta valiosa e sorprendente desde a Terapia do Reencontro e que Nazareth Castellanos -licenciada en Física teórica e doutora en Neurociencia pola Facultade de Medicina da Universidade Autónoma de Madrid- explica marabillosamente aquí.

Esta neurocientífica cunha ampla formación e percorrido explica con linguaxe sinxela mecanismos que ás veces nos custa comprender…

Se queres vela e escoitala, preme aquí

Tamén se achegou á neurociencia da meditación a través do seu breve e magnífico libro “El espejo del cerebro“, que che recomendamos vivamente.

Aclarándonos un pouquiño: persoa non binaria, persoa de xénero fluído, queer, trans, bisexual, pansexual, terceiro xénero…

Podemos achegarnos a algúns conceptos claves para entender dun xeito sinxelo realidades diversas en relación ao propio corpo e a como nos expresamos desde o sexo e o xénero: LGTBIQ+, queer, trans, persoa non binaria, persoa de xénero fluído, terceiro xénero, autodeterminación de xénero, heterosexual, homosexual, bisexual, pansexual…

Para acceder a este “mini-diccionario” do xornal Público pincha aquí

Soltando Guións de Vida que nos mancan – Obradoiro

Benqueridas compañeiras

Velaí esta invitación para un novo espazo de encontro desde o botrato: o obradoiro teórico-práctico SOLTANDO OS GUIÓNS DE VIDA QUE NOS MANCAN.

Un guión de vida é algo que repetimos inconscientemente unha e outra vez, un xeito de facer, unha maneira de ver o mundo. Imos parar a identificar eses guións de vida vellos que nos limitan e nos mancan, que nos producen minusvaloración e dor. E imos aprender tamén como percorrer novas rutas que nos gusten e emocionen, que nos dean enerxía e ganas de vivir.

Vai ser en Compostela, os domingos 16 e 30 de outubro, e 20 e 27 de novembro, en horario de 10h30 a 18h.

Desta volta podes facer extensiva esta invitación a outras mulleres da túa vida: amigas, parellas, irmás, fillas, colegas, veciñas…

Tés máis información na convocatoria máis abaixo.

Apertiña.

JPG

Programa de Mindfulness e Compaixón

Benqueridxs

Mándovos esta convocatoria do Programa de Mindfulness e Compaixón que fai o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e que apoia o que imos traballando en Terapia de Reencontro… É un curso en liña e de balde.

O prazo para apuntarse remata este vindeiro venres 23 de setembro

Para máis información, preme aquí

Contos de Sabedoría para a resiliencia – Rede de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo

A Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo fainos chegar a súa convocatoria ao XI Encontro de Mulleres, que vai ser en Panxón (Pontevedra) o venres 30 de setembro e sábado 1 de outubro.

Aí facilitarei o espazo “Contos de sabedoría para a resiliencia” e tamén haberá posibilidade de participar en obradoiros doutras compañeiras.

Para máis información e tamén para apuntarse, preme aquí

Xornada do Reencontro de Verán/Outono 2022

Ola, ola, compañeiras

Xa case rematado o verán, estou a pensar na vindeira Xornada do Reencontro Verán/Outono 2022! Vai ser o domingo 18 de setembro en Compostela, de 10h30 a 18h. De seguro que nos vai encantar a todas escoitarnos, arrouparnos, dármonos mimos e compartir  esperanza…  En definitiva, aproveitar esta nova oportunidade –unha máis!- para vernos, estar, acompañarnos…

Desta volta a invitación é a introducirnos na Meditación Corporal do Reencontro, que algunhas de vós xa coñecedes… A Meditación Corporal é un método que fun creando a partir das ferramentas da Terapia de Reencontro e da miña propia experiencia; un xeito sinxelo de parar con nós mesmas e conectar coas nosas partes máis saudables para colocarnos desde aí na nosa vida…

Ben, pois ide reservando data nas vosas axendas… A data límite para apuntarse é o venres 9 de setembro.

Coma sempre, a achega económica vai ser voluntaria, poñeremos un peto alí na sala. Tedes toda a información nas convocatorias que aparecen en Anexo.

Recordade que a Xornada do Reencontro é para mulleres que teñades participado nalgún obradoiro anteriormente así que, neste caso, non reenviedes a convocatoria.

Apertiñas cálidas. Dáme moita alegría compartir esta invitación con todas vós.

XR 022 - JPG

E para este verán, Thich Nhat Hanh…

Thich Nhat Hanh ou Thay -como lle adoita chamar a súa xente máis achegada- foi un mestre budista zen falecido recentemente, en xaneiro do 2022. Escritor, poeta e activista pola paz, foi recoñecido e venerado en todo o mundo ao longo da súa vida. Nacido en Vietnam, vivíu moitos anos en Plum Village, o mosteiro que el mesmo fundou en 1982 na Dordogne, ao sur de Francia.

Moita da filosofía e metodoloxía da Terapia do Reencontro beben nesta fonte de auguiña fresca desde o encontro de Fina Sanz Razón con Thich Nhat Hanh.

Tich foi prolífero en iniciativas sociais pola paz e tamén na escrita: ten publicados máis de cen libros sobre temas tan diversos como a economía, a paz mundial, a morte ou a meditación… Preséntovos algúns deles…

Que mellor maneira de desfrutar este verán que achegandonos as poderosas ensinanzas de Thich Nhat Hanh sempre suxestivas e nutritivas?

978840819410    978849988367   978840820077

978840823701    978841662288    978844933829

978844933330    978849988313    9788408208303

A Pega Rabela, un Conto de Sabedoría para a Resiliencia

Os Contos de Sabedoría levan a contactar co propio, descubríndonos mensaxes resilientes que falan da nosa capacidade de saír adiante en situacións adversas. Na medida en que aprendemos dos retos que nos pon a vida, dos traumas, do sufrimento, imos desenvolvendo a nosa capacidade de resiliencia e saimos fortalecidas

Isto é o que nos regala Ana: o seu conto de sabedoría creado no contexo do obradoiro e que nos fala das súas feridas, das súas aprendizaxes, da súa resiliencia…

Graciñas Ana!!! Velaí vai…

A PEGA RABELA

Era unha tarde de marzo. Levaba semanas sen chover e o niño estaba enxoito. Naceu a última pega rebordá da rolada. No niño xa había moitas pegas.

A Pega Rabela naceu miúda e medosa. Tiña moito meco e sempre tiña medo. Medo ao raposo, medo aos gatos, medo aos cans… eses eran medos compartidos por toda a rolada… Pero ao que máis medo lle tiña a Pega Rabela era ao corvo!

O corvo era o paxaro máis admirado da sebe de loureiros onde vivía. Cada vez que o corvo baixaba do alto eucalipto todos os paxaros da sebe se poñían ao seu servizo. Se o corvo contaba un chiste había que rir, se o corvo mandaba piar, piábase; se o corvo mandaba calar, calábase… Todas as aves celebraban a chegada do corvo, aínda que a paz desaparecía coa súa presenza. A Pega Rabela tíñalle medo. O corvo abusaba, berraba e picaba e ninguén o frenaba.

Cando a pega medrou tivo que marchar da sebe de loureiros onde se criou; pouco sabía do que había no outro lado da Serra, pero voou e voou tal e como se lle mandou. Habitou moitas sebes, ía cambiando de loureiro a loureiro, de vez en cando pousaba nalgún salgueiro, pero sempre, ou case sempre, en cada sebe, en cada árbore, en cada póla… aparecía un corvo. Sempre un corvo ao que admirar ou seguir… e a pega querendo escapar do corvo sempre se acababa achegando.

Fixo ao longo dos tempos moitas amigas pegas, algunha rula, pombas, merlas… Unha chea de paxariñas piadoras que a acompañaban a cada paso, pero ela non atopaba acougo.

Un día, chegou a un salgueiro vello onde moraba unha merla moi diferente a ela. A merla nin temía nin admiraba ao corvo!! Era marabilloso!! Había aves que vivían ignorando ao corvo!! A Pega sabía qe vivía confundida, sabía que facía cousas que sabía a ían mancar, sabía que estaba esgotada… e sempre fuxía…

A merla abriulle o seu niño e doulle tamén unha nova receita de herbas para facer un niño novo, ensinoulle novas pólas onde sentarse, novos regatos onde beber, novas sementes que comer, novos ceos que mirar, e novos aires que respirar…

Co peteiro cheo de cousas novas, a pega puido volver para a súa sebe de loureiros a vivir en paz.

O corvo segue voando pero a pega vaino arredando…”

Contos de Sabedoría para a Resiliencia… Partillando a nosa creatividade

Que compartir deste obradoiro? Que foi máxico! diría Ana…

Neste espazo comprendemos un pouquiño máis os nosos procesos co que nos contou a Aguia que buscaba o seu corazón e Matza, a araña… Atopamos algunhas claves para comprender como é iso de ser resilientes na nosa vida…

Rimos moito, bailamos un montón e tamén puxemos a nosa creatividade en xogo, mesmo creando contos propios que recolleron o noso proceso de vida e que retranscribimos na seguinte entrada para que poidades aproveitar a súa fonda sabedoría e resiliencia.

Queremos partilhar tamén aquí con vós algunhas das obras de plastilina creadas a partir do conto de “Matza, a araña e a súa arañeira”.

IMG_20220703_142057_1

IMG_20220703_142414_1

IMG_20220703_142125

E tamén as flores que fixeron algo máis fermosa a mesa e a xornada…

IMG_20220703_161645_1

Velaí vai… Desfrutádeo moito!