Xornada do Reencontro de Verán/Outono 2022

Ola, ola, compañeiras

Xa case rematado o verán, estou a pensar na vindeira Xornada do Reencontro Verán/Outono 2022! Vai ser o domingo 18 de setembro en Compostela, de 10h30 a 18h. De seguro que nos vai encantar a todas escoitarnos, arrouparnos, dármonos mimos e compartir  esperanza…  En definitiva, aproveitar esta nova oportunidade –unha máis!- para vernos, estar, acompañarnos…

Desta volta a invitación é a introducirnos na Meditación Corporal do Reencontro, que algunhas de vós xa coñecedes… A Meditación Corporal é un método que fun creando a partir das ferramentas da Terapia de Reencontro e da miña propia experiencia; un xeito sinxelo de parar con nós mesmas e conectar coas nosas partes máis saudables para colocarnos desde aí na nosa vida…

Ben, pois ide reservando data nas vosas axendas… A data límite para apuntarse é o venres 9 de setembro.

Coma sempre, a achega económica vai ser voluntaria, poñeremos un peto alí na sala. Tedes toda a información nas convocatorias que aparecen en Anexo.

Recordade que a Xornada do Reencontro é para mulleres que teñades participado nalgún obradoiro anteriormente así que, neste caso, non reenviedes a convocatoria.

Apertiñas cálidas. Dáme moita alegría compartir esta invitación con todas vós.

XR 022 - JPG

E para este verán, Thich Nhat Hanh…

Thich Nhat Hanh ou Thay -como lle adoita chamar a súa xente máis achegada- foi un mestre budista zen falecido recentemente, en xaneiro do 2022. Escritor, poeta e activista pola paz, foi recoñecido e venerado en todo o mundo ao longo da súa vida. Nacido en Vietnam, vivíu moitos anos en Plum Village, o mosteiro que el mesmo fundou en 1982 na Dordogne, ao sur de Francia.

Moita da filosofía e metodoloxía da Terapia do Reencontro beben nesta fonte de auguiña fresca desde o encontro de Fina Sanz Razón con Thich Nhat Hanh.

Tich foi prolífero en iniciativas sociais pola paz e tamén na escrita: ten publicados máis de cen libros sobre temas tan diversos como a economía, a paz mundial, a morte ou a meditación… Preséntovos algúns deles…

Que mellor maneira de desfrutar este verán que achegandonos as poderosas ensinanzas de Thich Nhat Hanh sempre suxestivas e nutritivas?

978840819410    978849988367   978840820077

978840823701    978841662288    978844933829

978844933330    978849988313    9788408208303

A Pega Rabela, un Conto de Sabedoría para a Resiliencia

Os Contos de Sabedoría levan a contactar co propio, descubríndonos mensaxes resilientes que falan da nosa capacidade de saír adiante en situacións adversas. Na medida en que aprendemos dos retos que nos pon a vida, dos traumas, do sufrimento, imos desenvolvendo a nosa capacidade de resiliencia e saimos fortalecidas

Isto é o que nos regala Ana: o seu conto de sabedoría creado no contexo do obradoiro e que nos fala das súas feridas, das súas aprendizaxes, da súa resiliencia…

Graciñas Ana!!! Velaí vai…

A PEGA RABELA

Era unha tarde de marzo. Levaba semanas sen chover e o niño estaba enxoito. Naceu a última pega rebordá da rolada. No niño xa había moitas pegas.

A Pega Rabela naceu miúda e medosa. Tiña moito meco e sempre tiña medo. Medo ao raposo, medo aos gatos, medo aos cans… eses eran medos compartidos por toda a rolada… Pero ao que máis medo lle tiña a Pega Rabela era ao corvo!

O corvo era o paxaro máis admirado da sebe de loureiros onde vivía. Cada vez que o corvo baixaba do alto eucalipto todos os paxaros da sebe se poñían ao seu servizo. Se o corvo contaba un chiste había que rir, se o corvo mandaba piar, piábase; se o corvo mandaba calar, calábase… Todas as aves celebraban a chegada do corvo, aínda que a paz desaparecía coa súa presenza. A Pega Rabela tíñalle medo. O corvo abusaba, berraba e picaba e ninguén o frenaba.

Cando a pega medrou tivo que marchar da sebe de loureiros onde se criou; pouco sabía do que había no outro lado da Serra, pero voou e voou tal e como se lle mandou. Habitou moitas sebes, ía cambiando de loureiro a loureiro, de vez en cando pousaba nalgún salgueiro, pero sempre, ou case sempre, en cada sebe, en cada árbore, en cada póla… aparecía un corvo. Sempre un corvo ao que admirar ou seguir… e a pega querendo escapar do corvo sempre se acababa achegando.

Fixo ao longo dos tempos moitas amigas pegas, algunha rula, pombas, merlas… Unha chea de paxariñas piadoras que a acompañaban a cada paso, pero ela non atopaba acougo.

Un día, chegou a un salgueiro vello onde moraba unha merla moi diferente a ela. A merla nin temía nin admiraba ao corvo!! Era marabilloso!! Había aves que vivían ignorando ao corvo!! A Pega sabía qe vivía confundida, sabía que facía cousas que sabía a ían mancar, sabía que estaba esgotada… e sempre fuxía…

A merla abriulle o seu niño e doulle tamén unha nova receita de herbas para facer un niño novo, ensinoulle novas pólas onde sentarse, novos regatos onde beber, novas sementes que comer, novos ceos que mirar, e novos aires que respirar…

Co peteiro cheo de cousas novas, a pega puido volver para a súa sebe de loureiros a vivir en paz.

O corvo segue voando pero a pega vaino arredando…”

Contos de Sabedoría para a Resiliencia… Partillando a nosa creatividade

Que compartir deste obradoiro? Que foi máxico! diría Ana…

Neste espazo comprendemos un pouquiño máis os nosos procesos co que nos contou a Aguia que buscaba o seu corazón e Matza, a araña… Atopamos algunhas claves para comprender como é iso de ser resilientes na nosa vida…

Rimos moito, bailamos un montón e tamén puxemos a nosa creatividade en xogo, mesmo creando contos propios que recolleron o noso proceso de vida e que retranscribimos na seguinte entrada para que poidades aproveitar a súa fonda sabedoría e resiliencia.

Queremos partilhar tamén aquí con vós algunhas das obras de plastilina creadas a partir do conto de “Matza, a araña e a súa arañeira”.

IMG_20220703_142057_1

IMG_20220703_142414_1

IMG_20220703_142125

E tamén as flores que fixeron algo máis fermosa a mesa e a xornada…

IMG_20220703_161645_1

Velaí vai… Desfrutádeo moito!

E da Xornada do Reencontro de Primavera 2002

Unha fotiña, compañeiras, para anclar na nosa memoria persoal e colectiva canto vivimos na Xornada do Reencontro de Primavera 2022 na que nos xuntamos 13 mulleres a explorar, fantasear, crear… na que nos escoitamos, nos sentimos, nos comprendemos, nos valoramos no que somos…

Graciñas, porque xuntas fixemos posible que o Botrato se fixera realidade unha vez máis!!!

04. Foto

Relacións afectivas e vínculos amorosos para o Botrato: algunhas experiencias…

Recollemos aquí as palabras dalgunhas das compañeiras que participaron no obradoiro de Relacións afectivas e vínculos amorosos para o Botrato, que celebramos en Compostela nos meses de marzo e abril pasados…

Canto aprendemos xuntas! Graciñas!!!

“Impactoume todo o que falamos sobre as negociacións. Noto que teño que aprender a facer negociacións reais, que non sexan un monólogo meu e que o outro asinta. Cando traballamos a fusión e a separación,  dinme conta de que me custa a separación. Teño que dicir que me gustou como organizamos a sala para nós… as telas que trouxemos, todas no chan, todas xuntas…”

(Ana)

“Eu dinme conta de que teño moi mal xestionada a miña vida interior, está desfasada. No obradoiro todo me axudou, todo foi unha explosión, algo raro, forte, que me sorprende.”

(María)

“Aprendín a darme importancia e a tratarme ben. Se a comunicación funciona é o básico. Que fácil se pode romper unha comunicación sa! Necesito seguir aprendendo para mellorar no día a día coa parella, co meu fillo, coas outras persoas. E gustoume compartir experiencias con todas as compañeiras, escoitándoas axudoume a comprenderme mellor.”

(Montse)

“Decateime de que me escoito… Aprendín a respectar os meus momentos de separación sen xuízo, respirando, cando decidín non vir a dúas sesións do obradoiro. E despois sentín moito o respecto de todas, un respecto absoluto, e moita xenerosidade, moito amor e coidados por marchar e poder voltar. A negociación pon en valor a unha mesma: é poñer consciencia nas cousas particulares do día a día. Escoitarme, respectar a separación sen culpa, respirar… Notei que os exercicios non son agresivos, todo flúe de maneira natural. Ter en conta a dimensión social, relacional e interna axúdame para ordenar. Ao escoitar ás outras decátaste de cousas propias e ves que o que me pasa a min tamén lles pasa a outras.”

(Cristina)

“Para min foi importante facer conscientes os meus desexos: que quero, que me gustaría… e de aí a negociación. O espazo persoal é algo que quero traballar moito e dinme conta de que vai moi ligado á miña capacidade de estar na separación.  obradoiro axudoume a recuperar hábitos de saír, de andar, que ten que ver co Contrato de Botrato que fixen para min. Tamén facer cousas soa: recuperar iso. E vin o importante que é a escoita corporal e emocional, non ser tan mental. Nese sentido escoitar ás compañeiras deume pistas. O que me custou foi moverme coa música, aí sentinme incómoda…”

(Sabela)

“Neste espazo comprendín que ser parella é un contrato e que, ademais de querernos, ten que facernos ben estar xuntas e necesitamos negociar para evitar conflitos e axudarnos a ser felices. Comprendín que necesito escoitarme para poder negociar ben. E escoitar ás outras persoas está ben, pero sen facerme cargo das súas emocións. Quero un espazo persoal de calidade e un espazo compartido de calidade. Neste espazo tamén tomei conciencia de que teño un montón de proxectos de amor. E agora sei que o amor universal me acompaña sempre. Aprendín o importante que é na miña vida dar pasiños pequenos.”

 (Ana María)

” Tocoume bastante o dos modelos de relación e o espazo persoal. Vinme centrada no meu espazo persoal dunha maneira inconsciente. E ademais, vin que non tiña conciencia de min mesma no espazo compartido; necesito empezar a darme conta como son, como actúo… É un camiño que empecei hai pouco, e quero ver como é sentirme nun espazo compartido, terme en conta e como se pode xestionar. Aprendín moito da escoita, de escoitarvos os vosos sentires, as vosas emocións, que non é algo moi habitual. Parar e escoitar á outra persoa e a min.”

(Sara)

Sobre maternidades e culpas…

Hoxe recollo un artigo de Ana Requena Aguilar aparecido este pasado 1 de maio en elDiario.es: “Es el Día de la Madre, pero podría ser el Día de la Culpa“.

Un artigo sobre maternidades, mitos e mandatos… que comeza así: “Se hai unha experiencia atravesada pola culpa é a maternidade, a dúbida sobre o que fas e como o fas, a angustia porque o que sentes non se corresponde co que se supón que deberías sentir, a certeza de que coidas como podes pero non como che gustaría…Todo deriva en culpa.”

No artigo, ademais, cítanse as obras de diferentes autoras que escribiron sobre unha realidade moi precisada de achegas fóra da perspectiva patriarcal:  “El nudo materno” de Jane Lazarre, “Maternidades precarias” de Diana Olivar, “Palabra de madre” de Ibone Olza ou “Mamá desobediente” de Esther Vivas.

Para ler o artigo, podes facer clic aquí 

Hai que erotizar o Botrato!

Esta entrevista a Fina Sanz está de total actualidade a pesares de ter aparecido na Vanguardia en xaneiro do 2017.  ” O botrato é moi sutil, ten que ver coa linguaxe do corpo, cunha expresión corporal de felicidade, benestar, relaxación, pero hai que traballalo…”, “O Botrato é a forma de expresión do amor… Se non canalizamos a nosa enerxía amorosa, sentímonos frustrados, enfermos.”…

Que desfrutes das palabras da mestra da Terapia do Reencontro… igual atopas nelas algunha clave para a túa vida…

Para lela, fai click, aquí: BENTRACTAR LV

Como se volvera a min mesma

Con esta sesión de obradoiro decateime de que todas somos similares, que nos pasan a todas cousas moi parecidas. Decateime que verdadeiramente non teño nada diferente que me impida nada.

A sensación cando saín do obradoiro foi como se por fin, da ferida que me atravesaba, que levaba tanto tempo aí, que me condicionaba e levaba todas as atencións… de súpeto a súa costra caese soa porque xa curou por dentro, sen que me dera conta e volvera o foco, de novo, a min mesma.

Marabilloso! Síntome ter superado moito xunto cunha moi grande liberación. Non me parece pouca cousa. Supoño que é o que tiña que aprender e é o que me levo. 

Quería darche as grazas enormemente polo traballo bonito e necesario que fas. Agradézoche moito o camiñar que fixemos, de verdade. Así que, grazas de novo por toda esta etapa acompañando.

(Cristina)