TERAPIA

A Terapia de Reencontro é un enfoque humanista con perspectiva de xénero, creado nos anos 70 pola doutora Fina Sanz Ramón, psicoterapeuta, pedagoga e sexóloga valenciana con décadas de traballo terapéutico clínico e comunitario no Estado Español e en Latino América, fundamentalmente en México.

A Terapia de Reencontro concibe á persoa de xeito holístico, integral, e traballa con ela para a integración das súas múltiples dimensións: a dimensión corporal, emocional, mental, sexual, relacional, social e espiritual. Por iso incorpora enfoques de psicoloxía humanista, de sexoloxía e de educación para a saúde, con achegas doutras disciplinas e tradicións culturais, como as orientais.

Na Terapia de Reencontro tense en conta que a persoa nace nunha estrutura social patriarcal, inmersa nunha tradición cultural: a xudeo-cristiá. E polo tanto está socializada en base a uns roles de xénero dicotomizados (roles “femininos” destinados ás mulleres e roles “masculinos” para os homes). Estas dúas “subculturas”, en base ás diferenzas de xénero, están xerarquizadas nunha relación de poder de dominio/submisión, na que os homes e o masculino están colocados no dominio e ás mulleres lles toca colocarse na submisión. Esta realidade impregna as nosas vivencias corporais e emocionais, o xeito de vivir o amor e os afectos, en suma, o xeito de percibir e de colocarnos no mundo.

Este modelo terapéutico chámase Terapia de Reencontro porque facilita:

  • O reencontro da persoa consigo mesma, para comprender e gozar das cousas que van ben na súa vida, e para transformar as que lle mancan ou non lle gustan
  • O reencontro da persoa como ser sexuado, integrando as dimensións feminina e masculina, construídas culturalmente
  • O reencontro entre mulleres e homes, desde unha comprensión dos conflitos xerados pola escisión de xénero e á procura duns vínculos de bo trato
  • O reencontro da persoa coas súas orixes, coa súa historia. O reencontro entre culturas e entre pobos para enriquecernos coas diferenzas e crear unhas relacións de paz
  • O reencontro da persoa coa terra, para reaprender a sentirnos parte dela e a relacionarnos con ela desde o respecto amoroso

Recollemos os libros nos que Fina Sanz Ramón desenvolve o seu modelo terapéutico, todos eles publicados na editorial Kairós:

La pareja, un proyecto de amor. Conflictos, educación para la salud y terapia (2020)

Este libro está concibido tanto para profesionais como para calquera persoa –en parella ou non- que desexe coñecer os conflitos ou as vivencias positivas que poden aparecer na interacción en parella. Coma noutras obras da autora, neste libro tamén contamos cunha serie de exercicios prácticos para que lle poidamos poñer nome ás nosas fortalezas e aos nosos conflitos, e utilicemos as ferramentas axeitadas para resolvelos. Trátase de ter ferramentas para abordar os conflitos de parella desde o autocoñecemento e o desenvolvemento mutuo. A autora fai especial fincapé en que a relación de parella se constitúa como un proxecto de amor onde poidamos medrar a nivel persoal e relacional.

– El buentrato como proyecto de vida (2016)

Fina Sanz proponnos un cambio de perspectiva sumamente orixinal: a sociedade nomea o maltrato como problema e o que fai ela é empezar a construír un modelo de convivencia desde e para o «botrato». O botrato ha de crearse no espazo persoal, na dimensión relacional e na estrutura social. Necesitamos abandonar crenzas antigas, valores e comportamentos que reproducen de forma consciente ou inconsciente o maltrato, e crear valores novos, outras formas de percibirnos e de relacionarnos que favorezan o crecemento persoal e unhas relacións humanas, sociais e coa Natureza desde o respecto á diferenza, a cooperación e a solidariedade, a harmonía e a paz. Este libro revolucionario aporta claves para a reflexión, a discusión e  a concreción posterior dun modelo máis saudable de convivencia en diferentes áreas laborais e da vida cotiá. Nel, a autora sintetiza a esencia de moitos dos traballos e metodoloxías que leva realizando desde hai décadas e que se plasmaron nos seus libros e formacións.

– Hombres con corazón. Hablando en la segunda mitad de la vida (2014)

Un grupo de homes, pasados os 50 anos, reflexionan sobre a súa vida. Falan dos seus sentimentos, de cómo se perciben a si mesmos física e emocionalmente, cómo viven a espiritualidade, cómo foron e son na actualidade a súas relacións de parella, as súas relacións amorosas e sexuais, e cómo viven a súa vida social. A narración pasa do a dentro ao a fóra, do íntimo ao social, e do social ao persoal e relacional. Homes que se reúnen sen terse coñecido previamente, para falar do seu sentir, para aprender da experiencia de escoitarse e escoitar a outros, iguais e diversos. Esta experiencia parte dun “Proxecto de Reflexión para Homes na Segunda Metade da Vida”, coordinado por Fina Sanz para dar voz a homes que queren falar de verdade, porque falan desde o corazón.

– Diálogos de mujeres sabias (2012)

Trece mulleres na segunda metade da vida reúnense para falar dos cambios físicos e emocionais que están experimentando. Dialogan sobre a súa sexualidade, sobre a espiritualidade, a enfermidade e a súa vida social. Contan de maneira directa e espontánea cómo viven, qué lles pasa, cómo se perciben a si mesmas e ao mundo. Comparten o que case non se di respecto deste período da vida, dos novos retos e oportunidades que se presentan, dos dós que hai que asumir, de qué se pode facer con todo o aprendido ao longo dos anos. O libro xorde do Grupo de Reflexión para Mulleres na Segunda Metade da Vida, coordinado por Fina Sanz. Nestas páxinas atópase un espazo de escoita interior para distinguir o verdadeiro do superficial, para redescubrir valores que nos permiten estar máis en conexión co noso ser, cos demais e co que nos rodea.

La fotobiografía. Imágenes e historias del pasado para vivir con plenitud el presente (2007)

Desenvolta por Fina Sanz, a fotobiografía converteuse nunha metodoloxía pedagóxica e terapéutica fundamental no marco da Terapia de Reencontro. Trátase dun enfoque que integra a historia de vida narrada e sentida por cada persoa e as imaxes que a acompañan, extraídas dos álbums familiares, onde se entrecruzan as miradas das outras persoas sobre un/ha mesma/o coas nosas propias miradas. A fotobiografía amósanos, dun xeito gráfico, o universo social e cultural do que procedemos, os ritos e os mitos nos que participamos. Apórtanos imaxes concretas dos valores sociais nos que viviu a nosa xente antepasada, ensínanos como nos situabamos no entorno familiar, os cambios que fomos realizando, que se manifestan no corpo, no rostro, na ollada. Este libro é unha guía para que cada quen poida reencontrarse co seu pasado, aprenda a ler a linguaxe das emocións nos corpos retratados e lle poña voz aos silencios e á ausencia de imaxes en determinados períodos da vida. Fina Sanz axúdanos a comprender e comprendernos, a poñernos en paz con nós, co noso entorno e coas nosas relacións. Unha ferramenta de gran utilidade tanto para profesionais como para toda persoa interesada en afondar no seu proceso de autocoñecemento e superación.

– Los laberintos de la vida cotidiana. La enfermedad como autoconocimiento, cambio y transformación (2001)

Desde o seu propio proceso de leucemia, Fina Sanz escribe un libro conmovedor, lúcido e revelador no que analiza a enfermidade como un proceso labiríntico a atravesar. Colocándose como observadora de si mesma,  aporta claves para mellorar a calidade de vida de calquera persoa que viva unha enfermidade grave. Este libro esperanzador diríxese, non só a persoas que atravesan  unha enfermidade grave ou a aquelas que as acompañan (profesionais da saúde ou non), senón tamén a persoas que viven unha situación labiríntica na que se mesturan confusión, medos, crise vital… Tal vez no libro atope a persoa lectora o fío de Adriadna que a axude a saír do seu labirinto persoal.

Los vínculos amorosos. Amar desde la identidad en la Terapia de Reencuentro, (1995)

O amor é en boa parte aprendido. A estrutura social escinde o masculino e o feminino, e ensina a homes e mulleres a amar de distinta maneira: o resultado é incomprensión, incomunicación e sufrimento. Un dos obxectivos do libro é buscar unha linguaxe común que permita reencontrarnos como persoas e establecer relacións de paz. Neste libro, preséntase o amor coma unha viaxe interior, como un proceso que se transforma continuamente e tamén, como unha arte: a arte de compartir, da harmonía, da creación. O libro é un instrumento imprescindible para profesionais da saúde, da educación e do traballo comunitario. Tamén para calquera persoa interesada no seu propio crecemento. Así, intercálanse exercicios e preguntas para que cada quen estableza un diálogo interior e vaia afondando no seu autocoñecemento e autoaxuda.

– Psicoerotismo femenino y masculino. Para unas relaciones placenteras, autónoma y justas (1990)

Prologado por Victoria Sau, este é un libro orixinal e innovador sobre psicosexualidade, escrito desde un novo paradigma e desde un novo concepto de feminismo que se define pola recuperación dos chamados “valores femininos”. Invítase aos homes a recuperar/revalorizar a súa parte “feminina” e ás mulleres a facer o mesmo coa súa parte “masculina”. A autora propón exercicios de autocoñecemento e autoaxuda para un equilibrio interior e entre os sexos, para acadar unhas relacións máis xustas e autónomas. A linguaxe é clara e directa, ousada e sempre chea de tacto. O resultado é un ensaio maxistral orientado ao autocoñecemento. Un libro que tamén é un manual, no só para profesionais da Saúde -en especial de sexoloxía e psicoterapia- senón para grupos de autoaxuda ou para cualquera persoa interesada no seu crecemento erótico e humano.