Arquivo por meses: Decembro 2016

Do que máis aprendín foi de escoitar ás compañeiras

Eva comparte xenerosamente con nós algo da súa experiencia en varios obradoiros. Graciñas, Eva!

“Asistín a varios obradoiros de Terapia de Reencontro e quería compartir a miña experiencia nunhas liñas, por se fora de axuda para algunha indecisa.

Ao principio era reticente a asistir, porque pensaba que me ía sentir incómoda entre persoas ás que non coñecía de nada, vivindo experiencias ou tratando temas tan persoais como os que supuña que se ían tratar. Finalmente animeime a acudir, e alégrome moito porque aportou moito á miña vida e, sorprendentemente, do que máis aprendín foi de escoitar ás compañeiras; as súas vivencias, as súas interpretacións, foran comúns ou non ás miñas, déronme moitas pistas para entender as miñas, ademais de recoñecer moitas veces as opresións comúns que sufrimos só por cuestión de xénero. Por outra banda, non me sentín incómoda en ningún momento, os obradoiros foron espazos seguros, amables e mesmo divertidos en moitos momentos.

O último obradoiro que fixen foi o de “OS CAMBIOS NA VIDA”. Neste en concreto, o simple feito de poñerlle nome a procesos que estaba vivindo e entender algo máis de como funcionan, xa me axudou moito para vivilos doutro xeito máis levadeiro. Aprendín ferramentas diversas para poder superar malos momentos e, ademais, comprendín que moito depende de min mesma, e que eu podo reconducir a miña vida. Por último, aprendín un pouco máis a escoitarme a min mesma, e non deixarme levar tanto por mandatos externos que, ata o momento, mesmo podían ser invisibles para min.

Aprender a vivir no bo trato, sobretodo no bo trato a min mesma, está sendo un camiño moi gratificante para min.”

Eva (decembro de 2016)