Arquivo por meses: Decembro 2017

Algúns homes falan da súa experiencia no obradoiro de Autocoñecemento para o cambio

Reproducimos aquí os relatos dalgúns dos dezanove compañeiros que participaron no obradoiro de Autocoñemento para o cambio celebrado en Compostela nos meses de novembro e decembro deste ano 2017.

Algúns compañeiros aparecen co nome, outros prefiren manter o anonimato e aparecen así cun nome inventado. A todos agradecemos de corazón a súa xenerosidade por partillar algunhas das súas vivencias…

Transcribimos aquí por orde de envío:

“Tareixa, gustoume moito o obradoiro. Para sintetizar, diría que aprendín iso de vivir con dereito (e con dereitos). Aprendín dignidade e autoaceptación. Un abraciño. Te-la miña plena confianza. Saúde e Revolución.”

(Xan Daniel)

“Cheguei a este obradoiro cheo de expectativas positivas. Sei que, aínda que estas  non son boas compañeiras de viaxe, cumpríronse con creces. Viña  por “ferramentas” e levo un carro cheo delas.

A través das dinámicas feitas, só podo dar grazas. Doúme conta que son un home afortunado.  Neste camiño de Autocoñecemento que emprendín hai pouco tempo  tiña moito percorrido, moito máis do que eu cría. Dou grazas aos meus pais; fixérono o mellor que poideron. Dou grazas aos meus irmáns e á familia biolóxica que me tocou, familia de mulleres fortes e homes bos. Dou grazas aos meus fillos, pola enerxía que me transmiten cada día. Dou grazas á miña saúde, á miña boa saúde… tanto abusar  dela e nen unha soa queixa. Prometo coidarme. Pero sobre todo, dou grazas á miña parella, sen ela, non daría atopado este Camiño. Estivo aí, todo o tempo, comigo, no meu pensamento. Dou grazas a toda esta “Tribu de Homes” que me rodean agora mentres escribo isto; sen eles, este Obradoiro non tería sido tan enriquecedor. Grazas. “

(Juan Mosteiro)

“Deste obradoiro lévome aprender a coidarme, respeitarme e dignificarme. Reafírmome en que para min é bó e necesario abrirme emocionalmente e sentir que podo ter vínculos con figuras masculinas e que iso quero e boto en falta na miña vida.

Tamén me sinto máis preparado para reclamar o meu benestar sen sentirme culpábel, porque o merezo. A partires de agora vou intentar priorizar os vínculos de calidade e non inverter tanto en vínculos de pouca intimidade e vínculo emocional. Marcho ca noción de que aínda falta moito de min por descubrir e por coñecerme”.

(Bernar)

“Foi unha experiencia compartida entre homes nun espazo seguro onde traballar por unha nova masculinidade, por medio da autoconsciencia corporal e afectiva. Doume azos e ferramentas para, como dixo un dos compañeiros, facerme cargo de min. Aprender a estar, respirar, escoitarse a un mesmo, ser conscientes do corpo e dos seus coidados, de posturas actitudinais, especialmente da chamada postura da dignidade, unha postura a traballar no día a día para o resto da vida.

Conseguín pequenas/grandes ferramentas grazas ao (terapia do) reencontro para seguir conseguindo que os bos tratos estean cada vez máis presentes na miña vida e no meu entorno. Bos tratos comigo mesmo, escoitando o meu corpo e parándome, apalpándome, dándolle o seu tempo diario, a soas con el. Bo trato comigo por medio dos autoagasallos, do tempo para min, fóra das esixencias autoimpostas ou externas, permitíndome o pracer polo pracer, gozar da miña compaña e das cousas que ás veces non me permito, facéndoo ademais sen culpa. Bos tratos tamén cos demais, coa familia afectiva, coa familia biolóxica, coa parella, etc, respectando os seus tempos, necesidades e motivacións, relacionándome desde a postura da dignidade e a escoita activa, dando sen a escravitude de esperar algo a cambio

Finalmente, renovei o compromiso comigo mesmo de traballar por ser un home dos bos, asumindo a responsabilidade que teño, como xénero masculino mais desde a miña individualidade, co cambio profundo que necesita a sociedade nas relacións entre as persos máis alá da gaiola do xénero.”

(Roberto)

– “Continuo o meu proceso de câmbio e construçom pessoal. Conhecendo mais homens que tenhem o interese por melhorar as suas vidas fora da gaiola do género. Homens diversos e também diversos no abano de posibilidades de experimertar coa vida. Sinto estar a desfazer-me dumha mentalidade limitante que nom permite a liberdade de ser e estar no mundo.

O trabalho realizado permite abrir os caminhos en contacto co meu corpo, atopando o meu espazo espiritual do adentro. Sou um ateio viageiro da galaxia. Sou um ácrata com fé. Iso diz o meu corpo. Nom me dam medo as palavras se expressam o que eu sinto. Se o verbo se faz carne é porque me estou encarnando.

O Bom Trato começa por mim mesmo, tal vez esteja maltratando a outr@s se  eu mesmo me maltrato. Os coidados começam por um mesmo, se coidas perdendo-te de vista enfermas. Construes relaçons enfermas. O Bom Trato som cousas pequenas da vida que nos custa permitir-nos.

 A vida que passa à velocidade do lóstrego pode aburrir-nos com farturas do passado ou de incertos futuros.

Ponhemos fim a esta experiência asinando um contrato polo bom trato, pois fazer maus tratos nunca foi um bom negócio.”

(Expo)

Cheguei jodido e aberto, co que me permitín mostrarme e ser recibido sen simulacros. A pouca expectativa polo nivel de afundimento foi compensada ca sorpresa de recontactar comigo doutro xeito, dun xeito novo con reminiscencias de vellos contactos case esquecidos, e así redescobrerme e reafirmarme nas minhas necesidades e feblezas, abríndome a ser eu e non só un ideal moi bonito, pero que non é o que son realmente.

Manifestarme dende o que son e compartir con cadaquén do grupo ata onde se poida, respetando iso sen forzar nunha tentativa de ser o que non é e agradecéndoo coma é.
Respetalo bloqueo coma punto de partida do desbloqueo e liberación, escoitándome e escoitando, coidando e deixándome coidar. Compartir honesto.

Voume cheo de ferramentas e claves pra vivirme e sentirme e ca pena do remate e as ganas de mais, de continuidade e de seguilo meu traballo e crecemento partillando tempos e experiencias.”

(César)

“Para min foi un obradoiro moi gratificante e instrutivo. Gratificante porque me sentín e sinto a gusto coas dinámicas propostas, e instrutivo porque me permitiu e permite achegarme ao coñecemento de min mesmo, do meu corpo, das miñas sensacións, das miñas emocións.

Aprendín ferramentas enormemente útiles para o meu autocoñecemento, para cuidarme, para ir dándome conta do que me fai ben e o que me fai mal.

No obradoiro evidenciáronse situacińs que xa eu percibía, pero non eran explícitas, como o pracer de dar e de recibir, o pracer de coidar e coidarse…

Remato coa sensación de que me atopo ao inicio dun longo camiño de autocoñecemento, e de que depende de min a decisión de camiñar por él ou abandonalo; pero teño o firme convencimento de que, xa que agora dispoño de valiosas ferramentas para camiñar por él, continuarei poreste camiño, pois resúltame moi pracenteiro e tranquilizador.

Xurden tamén moitos interrogantes… Quén sabe o que nel atoparei? Ou con quén me cruzarei? Ou se sairei del con ou sen retorno nalgún momento? Darase a ocasión de convidar a camiñar por un camiño semellante a outras persoas?…”

(Eladio)

“Nun principio o obradoiro deume medo e sentinme moi nervoso, pois sentíame coma si fose un bicho raro o cal ninguén comprende, e que teme atoparse con velhas feridas que me produciron tanto dano.

Pero, pouco a pouco, vendo que eu non son o único que ten medos e feridas,  xunto aos companheiros sentín a sua solidaridade e respeto, facendo que mentras os ía conhecendo a eles, poidese conhecerme un pouco mais a min, coma si me mirase nun espelho

Fun aprendendo  a respetarme e a coidarme, mentres intentaba coidar o resto do grupo deixándome coidar por todos eles, sentíndome un igual. Os meus medos foron desaparecendo e os prexuicios cara min e os demais foron evaporándose un pouco mais, convertíndose en ansias de seguir a trabalhar no respeto e no bo-trato a un mesmo  e os demais, sentindome mais forte e consciente, e ainda que removido polas minhas feridas mal curadas, atento e con ganas de sanalas.

 Grazas por todo, agradecido de ter vivido esta experiencia, con este obradoiro conseguín ser un pouco mais persoa, das persoas de verdade que fan cousas boas para o mundo e para un mesmo.

(V. Castro)

– “O que tirei do obradoiro? Decidim dar-me permissom para começar um processo do que ainda estou no início. Um processo de, sobretodo, conhecimento do corpo e das emoços. Ciente das carências da medicina nesse ámbito, e ciente das contradiçons que me provoca um caminho individual, mas disposto a caminhar com elas e procurar potencial para lhe devolver ao coletivo no futuro. Dar-me permissom para a experimentaçom e o erro, mesmo para procurar o prazer na aprendizagem através do erro (do método científico do ensaio-erro). Para passar da dinámica da obriga, da auto-exigência, da culpa e da autopuniçom à dinámica do desejo e do prazer.

Lembrei a importância, a necessidade do coletivo, do grupo de pares para estes processos. Da companhia, da escuita e do nom-juízo, das experiências partilhadas, ou resoantes ou totalmente desconhecidas, mas mui enriquecedoras. De politizar essas experiências e emoçons, e de fazer oco para elas na política, no coletivo.

Aprendim o importante de tomar decisons e compromissos com um próprio, verbalizá-los, concretizá-los. Dedicar-lhe também ao adentro as palavras, que tantas vezes se dedicam só ao afora.”

(Paulo)

Activistas galegas: a axenda feminista 2018 do Observatorio da Mariña pola Igualdade

As compañeiras do Observatorio da Mariña pola Igualdade mándanos información sobre a Axenda Feminista 2018, unha axenda que vai xa pola súa oitava edición e que, un ano máis, escolle a 12 mulleres para protagonizala.

Preséntana deste xeito: “En edicións anteriores a Axenda Feminista escolleu como protagonistas a galegas dedicadas á música, á escrita, ao teatro, á poesía, á ciencia e ás labregas en leiras de mar e de terra. N0 2018 a temática da Axenda Feminista céntrase no ámbito do activismo”. A Axenda Feminista 2018 leva por título Activistas galegas e con ela quérese visibilizar o activismo realizado por mulleres da Galiza. 

Mulleres como Laura Bugalho (na foto), Isabel Vilalba, Antonina Semedo, Susana Riveira, Paz Filgueira, Marisela González ou Iria Villar, entre outras…

A Axenda pódese atopar nos seguintes puntos de venta:
– Ribadeo: Libraría Casa das Letras.
– Foz: Libraría Bahía.
– Burela: Libraría Espacio Lector Nobel.
– Viveiro: Libraría Porta da Vila.
– Vilalba: Libraría O mundo de Suevia.
– Lugo: Libraría Trama.
– Sarria: EcoEspazoVitriol.
– Santiago de Compostela: Libraría de mulleres Lila de Lilith.
– A Coruña: Livraria Suévia.
– Arzúa: Papelería Cartafol.
– Vigo: Libraría Andel.
– Allariz: Aira das letras.
– Pontevedra: Libraría Paz.

Un fermoso agasallo… ou auto-agasallo para estas datas…

 

Unha viaxe cara a dentro… Intuín a forza que hai en min, un poder para abrazar a liberdade de ser quen son

Hoxe é Lara quen quere compartir con nós algo da súa viaxe… Obradoiros, sesións individuais, vida… Graciñas por partillar a través das túas palabras…

“Quero pórlle palabras ao profundo, ao río baixo o río no que me somerxín da man da terapia do reencontro nos últimos tempos, e que foi emerxendo en cada sesión, cada vez con máis forza, con máis sentido. Pero como se pode falar do que non se coñece coa mente, coa razón, senón co corpo? Que linguaxe utilizar? Véñenme sensacións, ideas soltas… só momentos nos que a intensidade dunha emoción-recordo alteraba a orde da miña conciencia e algo, nalgún lugar, tronzaba unha cadea. Só instantes nos que unha confianza incondicional me envolvía cunha calidez extremecedora, imbuíndome unha calma que apenas coñecía e me permitía, tamén nalgún lugar, chegar a casa.

As veces sentinme afogada por toda a información que gardo dentro de min, no meu corpo, e que conforma o meu proceso de vida. Pór luz e conciencia na que son, foi como escalar unha montaña moi alta, por camiños empinados, descoñecidos, difíciles, esgotadores… Pero, a cada paso, a altitude impuña unha visión nova, panorámica, que alimentaba o impulso de chegar a min mesma. Descoñezo a cota á que cheguei, só sei que o proceso é longo, tanto como o sexa a vida, e que o camiño é o certo.

Estou orgullosa de ter atopado a forma de emprender unha viaxe cara dentro, cara a orixe, de ter baixado ao inferno propio que me habita e afrontar os meus demos íntimos para recoñecerme neles, para desmascaralos e abrir o paso ao que hai en min tamén de paraíso. Como heroína-nena mitolóxica (Innana, Perséfone) andaba na procura da deusa-nai, e agochada no escuro, nas sombras que nos chaman dende os soños, nos remuíños das emocións tecidas no corpo, atopei unha sabedoría que me é propia e allea ao mesmo tempo, que me atravesa pero non me pertence. Da súa man, atravesei a raiba, a dor, o medo, para chegar á ferida que me facía de espello, para vela, nomeala, sentila, e deixala ir. Din que a ferida é o oco polo que a luz entra, e así sentín que foi. Desfixen loitas e loitos, como quen tira do fío dunha madeixa enleada, até chegar ao nó do embigo no que o cordón umbilical debía ser outra vez cortado. Recoloquei á nai, ao pai… as e os que me anteceden, e parinme a min mesma.

Intuín a forza que hai en min, un poder san, que non fire e que non se deixa ferir, que me ensina a por o si e o non onde sinto que deben estar, sen medo a ser castigada ou abandonada no desamor, e abrazar a liberdade de ser a que son.

E estou agradecida por terte atopado, Tareixa, polo teu acompañamento, por ser guía, mestra, compañeira… Grazas polo espazo cálido e seguro que constrúes, por soster coa túa confianza o meu proceso e darme as ás para voar por min mesma.”

Lara (Novembro 2017)

O uso do erótico: o erótico como poder – Audre Lorde

Bárbara remítenos un escrito da feminista afroamericana Audre Lorde (1934-1992); un escrito presentado como ponencia en 1972 para o Cuarto Congreso de Berkshire sobre a Historia das Mulleres: O uso do erótico: o erótico como poder.

Para acceder ao texto, fai clic aquí: O uso do erótico: o erótico como poder

Esta ponencia foi publicada posteriormente no libro La hermana, la extranjera (1984),​ a obra máis coñecida desta destacada feminista lesbiana, activista polos dereitos civís contra o racismo, o machismo e a opresión heteronormativo. Unha obra que foi editada no 2003 en español pola editorial feminista horas y HORAS.

Tras pasar pola experiencia dun cancro de mama, publicou en 1981 Los diarios del cáncer, un texto dirixido tanto a quen vivíu a experiencia, como a quen acompañan a outras no proceso.