Tres libros para hoxe… Tres publicacións das que Noelia, Tania e Natalia, Marga, así como Mari, Mónica e Leticia foron partícipes activas e ilusionadas; todas elas mulleres que participaron nalgún momento con nós nos obradoiros do Reencontro…
Velaí os libros e as invitacións a participar nas presentacións… Graciñas, compañeiras, pola vosa creatividade malva que nos engrandece a todas…
O grupo de traballo Fiadeiras, do Colexio de Educadoras e Educadores sociais de Galicia -no que participan activamente entre outras compañeiras Noelia, Tania e Natalia- acaba de editar o libro Machismos: de micro nada. É un traballo de sensibilización e denuncia do chamado micro-machismo, das actitudes e comportamentos que os homes seguen exercendo en relación ás mulleres na vida cotiá, formas de violencia sutil e imperceptible que reproducen a desigualdade. Unha publicación que reivindica unha vida libre de violencia machista… O libro vaise presentar o venres 27 de novembro ás 20h na librería Lila de Lillith de Compostela…

Preme aquí para acceder ao dossier da publicación
Marga fainos chegar de parte da Asociación de Mulleres Arela de Saxamonde, a invitación a participar na presentación do seu libro Mulleres e memoria en Saxamonde. Será na escola de Saxamonde, o sábado 21 de novembro ás 18h. Este libro é a culminación de todo un proceso de investigación participativa realizado polas veciñas da parroquia de Saxamonde, en Redondela (Pontevedra). A través das fotos e da palabra, recuperan a memoria das mulleres da zona. En palabras da directiva da Asociación, “Quixemos salvagardar a memoria das mulleres, o que supuxo a vida das mulleres, que parece que a vida sempre foi escrita polos homes…”

Mari invítanos á presentación do libro Renda Básica das Iguais e feminismos. Da centralidade do emprego á centralidade da vida, do que é co aoutora. Coma ela mesma apunta: “Este traballo é froito da práctica cotiá e da reflexión conxunta, colectiva e horizontal. Feito con amor, coidado, apoio mutuo e moita rebeldía. Nel tratamos de compartir… como a Renda Básica das Iguais é unha ferramenta igualmente válida para as nosas loitas contra o heteropatriarcado capitalista… Comprometidas con voltar a alimentar as loitas feministas e polos dereitos sociais na Galiza e nutrir diferentes propostas encamiñadas a desprazar o emprego do centro das nosas vidas, substituíndoo polos coidados, afectos, relacións, participación e emancipación, presentamos a edición galega deste texto.” Tamén participan na publicación Mónica e Leticia, outras dúas compañeiras dos obradoiros do Reencontro…