Arquivo por meses: Novembro 2019

Divas de diván – Contos eróticos para abrir boca

É un pracer para min compartir un evento no que participa a querida Ángeles Goás, que coñecín de nena e moza por terras de Abadín…

Cunha apertiña para ela vai este convite, que vai ser este vindeiro venres 22 de novembro, ás 21h, na Escola Unitaria de Compostela

 

Como elas mesmas expresan: “Nas culturas celta, babilónica, sumeria, etrusca, nipona, azteca, semita, mesopotámica, exipcia, chinesa, xermánica, nórdica, lituana, grega e romana o pobo rendiu culto a distintas deusas da sexualidade, os desexos e mailo pracer.

En Galicia, nos tempos que corren, a carnalidade e o instinto teñen templo en case cada casa no corpo de cada muller. Non é o mesmo ser divinidade que diva. Pero por sorte as divas son moito máis fáciles de alcanzar.

A Vero, a Ángeles e a Carmen xúntanse arredor dunha mesa mentres pican queixo de tetilla, comparten uns chouriciños e proban que pementos pican e cales non, para contarnos historias da erótica do noso país. Porque dende logo, si, cos contos que elas traen hai material para fundar a nosa propia mitoloxía.”

Se queres máis información, podes facer click aquí

A Sheela-Na-Gig… tamén na Galiza!


Concha, compañeira de obradoiros e amiga, acaba de reenviarme a referencia dun artigo titulado Conas insubmisas e Sheelas, editado en Luzes este pasado mes de outubro con motivo da denuncia interposta pola Asociación Española de Avogados Cristiáns a un grupo de feministas sevillanas por levar de xeito reivindicativo a imaxe dunha grande vulva de látex en procesión polas rúas da cidade. Logo de celebrarse o xuízo, as feministas sevillanas foron finalmente absoltas.

Con este motivo, o artigo aproveita para dar a coñecer a figura das Sheela-Na-Gig (podes consultar o artigo facendo click aquí).

Como apunta unha das investigadoras de cultos celtas, Edain McCoy, no seu libro A muller celta. Espírito e misterio, “a figura da Sheela-na-Gig é a imaxe dunha muller que abre a súa vulva en forma de triángulo… O deseño triangular da vulva evoca o número tres sagrado da triple deusa: a virxe, a nai e a vella, representando o ciclo completo de nacemento, morte e rexeneración”.

Edain McCoy fala de que é “unha imaxe que se atopou gravada nos limiares de pedra, normalmente en lugares sagrados… Moitas destas tallas foron usadas polas monxas para decorar as portadas dos conventos irlandeses e posteriormente destruídas polos homes de igrexa ao atopalas aí. A finais do século XIX un arqueólogo atopou un lote delas enterradas preto das ruínas dun vello convento irlandés…”

Na Galiza asomou unha Sheela-Na-Gig en Coirós (A Coruña), coa figura da Moura de Pena Furada que, como non, paga a pena ir ver!!!

Algunhas outras imaxes coñecidas da Sheela-Na-Gig son as de Kilpeck (Inglaterra), de Rahara (Irlanda) ou da Igrexa Sainte Radegonde de Poitiers (Francia) (máis abaixo e por orde):