Arquivo por meses: Outubro 2017

Obradoiro para homes: Autocoñecemento para o Cambio

Desta volta, damos información dun obradoiro de Autocoñecemento para o cambio para homes. En palabras dos compañeiros de Micromachinhos que o organizan:

“O grupo de homes de Compostela ‘Micromachinhos’ organizamos, coa colaboración da Concellaría de Igualdade do Concello de Santiago, un novo obradoiro. Nesta ocasión contaremos coa sabedoría de Tareixa Ledo Regal, formada en autocoñecemento, sexualidade e relacións humanas en Terapia de Reencontro, quen nos guiará no obradoiro “Autocoñecemento para o cambio. Obradoiro vivencial teórico-práctico para homes“.

Como en anteriores cursos, as prazas son limitadas e é necesario realizar inscrición previa enviando un correo para micromachinhos@gmail.com

Os días, horarios e local son:

  • Dias 24, 25 e 26 de novembro e 15, 16 e 17 de decembro de 2017
  • Sextas feiras de 17h a 21h, sábados de 10h a 20h e domingos de 10h a 14h
  • Local: Casa do Matadoiro (Compostela)

Animádevos!”

I Feira Feminista de Outono o sábado 28 de outrubro en Ribadeo

A nosa compañeira Mónica, de Ribadeo, envíanos esta información da I Feira Feminista de Outono, organizada en Ribadeo polo Observatorio da Mariña Pola Igualdade e o Concello de Ribadeo para o sábado 28 deste mes de outubro.

Segundo o Observatorio da Mariña pola Igualdade, “A xornada acollerá múltiples actividades do ámbito social, cultural e educativo que terán por escenario principal a Praza 8 de marzo.

Os obxectivos principais deste proxecto impulsado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade son, entre outros, visibilizar proxectos feministas que se están desenvolvendo en Galiza, poñer en común experiencias e persoas que comparten o feminismo como ferramenta para acadar a igualdade e implicar a diferentes colectivos, mulleres e institucións públicas na difusión da mensaxe da igualdade e do feminismo.

A I Feira Feminista de Outono en Ribadeo contará coa presenza dunha longa lista de entidades e organizacións que traballan con perspectiva de xénero no ámbito social, cultural e educativo en Galiza. Así, estarán nos postos da Praza 8 de marzo a Concellaría de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres do Concello de Ribadeo, a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, as revistas Revirada e Andaina, diferentes organizacións sindicais, a Marcha Mundial das Mulleres, a Plataforma Feminista Galega, o Comité Lila do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, o Festival Agrocuir da Ulloa etc.

Abrirá o programa, ás 12 da mañá, a realizadora e actriz Sonia Méndez cun pregón feminista amenizado polo grupo local de Falapandeireta Erikas e Peluxías e polo grupo de música tradicional A Subela e, ademais dunha degustación de vermús con versos feministas que terá lugar en varios locais da vila antes do xantar, haberá tempo para varios talleres sobre autocoñecemento e sexualidade con Martina González Veiga, na Oficina de Turismo, e para a música e o baile.

A partir das 21 horas gozaremos cunha Verbena feminista na que Touciño Blúes e as Punkiereteiras pecharán a xornada na Praza 8 de marzo.”

Que ben soa todo isto… A destacar a actividade “Quererme ben para querer mellor”, un obradoiro de autocoñecemento e sexualidade para mozas de 14 a 18 anos. Para participar compre escribir a observatorioigualdade@gmail.com (Tlfno. 646 00 33 43)

I Feira Feminista de Outono

 

Vínculos afectivos e relacións amorosas para o BoTrato Obradoiro en Compostela

Benquerida compañeira

Mándoche esta invitación para o obradoiro de VÍNCULOS AFECTIVOS E RELACIÓNS AMOROSAS PARA O BO TRATO que comeza en Compostela a finais deste mes de outubro.

Un espazo para ver como me coloco nas miñas relacións afectivas… Constrúo relacións que me desgastan e me sacan enerxías? Ou constrúo vínculos que me fan ben e me nutren?

Imos comprender os dinamismos dos procesos amorosos: a sedución e o namoramento, da fusión e a separación, dos guións de vida, dos negociables e dos innegociables… Miraremos como construír espazo persoal e espazo compartido desde os diferentes modelos de relación. Achegarémonos aos procesos de desamor para ver como atravesar as rupturas e as despedidas.

Queremos colocarnos en relacións de bo trato, conectando coa nosa creatividade, para construír múltiples e fermosos proxectos amorosos para as nosas vidas.

Máis abaixo aparecen as datas das sesións e outras informacións de interese.

Por suposto, podes facer extensiva esta invitación a outras mulleres que poidan estar interesadas: amigas, irmás, tías, madriñas, nais ou fillas, parellas, colegas, veciñas…

O prazo para apuntarse é o mércores 18 de outubro. Coma sempre, as prazas van ser limitadas.

Para apuntarte e para calquera outra cuestión podes chamarme ao 639 20 36 69.

Unha apertiña.